by | Abr 23, 2019

O Cineclube de Compostela celebra os 18 anos

O Cineclube de Compostela celebra os 18 anos o 27 de abril, data que coincide coa xornada de reflexión das eleccións xerais do 28.  A celebración terá lugar ás 20:30 horas na Gentalha do Pichel na Rúa Santa Clara, número 21 en Santiago de Compostela. A festa comezará cunha proxección sorpresa con temática “electoral” e despois haberá música en directo. As entradas cómpranse o día da festa na Gentalha e a recaudación é integramente para os grupos.

Para anunciar a festa están colgando nas redes sociais imaxes de carteis electorais, a modo de meme, cos nomes dos grupos que van ir tocar á festa. Gancho Sanchez é unha banda galega de psych-folk, con músicos que pasaron por Telephones Rouges, Le Cûl ou Espiño. O seu primeiro EP Psicofonía Bolborítica xa se pode escoitar nas plataformas de streaming. Vietcong é o proxecto do premiado poeta galego Daniel Salgado cos músicos Alexandre Losada (guitarra) e Luis Garrido (saxo). ZARA son un grupo de punk bastante libre: ás veces tocan rápido e forte, ás veces improvisan músicas e letras seguindo unha idea vaga do jazz, ás veces poden parecer pop. Non se repiten moito. Chegados de Vigo e Mos, Zurraspa é o proxecto de Alén (batería) e Nekane (guitarra) que traerán un ritmo enérxico e cheo de vida a esta celebración.