by | Abr 10, 2019

‘Besta do seu sangue’: unha engaiolante viaxe ás entrañas da psicopatía

Τodxs vivimos na compaña dos lobos. Metémonos a cada pouco no seu circuíto de sombras. No seu punto de mira. Ao rematar de ler Besta do seu sangue unha non deixa de ter a sensación de que efectivamente pasou a formar parte dese mundo primixenio, animalizado e visceral que evocan as súas páxinas. Un mundo tebroso pero fascinante que atrapa dende a primeira liña, que fai imposible que unha poida aparcar a súa lectura até o día seguinte e que, ademáis, resulta nunha proeza literaria que está ao alcance de moi poucas: facer a novela case perfecta en menos de cento cincuenta páxinas. Un privilexio pouco doado de lograr pero digno do colosal talento literario de Emma Pedreira (A Coruña, 1978).

Emma Pedreira é unha das poetas e narradoras máis consolidadas da literatura galega actual, cunha dilatada e multipremiada traxectoria que se remonta a dúas décadas atrás e que non cesa de dar éxitos editoriais para as nosas letras como o poemario Antídoto (premio de poesía do Certame Literario do Concello de Vilalba en 2017) ou o libro de relatos curtos Bibliópatas e fobólogos (premio da crítica española de narrativa galega tamén en 2017). Sendo ademais unha das principais figuras do colectivo de crítica literaria A Sega, o seu compromiso feminista tamén se plasma no seu xeito de entender o feito literario, estendéndose á súa última novela, Besta do seu sangue, publicada o ano pasado e moi merecidamente galardoada co premio Xerais de Novela. Agora esta mesma obra vén de ser distinguida co premio á mellor novela do ano outorgado pola revista dixital Fervenzas Literarias, motivo máis que suficiente para recuperala e traela a unha actualidade que, por outra banda, nunca abandonou.

A proposta de Pedreira parte da historia de Manuel Blanco Romasanta para compoñer un relato transgresor e anovador que engade arestas á coñecida e case lendaria figura do home lobo de Allariz. Aínda que nun principio as indagacións da autora sobre o tema non tiñan como obxectivo a súa reelaboración novelada, como ela mesma recoñeceu nalgunha entrevista, estas acabaron dando como resultado un relato maxistralmente fiado que nos introduce na mente da besta e na súa sórdida busca do vermello, dese sangue tan instintivamente perseguido e que só os corpos das mulleres que vai devorando son quen de proporcionar.

Besta do seu sangue recorre a unha formidable técnica narrativa que mide as palabras pero non escatima en sorpresas. A ambigüidade e o lirismo, potenciados por unha buscada e acertada concisión, poñen a proba as expectativas do lectorado, que asiste a unha reinvención nada convencional do mito, repleta de imaxes poderosas e suxerentes e definida por unha marcada dualidade na caracterización do seu personaxe principal, que racha coa representación estereotipada da do asasino en serie ao mesmo tempo que engade unha moi interesante ollada de xénero. A autora rétanos a unha engaiolante viaxe ás entrañas da psicopatía cunha prosa nada compracente, que intercambia voces e discursos sen previo aviso pero que nos mergulla eficaz e totalmente na escura atmosfera dunha historia nunca tan excelentemente ben contada.

Coido que non caio nunha infundada esaxeración se aseguro que Emma Pedreira constrúe en Besta do seu sangue o gran relato de terror e suspense da literatura galega actual e que este axiña achará o seu destacado lugar no conxunto dun canon que xa posuía grandes achegas a este subxénero. A calidade da novela transcende os límites do inmediato e o ditado das modas literarias que veñen e van: polo seu orixinal tratamento do material de partida e pola súa prosa tan arriscada como hábil e cativadora, non me cabe dúbida de que este libro está chamado a ser un dos novos clásicos de referencia das nosas letras (e non só das contemporáneas). Un libro para non esquecer ao remate das súas derradeiras páxinas cuxa lectura xa non é simplemente recomendable, senón que é imprescindible.

Besta do seu sangue

Autora: Emma Pedreira
País: Galicia
Ano: 2018
Editorial: Xerais

Besta do seu sangue

Autora: Emma Pedreira
País: Galicia
Ano: 2018
Editorial: Xerais