Dombass

Dirección: Sergei Loznitsa
Guión: Sergei Loznitsa
Fotografía: Oleg Mutu
Música: Vladimir Golovnitisk
Ano: 2018
País: Ucraína

 

 

 

 

Dombass

Dirección: Sergei Loznitsa
Guión: Sergei Loznitsa
Fotografía: Oleg Mutu
Música: Vladimir Golovnitiski
Ano: 2018
País: Ucraína

by | Abr 26, 2019

‘Dombass’ ou o filme máis anticomunista da historia (premiado en Cannes)

Donbass, o filme polo que foi premiado coma mellor director na anterior edición de Cannes Sergei Loznitsa, é quizais a metraxe máis burda, torpe, mediocre, ideoloxizada e partidista que vin na miña vida, e por todo iso –e algunha cousa máis– encantoume e saín da sala fascinado.

Aínda sendo eu desa xeración que medrou coa traumática experiencia de ver películas ambientadas na Guerra Fría baixo as lóxicas de heroe solitario –ergo, Sylvester Stallone ou Arnold Schwarzenegger– liberando a mamporros unha infinidade de lugares xeopoliticamente infectados co “fantasma do comunismo”; penso que incluso cando a CIA mandou a Rambo liberar Afganistán a mensaxe anticomunista foi máis sutil que a que se materializa na metraxe de Donbass. Coido que Althusser estaría tan encantado coma min de sentar onte en Numax para postrarse ante un exemplo tan patético do que pode chegar a ser o cine como aparello ideolóxico.

O filme codifícase nunha moi simple pero obsesiva idea: ridiculizar aos “sovoks” –adxectivo pexorativo que se emprega coma insulto cara os ucranianos prosoviéticos que defenden a experiencia socialista do pasado–. Para iso, emprega unha estrutura narrativa circular e fragmentada en sketches que presenta distintas experiencias e escenas e que intenta mostrar hipoteticamente a realidade do lugar.

Un país dividido entre o oeste, ocupado polos nacionalistas que coquetean co fascismo e co nacionalsocialismo en particular –aínda que isto último no filme non se comenta curiosamente– e o leste; onde as milicias populares da RPD (República Popular de Donetsk) son identificadas (tan só no filme e isto si moi marcadamente) coma ignominiosos comunistas, que son todos e todas moi ortodoxos, moi marxistas-leninistas, moi estalinistas e en definitiva máis malos cos camiñantes brancos de máis alá do muro (si, neste caso o muro tamén foi derribado). Exemplos desa ortodoxia e do terrible autoritarismo comunista que presupón o realizador hainos a moreas e padecen da demagoxia e o sentimentalismo máis barato: un soldado que sobe a un bus a requisarlle un cacho de touciño a unha pobre e indefensa velliña (o concepto do comunista que che rouba o que é teu sempre entra mellor se a vítima é unha octoxenaria), a expropiación do coche dunha persoa que “non sabe de política” para o seu uso na guerra, o castigo dun soldado mediante unha malleira a paus dada polos seus compañeiros… Todo moi intenso. Preciso collar aire. Demasiado duro.

O máximo interese da película está precisamente nos seus erros narrativos, no feito de ser un guión ideoloxizado ata un punto tan idiotizante no que ata Ralph Wiggum se decataría da súa inconsistencia de carácter finalista. E aí a súa maxia, alén do seu valor como filme de estudo puramente sociolóxico; o cinema como ferramenta ideolóxica da cultura de masas. En Donbass as posicións morais evocadas e dende as cales debera emerxer o posicionamento político do director no receptor, percíbense terriblemente irreais ata o punto de que o que se consegue é xusto o contrario. Calquera persoa con dous dedos de frente sae da película comprendendo que se a milicia que te está a defender dos fascistas retratados no filme coma persoas que asasinan sen piedade, precisan o teu coche, ti debes cedelo sen miramentos. Así que só queda darlle as grazas a Loznitsa, verdadeiramente o seu anticomunismo crea conciencia revolucionaria.

Outro punto de anclaxe do filme está no enroque ideolóxico do director na ambivalencia do posmoderno, Loznitsa retrata aos fascistas como antiheroes pero por suposto na dirección contraria tamén aos antifascistas. O realizador insértase así nas xa máis que hexemónicas dinámicas de superioridade moral e intelectual onde só el considera ter a verdade absoluta do ben e correcto obrar pero que por suposto seguirase a gardar para si, as novas dinámicas gregarias de Twitter e decadencia cultural.

Iso si, a linguaxe cinematográfica articulada co vestiario, a música, a fotografía, a posta en escena, etc. está todo coidado ao máis mínimo detalle. Normal por outra parte, contando cun presuposto de 2,5 millóns de euros divididos internacionalmente entre diversos países. Só faltaría ter un gazapo no técnico. A análise do por que un relato coma este é financiado con semellante cifra e os países concretos interesados en participar en tal financiación tamén son dignos de estudo para comprender mellor a cuestión. O que máis mágoa dá do filme e saber que foi premiada en Cannes. Se ben é evidente que todos os premios están politicamente instrumentalizados e os fluxos de capital aplican rexindo dinámicas partidistas, Cannes ata o día de hoxe era dentro do mainstream o festival que mellor lidiaba con esas contradiccións. Seguiranse premiando no futuro as próximas Donbass en Cannes? A mutación de Cannes cara uns Oscar europeos é un perigo que me inqueda.

O mellor da película? O fotograma da “sovok” vencella que se achega a un fascista do sector nacionalista e lle esmaga un tomate na faciana. Non pasarán.