Brais Nogueira, Sara García e Paula Doors.

Fotografías por Ada Seoane.

Melona Fest #4 (Día 3): Un nó cheo de emocións

A xornada do venres comezou na escola Unitaria co coloquio/exposición de Rocío Quillahuaman, unha das artistas gráficas do momento. A de Barcelona ofreceu unha divertida e moi amena entrevista deseñada pola ilustradora e fanzineira compostelá Camila Vieitez. Nun ambiente cómodo e distendido, repasamos e comentamos con Quillahuaman os seus peculiares fanarts, os cales, alí expostos, tivo a xenerosidade de regalar ao público que non parou de rir na hora restante coas súas sarcásticas e tan hilarantes como certeiras animacións sobre “xente que a pon dos nervios e lle produce ansiedade”: desde os ranciofacts de festival que critican o cartel do Primavera Sound deste ano ata os tópicos de cafetería. Rocío reiterou o seu fondo amor por Galicia e contou “ter chorado varias veces” cando estivo aquí o verán pasado “conmovida pola beleza” do territorio. Despois desta visita volve a Barcelona con morriña seguro.

Deseguido, no mesmo espazo, tivo lugar a conferencia/live set de Antropoloops, un proxecto que remestura fragmentos de músicas tradicionais de todo o mundo para crear novos sons. Rubén Alonso traballa sobre samples de gravacións de campo de diferentes arquivos como o CREM (Centre de Recherche en Ethnomusicologie), así como de vinilos compartidos por coleccionistas nos seus blogs musicais sen modificar os tons orixinais e pondo en valor as fontes de achado, pois mentres soa a canción, a pantalla vai amosando a portada, o ano e o lugar de procedencia grazas á ferramenta de visualización desenvolvida por Esperanza Moren.

O resultado foi un singular show audiovisual que non só conta cun valor etnomusicolóxico ou de investigación, senón tamén, cunha vertente divulgativa xa que as fontes quedan reflexadas no proceso, demostrando as incribles posibilidades que abre a rede para a construción colectiva dun dominio público común. Cómpre tamén sinalar que en Galicia contamos cunha proposta artística similar, a do dúo burelés Nistra, que mesturan a través de música e proxeccións tradición folclórica da Mariña lucense co afrobeat de Cabo Verde.

Paralelamente no Teatro Principal, Nico Casal presentaba o seu primeiro disco. Casal é coñecido principalmente polo seu traballo na composición de bandas sonoras, que ocuparon a primeira parte do espectáculo, mais o seu disco copou todo o protagonismo. Unhas visuais sobrias, un piano, un violonchelo e unha proposta de música electrónica minimalista, iso foi o concerto. Pero tamén moito máis. Foi das experiencias máis reais do festival, unha sorte de sentimentos a flor de pel acompañados da sensación de familiaridade de quen volve a casa por Nadal. A mágoa foi que, polo que entendo unha mala planificación, o espectáculo se solapara no seu comezo co final das conferencias e despois co principio dos concertos na SGAE, sobre todo se se ten en conta que hai media cidade entre un sitio e outro.

Ditos concertos comezaron forte con STA e a complexidade e plasticidade dos seus ritmos dos que non foi testemuña demasiada xente, en parte probablemente pola complicación de horarios. A continuación chegou Vulk para comerse o escenario. Os de Bilbao ofreceron un directo bestial que se convertiu nun dos momentos máis destacados de todo o festival. En poucas ocasións vese tanta enerxía xunta, foi como se dispararan un canón. Unha enerxía tenebrosa, das que producen interese a cada golpe da batería. A súa mestura de post-punk e pop-anti persoa tivo unha acollida do público total e foise como un dos grandes concertos deste Melona Fest. Un punto de non retorno para o festival nas lembranzas dos asistentes.

As actuacións continuaron na sala Germán Coppini tal e como estaba plantexado e Cave Story subiu ao palco. Os portugueses tomaron un papel complicado ao tocar a continuación de Vulk, que definitivamente deixara o listón demasiado alto. Se ben a súa proposta punk-rock non foi desagradable en absoluto, unha aposta polo melódico pero refrescante, tras un pico alto sempre se tende a baixar e iso é o que aconteceu. Os ánimos do público necesitaban un descanso despois da intensidade vivida, e foi unha mágoa para a banda lusa.

Os concertos pecharon con Artur M. Puga, que propuxo unha fusión entre o analóxico e o dixital, entre a percusión e o corazón cunha textura industrial electrónica realmente moi destacable. Esta xornada do IV Melona Fest foi unha chea de emocións xuntas difícil de dixerir. Un corpo rotundo que pouco a pouco ía avanzando cara o seu clímax. Un presaxio dunha loucura absoluta.