25 anos do Xabarín Club

25 anos do Xabarín Club

by | Abr 19, 2019

Chegar do cole, deixar a mochila, sentar diante do televisor, acender a tele e poñer a TVG. Un ritual repetido por máis de 100 mil nenos ao longo de case dúas décadas. O porco bravo converteuse nunha marca denominación de orixe de Galicia, fiel acompañante na infancia das últimas xeracións galegas.

O fenómeno Xabarín nace o 18 de abril de 1994. A TVG, apostando por dedicar as tardes aos máis pequenos, decidiu seguir a moda das cadeas autonómicas en España e crear un programa infantil voceiro da animación en galego, onde os nenos puidesen ver os seus debuxos favoritos e participar en concursos. Todo presentado por un xabarín antropomorfo rebelde e retranqueiro. Deseñado polo ilustrador Miguelanxo Prado, o porco bravo tornouse no protagonista das merendas, levando a todos os salóns aquelas series que agora todos lembramos con nostalxia: As Bolas Máxicas, Arale, Shin Chan, Sarxento Keroro, Gatocán, Detective Conan

Pero Antonio Blanco, o creador do Xabarín Club, non se limitou simplemente a ofrecer ficción aos nenos; coa axuda de Juanillo Esteban decidiron xerar un entramado musical arredor do programa. ‘Somos do Clube da Galega’, interpretada polo mítico grupo da Movida Viguesa Siniestro Total, foi a primeira peza musical que apareceu no Xabarín, acompañada por un videoclip animado onde o porco bravo e os seus amigos invitaban a todos os nenos de Galicia a unirse ao “clube da Galega”.

Despois viron ducias de cancións máis que deron para publicar cinco discos, onde colaboraron grupos galegos da talla de Aerolíneas Federales, Heredeiros da Crús, Os Diplomáticos de Monte Alto ou Os Rastreros. A repercusión da música do Xabarín Club foi tal que incluso se chegou a empregar como ferramenta vehicular para a expansión do rock bravú, movemento musical autóctono que pulaba pola dignificación da lingua galega e da Galicia rural. En 1998 organizouse a primeira XabaXira: Juanillo, disfrazado do rei dos porcos, percorreu todo o país acompañado dunha tropa de músicos e bailaríns, chegando a reunir a máis de 35 mil persoas nun só concerto.

En 1999, o bombazo acadara tanta importancia que a TVG decidiu producir a súa primeira serie de animación, Os Vixilantes do Camiño. Durante 13 capítulos puidemos seguir ao Xabarín aos seus amigos facendo o Camiño de Santiago. Nese momento o club da galega xa contaba con máis de 136 mil socios -máis do 60% dos nenos galegos-.

Pero en 2005 chega a Televisión Dixital Terrestre a España, e a oferta televisiva aumenta exponencialmente. Os rapaces pasaron de poder ver só os debuxos na TVG ao chegar de clase, a ter moitas máis opcións coas que entreterse no rato da merenda. A audiencia do Xabarín Club baixa de xeito inversamente proporcional á substitución da televisión analóxica pola TDT, e a TVG decide retirar en 2007 o espazo de tarde. A xeración Xabarín xa pechara o censo; os novos nenos galegos non estaban interesados en Son Goku e desviaran a atención ás novas cadeas estatais. En 2009, xa co share en números vermellos, o programa queda relegado á TVG2 e a canle autonómica despreocúpase practicamente dos coidados do porco bravo.

Atrás quedaron as XabaXiras, os videos musicais e os concursos para socios. Porén o Xabarín marcou a infancia e xuventude de milleiros de rapaces galegos, que a día de hoxe aínda custodian o carné do club na súa carteira e lembran todas as cancións de Siniestro e Aerolíneas. E conseguiu algo sen pre-cedentes en Galicia: nun contexto no que a normalización lingüística do galego estaba na primeira orde das institucións públicas, o porco bravo foi o único que acadou un éxito en prol da fala galega.

Co seu aire despreocupado e sen ningunha pretensión didáctica aparente, o Xabarín, aínda sen conseguir un avance real no uso do galego na mocidade, fixo que os mozos visen a lingua galega como unha ferramenta digna e apta en todos os ámbitos. E aínda que o Xabarín só fique agora como un recordo nostálxico das infancias dos nenos nados nos anos 80 e 90, cómpre asentalo como un referente para crear espazos televisivos acordes ás tendencias actuais. Porque, como un día me dixo Alberto Casal, actual director do programa, “o Xabarín Club non está morto, está de cañas”.