by | Abr 15, 2019

Xogo de Tronos 08×01: Un exercicio de nostalxia

Xogo de Tronos volveu despois de dous anos. Iso significa volver a trasnoitar, a facer teorías absurdas e a queixarse e emocionarse a partes iguais. Volve o soño de madrugar ao día seguinte de ver o capítulo, estado no que estou a escribir estas liñas. Volven os dragóns, os Lannister, os Stark e os camiñantes brancos. Pero esta vez ten algo de especial: é a última vez que vai volver. Xogo de Tronos remata nesta tempada. Decídese todo e as apostas por ver quen ocupa finalmente o trono de ferro están sobre a mesa. Chega ao final a serie máis vista de toda a historia, o evento de masas da última década, a fábula sen lección para a vida coa que creceu unha xeración.

E os responsables da serie son totalmente conscientes desa situación. Saben de sobra que a xente morre polo hype. Que os seus fans levan unha década vivindo coa serie e por iso este primeiro capítulo e unha onza de chocolate con leite feita para os eles, aínda que non por iso brillante. A primeira escena é un claro homenaxe ao primeiro capítulo da serie, onde os Lannister chegaban a Winterfell con Robert. Máis ben Robert cos Lannister, pero tendo en conta como se desenvolveron os acontecementos, paréceme máis adecuado. Neste caso é Daenerys con todo o seu exército e dous dragóns adultos. É un capítulo de reencontros. De moitos reencontros. Como se quixeran ter complicidade coa audiencia que leva agardando dous anos por esta tempada. O meu favorito o de Jon e Arya oito tempadas despois, realmente emociónate.

Pero como dicía antes Xogo de Tronos xa non brilla. Como se dixo no capítulo: “Non hai tempo”. Fai moitas tempadas que nos despedimos desa serie onde o importante eran os desenvolvemento de personaxes e a trama avanzaba lentamente para explotar nos últimos capítulos. Como era de agardar este capítulo, aínda que non con tanto como na anterior tempada, peca de viaxes rápidos, accións omitidas e, polo xeral, unha certa inconsistencia. Sobre todo na parte que non se desenvolve en Winterfell, onde entre Euron e Cersei, parecen que todos están todos teñen nubrada a mente. Aínda así eu entendo todas as súas eleccións, que non estaría triste se non ten elefantes na súa vida?

Do máis importante desta minoritaria parte do capítulo no sur é o rescate de Yara por parte de Theon, que aínda que fora bastante insulso e unha das peores partes do capítulo respecto a súa execución, deixa unha idea que pouco o nada se tratara con anterioridade: a importancia estratéxica das Illas do Ferro. Un lugar nun principio seguro de camiñantes brancos por estar rodeados de auga. Aínda que isto haberá que verse, tendo en conta que os do Máis Alá do Muro (que xa non tanto), teñen un dragón nas súas filas.

Falando de dragóns. Unha das escenas que estou seguro que queren que se lembren os responsables da serie é o voo onde Jon monta por primeira vez un destes seres. A min persoalmente deixoume bastante frío. É verdade que quedou espectacular a nivel visual, pero carece da epicidade que se lle quixo dar. Non é un voo nunha batalla, non escapan de ninguén, non houbo un proceso para que Jon fose xinete de dragón, nada. Soamente é unha parella cursi indo de escapada romántica. E iso, ao meu parecer, rompe totalmente unha escena que podería ser do máis memorable da tempada. Iso si, que Jon sexa xinete de dragón e moi importante para o lore da obra, aínda que nin sequera sei se xa importa.

Debo confesar que non son especialmente fan de Jon Snow. Para min sempre foi do máis arquetípico da serie, dos peores personaxes, pero ao final desvélase como o líder político máis intelixente. Quitando a súa insoportable relación de contos de fadas que agardo que remate pronto (nada dura, como dixo Varys), Jon demostra ser un líder lúcido e inusual no mundo de Xogo de Tronos. Soubo buscar aliados tácticos poderosos sen importar desprenderse dos seus propios títulos para cumprir a súa estratexia, que non é outra que salvar ao seu pobo da ameaza. Será interesante ver como evoluciona o pobo de Winterfell na aceptación dun goberno de fóra e como é a pugna entre Jon e practicamente a tecnócrata na que se converteu Sansa Stark.

Respecto á parte final do capítulo, penso que máis pirotecnia en forma de susto (que si, a verdade peguei un chimpo da leche) que outra cousa. A conversa entre Jon e Sam senta unhas bases importantes para o resto dos capítulos pero falta moito que cortar aí, veremos se literalmente. O capítulo pecha tamén cun reencontro, quizá o máis agardado de todos. Non creo que teña unha especial profundidade pero para acabar o capítulo esta ben, sen máis.

Así remata o primeiro capítulo da serie máis agardada. Senta as bases para o que está por vir e o fai abrindo temas interesantes, sobre todo a nivel político. Tamén deixa de lado outros elementos identitarios da serie que se quedaron polo camiño. O primeiro capítulo é nostalxia e pouco máis, pero que nostalxia tan necesaria e doce para rematar coa abstinencia.