Nós

Dirección: Jordan Peele
Guión: Jordan Peele
Fotografía: Mike Gioulakis
Música: Michael Abels
Ano: 2019
País: Estados Unidos

 

Nós

Dirección: Jordan Peele
Guión: Jordan Peele
Fotografía: Mike Gioulakis
Música: Michael Abels
Ano: 2019
País: Estados Unidos

by | Abr 4, 2019

‘Nós’ e o medo que pode dar o mundo real

O cinema de terror máis representativo ao longo da historia sempre tivo un fondo social. Incluso no expresionismo alemán, que se considera o seu predecesor máis directo, atópanse películas como O Gabinete do Doctor Caligari fundamental para entender o contexto da República de Weimar e os condicionantes que levarían ao país ao nazismo. Un dos grandes exemplos contemporáneos deste cinema é Déixame saír, onde o director estadounidense Jordan Peele eleva a cuestión do racismo por enriba da súa propia película.

Peele segue o mesmo camiño con Nós nun proxecto máis arriscado que o seu anterior longametraxe. Nesta ocasión utiliza un tema recorrente ao longo da historia do arte: o doppelgänger. E dicir, a crenza de que todo individuo ten un dobre malvado. Unha copia de cada persoa que funciona a modo de cara escura da moeda.

Hai un elemento de contraste entre comedia e terror que xa estaba presente no seu anterior traballo pero que neste desenvolve moito máis. Un balanceo entre xéneros que, aínda que en momentos concretos desborda e cae nun absurdo non pretendido,  en xeral funciona bastante ben. En ocasións a película é unha terrorífica obra de terror psicolóxico, como na memorable primeira escena que case funciona a modo de curtametraxe, outras un Funny Games estridente. Na maior parte do metraxe parece unha homenaxe á serie B do cinema de terror dos 80 coroada nun representativo momento cos Beach Boys de fondo.

Precisamente a banda sonora é un dos valores fundamentais do filme. Aquí vese á perfección o balance de xéneros e o resultado da elección é espectacular. No filme pode escoitarse dende rap noventeiro ata un coro múltiple de voces totalmente disonantes, máis que dúas caras dunha moeda, antagonistas que non buscan entenderse.

Porque así se nos presentan aos dobres respecto aos personaxes. Posúen a personalidade dos seus orixinais pero cun cariz vingativo e primario. O máis apaixoante é que existe un esforzo de axustar realmente o seu xeito de comportarse á súa cara boa. Disto pode entenderse que a película está sustentada nas súas interpretacións, ao igual que pasa na mellor película de terror dos últimos tempos, Hereditary. En xeral, todos os actores están a un gran nivel, especialmente Lupita Nyong’o, que debuta nun papel protagonista pola porta grande.

Tamén é destacable a forma na que o director xoga coas referencias: Hitchock, Haneke, Kubrick ou elementos do cinema de terror coreano son palpables. Parece que están deixadas aí a propósito, como migas de pan marcando o camiño, pero non nun xeito de mostrar as súas influencias (ou polo menos non so iso) senón que case funcionan xeito de conversa co espectador. Peele colle eses elementos pero ten un discurso propio moi claro. Da mesma forma que colle elementos do terror vistos unha e outra vez e os renova dándolles contido, non rexeitándoos. Ten en conta que o espectador xa coñece e os aproveita no seu favor.

Se no seu anterior traballo Peele denuncia o racismo, neste caso a crítica principal é ao sistema económico capitalista. Na película a relación dos humanos cos seus clons é excluínte: Uns teñen que estar atormentados para que outros podan vivir dun xeito cómodo. uns teñen que vivir na sombra para que outros podan desfrutar da luz do día. Uns dos elementos máis importantes neste sentido é que os doppelgängers son clons pero non teñen exactamente o mesmo aspecto. Están máis desaliñados e sucios ou teñen algún tipo de trazo que se poda asociar a como vivirían os protagonistas se tiveran unha clase social moito menor.

E isto de por si, denota que Nós é probablemente o proxecto máis maduro e ambicioso de Peele. Pero a pesar de todas as cousas boas, o produto non será lembrado máis aló de por uns cantos. Ao intentar dotar de contido á obra, o director (tamén autor do guión) incorre en numerosas incongruencias que non arruínan a experiencia pero si que resultan incomprensibles tendo en conta o ben construído que está a universo cinematográfico cun uso das metáforas visuais moi destacable. Ademais a partir do seu terzo final a obra ten un xiro cara a ciencia ficción bastante arriscado que podería saír as mil marabillas pero que simplemente neste caso non funciona.

Pero non vou sancionar as ganas de contar as cousas dun xeito diferente, para gañar hai que tropezar. Nós ten eivas que lamentablemente afean o resultado final pero tamén cousas moi interesantes. Jordan Peele avanza cada vez máis e consolida a súa voz como algo diferente. Como un murmurio no medio da noite onde como se pode ver na Biblia, en Jeremias 11:11: “Chamaranme a gritos pero non prentedo escoitalos” e que engadirá despois dunha pequena pausa: “Estarei facendo cine·”.