Brais Nogueira e Mario Vilariño.

Fotografías por Ada Seoane.

Melona Fest #4 (Día 4): Un desenlace cunha noite inesquecible

Na tarde do sábado o plan inicial foi repetir o que tan ben saíra o ano pasado, aínda que en diferente localización: se o ano pasado fora no exterior preto ao Bar Embora, este ano prometía unha verdadeira velada pretiño de alí, na Praza de Feixóo. Con todo, o tempo compostelán tivo outros plans, e houbo que cambiar de localizacións debido á choiva. Así, os concertos foron na Borriquita de Belém, no Modus Vivendi e no Riquela.

A Borriquita de Belém recolleu o primeiro concerto da tarde. Foi máis especial, aínda se cabe, pois Mundo Prestigio darían naquel sábado o seu primeiro concerto. Debutantes, pero con caras coñecidas por moitos tras ter participado, sen ir máis lonxe, e ao igual que os Tulip, nun grupo que xa tiveramos a oportunidade de ver o ano pasado no Melona: Jay.

Mundo Prestigio trouxeron consigo músicas rápidas, con instrumentos case considerables clásicos como a guitarra ou o baixo eléctrico, mais tamén teclados e instrumentos de vento. Conseguiron atraer ao público e conectar con eles mediante ritmos frenéticos, cunha aposta divertida e curiosa a cabalo entre a psicodelia e o indie máis barroco. Con todo, e aínda que era intencionado, o fallo foi o curtas que se facían as cancións, deixando eternamente con ganas de que rematasen de compoñer os corpos das súas cancións.

Tras eles, a uns pasos, movémonos ao Modus Vivendi para o seguinte concerto, os Tulip, que foron unha pequena decepción. A sala non funcionou, pois resultaba pequena para o público, enlatándoo e facendo que incluso a manga curta sobrara. Non había posibilidade de concentrarse nun concerto de pop tan suave nun espazo tan caloroso e pequeno. Se cadra, noutro ambiente, a experiencia puido ser mellor.

Foi no Riquela onde rematou a tarde, tamén moi preto da anterior sala. Hai que recoñecelo: o plan B plantexado polo Melona foi satisfactorio, pois non era difícil moverse dun lado ao outro e conseguiron non só non perder público, senón ir gañándoo a medida que avanzaban as horas.

Adriana Proenza foi a primeira en tocar na sala máis grande da tarde. Dende Asturias, trouxo consigo ritmos típicos do que a día de hoxe se ten chamado alternative rythm and blues. É arriscado cantar neste estilo en castelán, mais salvouno con bastante tino no seu tema ‘Apocalipsis’. Con todo, o resto de concerto foi de temas en inglés.

Tal vez o maior problema que tivera no concerto non fora nin a súa voz, nin a súa capacidade para facer conectar ao público con ela, senón a incapacidade de afastarse da monotonía. Facer rythm and blues e que soe a século XXI pode resultar sinxelo, pois repite en máis dunha ocasión o mesmo tipo de estrutura, mais saír dela é difícil. A produción resultou estándar, moi mellorable e incapaz de chegar máis alá.

Dende Madrid, Candeleros trouxeron consigo a cumbia, a chicha, nun concerto no que case non entraba máis xente nun escenario cheo de guitarras e percusionistas. Fixeron bailar a todo o público, que se ía animando canción a canción a dalo todo. A cumbia está de moda, é indiscutible, e máis atendendo a que no noso país fai ben pouco soaban ata rebentar os Esteban & Manuel. Para un público coma o galego, xa familiarizado con isto, foi un auténtico primor no que ninguén quixo non deixar na pista de baile os seus mellores pasos.

En comparación ao ano pasado, a tarde tivo menos calidade. Se ben foi unha sorpresa atopar a grupos como Mundo Prestigio, dos cales xa temos ganas de escoitar máis, pasámolo ben no resto de concertos, e incluso bailamos, non tivo punto de comparación cunha tarde que o ano pasado foi incluso histórica para os festivais composteláns.

Alén disto, o ano pasado había un pequeno detalle naquela tarde, e é que todos os grupos que tocaron na xornada eran galegos, e quedara un pequeno espazo tributo precioso á nosa música. Á de verdade. Esta vez non tivemos tanta sorte.

As horas pasaron e co crepúsculo chegou a noite. Na Malatesta, a histórica sala de concertos compostelá, estaba todo preparado para o maior evento de todo o festival. Todo o que nas anteriores xornadas o festival buscou cocer a lume lento, ía rematar fervendo. A asistencia foi masiva a este evento, de longo a máis numerosa de todo o festival, comprensible tendo en conta os nomes das bandas do cartel.

Comezou a velada con gran distinción. Soledad Vélez, unha das máis esperadas, subía para deleite do público. Sobria e sen extravagancias, a chilena afincada en Valencia veu ao que mellor sabe facer: conmover. A artista posúe unha voz coa que é sinxelo conectar e iso dalle vantaxe, pero non por iso se come a súa música. Inundada nunha melancolía que parte das lembranzas que quedan atrás como o folk na súa música, xa que a compositora abrazou a electrónica nos seus últimos traballos. Unha boa forma de descorchar o champán de celebración.

Pero aínda parecía que non se quería desatar a bacanal auditiva. Pantis pasou sen pena nin gloria polo Melona. E non é porque a súa proposta non fose interesante, onde a partir dunha base electrónica tenta abrirse paso cara unha mestura de kautrock e unha intimidade que sorprende. O problema penso que foi neste caso a espectación polas seguintes bandas, que fixo que o público non fora tan receptivo como debería.

E razóns non lle faltaba para estar agardando ante o que ía ocorrer. Sevilla aterraba en Compostela pola porta grande. Derby Motoreta’s Burrito Kachimba estaban no Melona Fest para triunfar e tanto que o fixeron. Kinki e psicodelia ten como resultado kinkidelia e DMBK e directo teñen como resultado a palabra inesquecible. O público coas mans na cabeza, xente facendo proposicións sexuais ao sexteto a berros. A actuación durou uns minutos impoñentes que bascularon entre a banda sonora vitaminada de Navajeros de El Santo del Gitano a un Aliento de Dragón que se viviu como unha viaxe en autopista en descapotable: perigoso pero placenteiro. Absolutamente sublime, o mellor concerto do festival e á altura dos mellores do ano.

Pero a cidade hispalense non se foi tras DMBK, nin a psicodelia, nin tampouco se baixou o nivel. Pony Bravo teñen unha cor especial. A banda é unha das referencias a nivel estatal da música independiente e iso non é casualidade. Probablemente unha das causas do seu éxito sexa a conexión tan especial que manteñen co público. A sensación non foi do éxtase da actuación anterior pero Pony Bravo leva anos consolidada e iso dalle uns admiradores fieis que se fixeron notar, especialmente en ‘Político Neoliberal’ e no gran final protagonizado por ‘Mi DNI’ e ‘La rave de Dios’.

E para rematar a faena chegaron AKKAN dende Barcelona. A unión entre BeGun e Ocellot non defraudou e foi un bo peche. Os ritmos electrónicos mesturados con efectos pregravados que propuxeron foron unha boa despedida, aínda que na cabeza de ninguén podían saír as actuacións precedentes. A festa rematou na Discoteca Ruta, onde destacou Anna Helder.

E así remataron as catro xornadas do cuarto Melona Fest. Con momentos puntuais onde se lle viron as costuras en comparación coa edición pasada, pero con sons polos que aínda devecen os tímpanos dos que alí presentes desfrutamos dunha das datas imperdibles do panorama de festivais galegos. Por moitos máis Melona Fest, a brindar.