Brais Nogueira, Sara García e Paula Doors.

Fotografías por Ada Seoane.

Melona Fest #4 (Días 1 e 2): Un prólogo conmovedor

A presentación do IV Melona Fest do mércores 3 de abril no Riquela foi moi emocionante e estivo protagonizada por unha actuación de Live Pixel, o novo proxecto da artista visual Marta Verte e o artista multidisciplinar Juanma LoDo. A actuación mesturou música electrónica con audiovisual, e tiña de novidoso respecto a outras parecidas que a parte de Verde non era un vídeo pregravado, senón unha imaxe viva que evolucionaba a través de algoritmos ao son da música. Tivo un nivel altísimo e incluso diría que conseguiu representar a unha xeración polos sentimentos que destilaba. Tras o espectáculo, o Melona arrincaba cunha preciosa instalación con luces de neón que presaxiaba o intenso dos días que estaban por vir. Pero ese non foi o primeiro evento que se viviu neste novo Melona Fest, previamente o 30 de marzo efectuouse un acto previo coa exposición do colectivo fotográfico White Collective.

A pesar de que o lugar escollido non estivo preto de ser o axeitado para expoñer, axudou a súa arquitectura a que houbese unha reverberación automática da música ambiental que escolleron para acompañar. As fotografías eran na súa maioría destelos luminosos de diferentes elementos incandescentes no momento mais álxido desa luminosidade. Que aínda estando a imaxe conxelada, transmitía esa sensación de efémero, o que pode lembrar as teorías de W.Benjamin e Heidegger -que recolle Virno no seu libro Virtuosismo e revolución, a acción política na era do desencanto e o cal está referenciado no discurso desta exposición- sobre o rápido que discorre a información a día de hoxe e sobre si se lle pode sacar proveito ou non a esta sobreinformación. Non esquecer, por suposto, a calidade fotográfica que xa non estraña vindo dun estudo tan prolífico como profesional como o que se trataba.

O primeiro evento do xoves foi un encontro do voluntariado da USC en iniciativas culturais. Moitas son as entidades que contan con programas de voluntariado e moitas son as opinións que isto xera. O Melona convocou unha mesa redonda entre organismos (Curtocircuíto, Fundación Eugenio Granell, Museo do Pobo Galego), voluntarios e o Sepiu USC para intercambiar posturas. Ana Estévez, responsable da MICE, puxo en dúbida as prácticas do voluntariado que supoñen “precariedade laboral encuberta” e “intrusismo profesional”. Pela del Álamo, director de Curtocircuíto, apuntou que “a colaboración debera ser en tarefas de apoio”, que “non implican o desenvolvemento de labores profesionais nin a asunción de responsabilidades”.

Pola súa banda Alicia Alonso, graduada en Comunicación Audiovisual e ex-voluntaria en Curtocircuíto (agora coordinadora de contidos), valorou a opción de poder “vivir o festival desde dentro” e a oportunidade de “adquirir competencias” para voluntarios con formación específica. Eduardo Valiña, conservador da Fundación Granell, resaltou a “reciprocidade de aprendizaxe” entre a institución e o voluntario, xa que “non é unidireccional”. Sen lugar a dúbidas, este é un tema para debater longo e tendido, onde é vital escoitar a todas as partes e sacar conclusións que sirvan para que todas prosperemos.

A continuación, Kika Ramil e Victoria Blanco impartiron o workshop Ti flipas − Como comunicar o teu proxecto artístico. Coñecimos, da man delas, as ferramentas necesarias para xerar unha idea innovadora e materializala, facendo fincapé no importante que é “fliparse” (aínda que sexa para acabar co síndrome da impostora). As obras e traxectorias vitais de artistas revolucionarias e mulleres libres como Maruxa Mallo ou Gunta Stölzl, a primeira e única mestra na historia da Bauhaus, inspiraron este dinámico obradoiro cuxa premisa é clara: hai que fliparse máis.

E entre flipe e flipe chegamos aos agardados concertos, que se fixeron ao igual que o ano pasado na Sala Germán Coppini da SGAE. Un lugar precioso no que chama a atención ver unha barra nun corredor vangardista fora da propia sala. Moi do espírito do festival. Todo comezou con Cult of Auspex, o proxecto de Bruno Baw, cun setup moi pequeno esprimiu ao máximo os sentimentos dos alí presentes -aínda moi poucos- e cun son industrial que ía superpoñendo e desmontando capas co fin de aproveitar ao máximo as súas posibilidades, serviu para entrar en calor.

A continuación foi a quenda de Babykatze, o máis destacado dunha noite que foi un bo quecemento pero que deixou con ganas de máis. A súa proposta minimalista e unipersonal de synth pop con capas electrónicas e ritmos contundentes estivo chea de tenrura. Foi como unha viaxe de cores vivas nun mar de melancolía. Unha experiencia con maiúsculas que foi digna de desfrutar.

Minutos antes do concerto de Blanco Palamera, a sala comezou a encherse a moi bo ritmo ata rexistrar a entrada máis alta de todos os concertos que se fixeron na SGAE. Os composteláns xogaban na casa e isto notouse. En canto ao concerto en si, bastante frouxo. De menos a máis, a súa proposta de chilling pop con elementos de jazz comezou moi dubitativa mais nos últimos temas a banda colleu confianza. Non foi un espectáculo deficiente nin moito menos, pero a Blanco Palamera aínda lle quedan varios pasos para ser cabeza de cartel dun festival desta envergadura.

Para pechar pincharon os enérxicos Trifulca, unha proposta de música electrónica totalmente oposta á calma da anterior actuación. Funcionou moi ben como contraste e o público estivo encantado. E así rematou a primeira xornada do Melona Fest, cunha sensación de que quedaba moito por vivir antes de que rematara a semana.