Billie Eilish – WHEN WE FALL ASLEEP, WHERE DO WE GO?

DATA DE LANZAMENTO: 29/03/2019
DISCOGRÁFICA: Interscope

Billie Eilish – WHEN WE FALL ASLEEP, WHERE DO WE GO?

DATA DE LANZAMENTO: 29/03/2019 DISCOGRÁFICA: Interscope

by | Abr 4, 2019

Alá por 2016, aparecía en Soundcloud unha de tantas artistas que vían naquela plataforma online un pequeno escaparate onde comezar a facer temas. Aquel Ocean Eyes soaba un pouco a Lana del Rey, non creo nin que ela se poida mentir a si mesma, mais soaba moi ben. A día de hoxe, o videoclip do tema conta con 95 millóns de visualizacións en Youtube.

En 2017, o seu tema Bored formou parte da banda sonora de Por 13 Razóns. Xunto a aquel, lanzara o seu EP Don’t Smile At Me. Soaba máis actual, máis propia, menos Lana del Rey, buscando o seu espazo. O pelotazo estaba máis que dado, e era unha cuestión de tempo que viramos o seu debut oficial a modo de álbum. E dous anos despois, neste 2019, chegou WHEN WE FALL ASLEEP, WHERE DO WE GO?.

Dicía a propia Billie Eilish nunha entrevista a Zane Lowe para Beats 1 que un dos obxectivos do álbum era que, ao xuntar 14 persoas ás que lle gustaran xéneros musicais diferentes nunha habitación, ao escoitar o disco lles gustara ao menos unha delas. Se temos isto en conta, podemos ver nisto un obxectivo minimamente accesible —se non nos imos a moitas ramificacións musicais—, mais ao mesmo tempo á hora de analizar o álbum plenamente non podemos senón rematar desconectados, aburridos.

Neste senso, rematamos nun álbum de 14 temas que rematará sendo carne de playlists aleatorias, pois non todas están feitas para destacar ou competir entre elas, e moito menos forman parte dun todo. Ao final, sinalaremos sobre as demais nin sequera as mellores, senón aquelas cuxos ritmos coinciden máis con aqueles que sexan máis tachables de mainstream, caendo o resto no esquecemento.

Tendo isto en conta, pode que aínda con todo un dos principais problemas do álbum sexa que, se ben a finalidade procurada deste fora a anunciada, fora diso nos atoparemos á hora de escoitalo con certos patróns dunha canción a outra repetidos para procurar certo sentido dun tema a outro: intensos baixos resoarán nos nosos auriculares ou farán tremer aos nosos altofalantes en practicamente todos os temas, incluso aqueles dun corte máis intimista como listen before i go.

Finalmente, poderemos sintetizar os temas entre os máis achegados ao art pop e os que máis preto do electropop ou o trap se atopen, destacando na primeira vertente all the good girls go to hell e i wish you were gay; e na segunda my strange addiction e bad guy. Chama a atención especialmente este último, pois trátase dunha das menores maneiras de comezar un álbum vistas neste 2019, así como tamén unha das cancións do ano, cun ritmo trepidante que fará mover as nosas cacholas ao seu ritmo inevitablemente. 

Con todo, non podemos dicir que a produción do álbum sexa, a pesar de tal vez pouco orixinal, mala: afastada de crear novos sons, Billie Eilish postúlase como unha figura emerxente capaz de chegar a moitos estilos diferentes, da cal aínda nos quedan moitos anos de consolidacións, concrecións e evolucións.

A nivel lírico, a artista anxelina consegue na súa maioría ser egocéntrica e pesimistamente acertada, nun álbum cheo de cancións que, para sorpresa de moitos que —lamentablemente— atendían soamente á idade da artista, e non ao que esta podía traer consigo, deixa grandes e pegadizos versos , sendo sinxelo quedarse con eles e prontamente cantables.

Destacan en orixinalidade e perspectiva temas como xanny, cunha visión necesaria e optimista cara as adiccións e á saída desta, así como á non necesidade das drogas, ou wish you were gay, que cede a un desengano amoroso unha perspectiva destinada a un público millenial interesante, cómica e triste ao mesmo tempo.

Tras un EP e ata vinte sinxelos, o debut de Billie Eilish cumprirá para moitos os mínimos que ela mesma se puxo, e gustará, ao mínimo, unha das cancións deste. Cunha variedade estilística que pode dar medo, e entre o aburrimento e a excelencia, When We All Fall Asleep, Where Do We Go? postúlase como un debut do que se entende todo o que está a dar a falar, e que merece a pena escoitar varias veces.