Káryyn – The Quanta Series

DATA DE LANZAMENTO: 01/03/2019
DISCOGRÁFICA: Mute Artists

Káryyn – The Quanta Series

DATA DE LANZAMENTO: 01/03/2019 DISCOGRÁFICA: Mute Artists

by | Abr 8, 2019

Cando escoitei por primeira vez os primeiros segundos de The Quanta Series de Káryyn víuseme instantaneamente á cabeza unha escea de Blade Runner 2049 na que os personaxes principais estanse a enfrentar nunha Las Vegas post-apocalíptica mentres o equipo de son dun casino está atascado fallando de fondo, repetindo pequenos fragmentos de música a todo volume de maneira intermitente.

The Quanta Series ten moito de música post-apocalíptica. A produción, coidada ata o extremo, mistura texturas electrónicas con instrumentos de corda e percusións imposibles que lembran ao IDM. Unha base musical abstracta e futurista que está en todo momento ao servizo da voz, protagonista absoluta deste disco, que a diferencia do acompañamento instrumental aparece completamente inalterada.

Nunha época na que o autotune e a manipulación das voces son un dos elementos máis comúns a os xéneros musicais máis populares do momento, Káryyn opta polo contrario. Pero tamén resulta evidente que este disco non busca soar actual, senón parecer chegado dun futuro todavía moi lonxano, que nin sequera podemos imaxinar. A voz impoluta da cantante transmite humanidade ao resultado final. Algo necesario para facer accesible o resultado final deste disco, xa que de non ter así podería chegar a soar case alieníxena.

Que a voz se manteña cun son natural todo o tempo resulta unha decisión acertada dende unha perspectiva conceptual. Káryyn, de orixe Siria e descendente de supervivintes do xenocidio armenio, canta en boa parte do tempo sobre a morte e a perda a través das súas crípticas letras. Cancións como Ambets Gorav, cantada en armenio, ou Aleppo, na que fala da memoria sobre unha base especialmente electrónica e ruidosa, son imposibles de separar do pasado da artista. Esta idea remárcase co vídeo da canción, conformado por imaxes da infancia de Káryyn na cidade Siria onde creceu, convertida hoxe en día nunha enorme ruina tralo conflicto armado sirio, no que Káryyn perdeu a dous familiares.

O disco segue unha estrutura moi desequilibrada que lembra aos estranos tracklist que empregaba David Bowie nos seus discos da triloxía de Berlín. A primeira metade de The Quanta Series está conformada polas pistas máis enérxicas como Ever ou Binary mentres que na segunda metade triunfan os sons máis ambientais, que deixan todo o espazo posible á voz de Káryyn. Non hai cancións instrumentais neste disco, mais si que aparecen pistas nas que a voz é case o único elemento presente. O último segmento do disco retoma a intensidade do inicio con cancións como a xa mencionada Aleppo ou Segment & the Line, que pecha o álbum nun punto esperanzador.

The Quanta Series é un disco que amosa de todo o que é capaz a música en 2019. Pode resultar excesivamente abstracto nun primeiro momento, máis a forza emocional que transmite e a súa excelente produción son innegables. Káryyn firma un álbum cun son futurista que reflexiona sobre un presente que non somos quen de chegar a comprender ou asimilar. Un debut tan sorprendente como impoñente que obriga a prestar atención aos seguintes pasos que poida dar esta artista.