by | Abr 29, 2019

‘Xogo de Tronos’ 8×03: A curta noite

Durante os primeiros dez minutos do terceiro episodio da última tempada de Xogo de Tronos, ‘A Longa Noite‘, os silencios dos personaxes que seguen a cámara serán un dos puntos máis fortes interesantes deste. Non fará falta nada máis para que, entre exércitos formándose e armas rematando de ser preparadas, a tensión coa que entramos no episodio sexa impresionante, facéndonos empatizar dunha maneira incrible con cada mirada, sexa directa ou non, entre aqueles personaxes cos que levamos tantos anos convivindo indirectamente.

É imposible, para os fans da fantasía, non recordar aquela batalla que deixou tantas alegrías e bocas abertas na segunda parte da saga de O Señor dos Aneis, dirixida por Peter Jackson. Miguel Sapochnik, quen dirixe este terceiro episodio, dixo en máis dunha ocasión que se estudou aquela batalla no Abismo de Helm para onte levar ás pantallas unha experiencia similar, mais revestida no universo creado por George R. R. Martin. E non é a primeira vez que nos deixa boas sensacións un episodio con batallas dirixido por el, pois xa fora o encargado de realizar episodios como ‘Casa Austera‘ na quinta temporada ou ‘A Batalla dos Bastardos‘ na sexta.

A primeira sorpresa do episodio chega cedo, coa chegada de Melisandre ao campo de batalla xusto antes de que comece a batalla. Tras invocar ao Señor da Luz, os Dothraki lanzarán cheos de xúbilo ao ataque os seus arakhs en chamas. Sen pensar nas consecuencias dese ataque, sen meditar o que estaban a facer, darán unha escena tristemente preciosa na que as luces, que por momentos ata parecían chisqueiros nun concerto, irán desaparecendo unha a unha ata que a escuridade volva a reinar no campo de batalla.

Dende aí, a tensión e o medo creados polo equipo de realización serán do mellor. Aínda cunha hora de episodio, aproximadamente, non poderemos deixar de prestar atención á toda escena, conseguindo que as accións pasen na nosa mente no que nos parecerán os segundos máis angustiosos das nosas vidas. Conséguese facernos entrar a nós mesmos no campo de batalla, temer polas nosas vidas, crer que está todo perdido.

E, baixo esa premisa, imos vendo como moitos dos personaxes que nos acompañaron durante tantas temporadas caen. Algún morre de súpeto, tentando defender unha amizade. Hai quen morre de forma heroica, dándoo todo ata o final para defender honras e amores. Outros morren cumprindo papeis que entes superiores tiñan preparados para eles.

Certos personaxes, como Jaime ou Brienne, cuxas tramas parecían completas en episodios anteriores —sobre todo no caso da segunda—, salvan un episodio máis. Se ben incluso no capítulo previo todo semellaba que isto ía ocorrer, non se pode dubidar que é de recibo que non todo sexa tan obvio como esperabamos.

Como non o foi o final do Rei da Noite, de quen incluso cando escribiamos as liñas do episodio anterior pensabamos que ía durar máis do que ao final foi. Para quen amamos o toque fantástico da saga de Canción de Xeo e Lume, e pensabamos que os paralelismos ían ser máis coas novelas, talvez o primeiro que sintamos ante todo o acontecido neste episodio sexa unha decepción.

O príncipe que fora prometido. Azor Ahai. A salvación da humanidade ante a longa noite. Esa primeira escena do primeiro episodio, que tamén é o prólogo da primeira das novelas. A chegada dos Outros, os Camiñantes Brancos, unha vez máis, e que só podería rematar seguindo unha serie de pautas dunha antiga profecía para que, finalmente, a humanidade sobrevivira. Ante esta premisa, e facendo elucubracións durante anos e ante a personificación de todo ese mal no que foi chamado na serie o Rei da Noite, todo parecía apuntar ante os feitos da serie que sería Daenerys ou Jon Nieve quen remataría coa vida deste. Mais non, David Benioff e D.B. Weiss tiñan outros plans.

Entrelazando as tramas de Melisandre, Beric Dondarrion —dándolle por fin un sentido á súa presencia na serie moi diferente a das novelas— e Arya, foi esta última a que rematou finalmente coa vida do líder desa perigosa ameaza que viña dende o Norte. E aquí, por todo o dito anterior e máis cousas que comentarei a continuación, é onde a aclimatación para que isto pasara foi un dos posibles fallos do episodio, se é que lle podemos buscar algún.

A saga de Canción de Xeo e Lume, aínda coas tramas políticas que lle deron a fama, ten ese compoñente fantástico que aparece unha e outra vez e enriquece tramas, dálle un sentido metafísico á historia, e bebe unha e outra vez de todas as distintas profecías que existen no universo das novelas. Non é simplemente unha trama máis, senón a que conecta todos os puntos da saga e da cal se espera un final impresionante. Que de súpeto a trama remate así, sen que as elucubracións cheguen a bo porto, é unha decepción para moitos.

Por outra banda, en escenas anteriores deste mesmo episodio, o feito de que a Arya lle caera sangue no chan é suficiente para chamar a atención dos espectros que se atopan preto dela. Con todo, ao final do episodio, cuns 200 espectros, unha ducia de Camiñantes Brancos e o Rei da Noite mesmo, Arya é capaz de aparecer por sorpresa diante do Rei da Noite e rematar coa súa vida, rematando así a trama e a batalla.

Se ben dentro da serie consegue dar un elemento sorpresa atendendo a que estas teorías e profecías nunca se mencionan na serie, e son máis teorías de fanáticos nas redes; ten sentido argumental que suceda, mais non deixa de parecer un pouco un deus ex machina preparado para sorprender ao espectador.

En parte, e igual pecando de soñador, non podo crerme de todo que a trama rematara así aínda que todo sinale o contrario. Non soemos ver a Bran wargear, e sempre que o fai ten algún sentido. Que durante máis de media batalla na que se xoga a súa vida contra os Camiñantes Brancos se atope ausente ten que ter algún significado argumental. Tamén, quedan moitas preguntas abertas sobre que son estes seres e que había detrás das súas motivacións e o seu enfrontamento con Bran, quen se todo rematou xa non ten ningunha función que cumprir. Alén disto, a propia Melisande —quen deu por rematada a súa necesidade vital— sinala que tanto Jon como Daenerys aínda teñen unha función que cumprir.

Quedan xa só tres episodios máis para que Xogo de Tronos se despida para sempre. Polo de agora, non se lle pode negar que os seus episodios están traendo todos debates e decepcións por unhas bandas e por outras. Xa só nos queda, oficialmente, unha trama para que isto remate. Quen sabe se precisan tantas horas para iso. Pronto sairemos de dúbidas.