King Gizzard & the Lizard Wizard – Fishing for Fishies

DATA DE LANZAMENTO: 26/04/2019
DISCOGRÁFICA: Flightless

King Gizzard & the Lizard Wizard – Fishing for Fishies

DATA DE LANZAMENTO: 26/04/2019  DISCOGRÁFICA: Flightless

by | Mai 2, 2019

En 2017 King Gizzard & the Lizard Wizard estiveron en boca de todos ao publicar ata 5 discos nun mesmo ano, moitos deles de moita calidade, como foron Flying Microtonal Banana ou Polygonwanaland. Semellante logro viu seguido dunha xira internacional en 2018 na que presentaron en directo moitos dos temas destes novos traballos. O seu paso polo festival Paredes de Coura do ano pasado confirmou que os australianos estaban en estado de gracia e eran capaces de lograr que o seu rock psicodélico resultase tan sorprendente dentro do estudo como fóra del.

Despois de dous anos tan intensos, non quedaba claro canto tempo descansarían nin canto poderían tardar en sacar un novo ábum. Seguindo as súas costumes, o descanso foi breve e en xaneiro deste ano puidemos escoitar o primeiro adianto deste novo disco, ‘Cyboogie’. Unha canción diferente, na que as guitarras desaparecen por completo para deixar paso a sintetizadores, un son novo na discografía de King Gizzard & the Lizard Wizard, que xa era moi variada.

Con todo, os seguintes singles que lanzou a banda seguiron camiños moi diferentes, cunha volta ás guitarras, con sons máis limpos e baseados nos arpexios en ‘Fishing for Fishies’ e máis rockeiros en ‘Boogieman Sam’, unha canción na que tamén destaca especialmente a harmónica. Dende logo non quedaba claro por que camiños percorrería este disco. É habitual que King Gizzard muden a miúdo o seu son dun álbum a outro, mais sempre acostuman a manter unha grande coherencia interna, tanto no seu son como nos seus conceptos.

En Fishing for Fishes atopamos todo o contrario. Trátase sen lugar a dúbidas dun disco interesante e divertido de escoitar, ben interpretado e ben producido. Pero nunha primeira escoita pode provocar reaccións moi diferentes ás que estamos acostumados cos discos dos australianos. Non queda claro cal é a proposta estilística que se quere seguir nin se chega a percibir unha temática clara, aínda que hai pequenos indicios perdidos ao longo do traballo. Quizais a única liña clara que segue é a transición dun son analóxico a un electrónico no seu último tramo.

Pero estas sensacións teñen máis forza na primeira escoita, cando Fishing for Fishies nos pilla por sorpresa, mais coas seguintes escoitas é máis sinxelo centrarse simplemente no que estamos a escoitar e gozar cancións como a fascinante ‘Acarine’, na que se produce a maior mutación do son do disco, ou a vitalidade de ‘Plastic Boogie’ e as dúas caras de ‘Real’s Not Real’. Fishing for Fishies non é o mellor álbum da banda mais tampouco é un traballo esquecible, a súa incomprensibilidade dótao en certa maneira de personalidade, e as súas cancións son tan desfrutables e entretidas como sempre.