by | Mai 6, 2019

‘Xogo de Tronos’ 8×04: Un motor de Ferrari sen gasolina

O capítulo catro da última temporada de Xogo de Tronos chegou ao seu fin e a única palabra que se pode asociar con el é decepción. Non porque sexa o peor capítulo da serie nin moito menos, pero este capítulo encarna unha tras outra as eivas que leva arrastrando durante tempadas a serie. Todo isto a pesar da gran dirección de David Nutter e de momentos moi brillantes que fan que por contraste os erros se noten máis. Que doan máis.

A primeira secuencia é fantástica e deixa os dentes longos a calquera. Mostra o día despois da batalla, o enterrar -neste caso queimar- aos mortos. O que en practicamente ningunha ocasión se ensina, a cara b consecuencia de cada conflito militar. Todo isto cunha banda sonora orquestrada á altura da situación. A destacar os planos paralelos entre Sansa e Daenerys onde deixa claro a rivalidade que vai importar a partir de agora con independencia de todas as demais. O dous bandos que existen, sexa dunha forma ou doutra. A pena é que nesta secuencia, onde pode verse a gran dor que é abrasar coas túas propias mans un ser querido -a pesar de que xa no respire-, sería moito máis emotiva se na batalla contra a noite tivera morto alguén máis relevante. Non sería terrible Arya tendo que borrar do mundo a Sansa? Jon a Sam? Tyrion a Jaime? E máis cando algúns personaxes parecen que xa remataron todo o seu ciclo e van rematar cun simple “e todo vai ben”, como o caso do único membro vivo da familia Tarly.

Despois vemos a confirmación de que a fantasía dentro de Xogo de Tronos cesou para sempre. Toma as intrigas polo trono como o final: a loita contra Cersei, a crecente loucura de Daenerys, as consecuencias da revelación de que Jon sexa a persoa con máis dereito a reinar -e parece que tamén o mellor líder-. Eses acontecementos fan por un momento pensar ao público que Varys incluso volve a ter paxariños, pero non. Aínda que este personaxe, que leva dúas temporadas sen razón de ser na serie, volveu como noutrora para traizoar polo ben do pobo e apoiar ao mellor rei. Que tamén podían todos darse conta antes que Daenerys é unha dirixente nefasta e non cando chega a este extremo.

Mantiveron vivo todo este tempo ao eunuco soamente para ter este peche, pero o que fixeron con el ao longo deste tempo non ten nome, relegado a ser alivio cómico -ao igual que Tyrion- por non ter pene e non saber que facer con el. Neste capítulo polo menos inténtase que volva o Varys de sempre pero o de atrás ninguén o pode esquecer, igual o norte.

E falando da nula evolución do personaxe, chegamos ao punto que fai desta serie un produto que dista anos luz da calidade que tivo hai anos: o guión. E neste capítulo é especialmente mediocre, por non dicir malo. O ritmo, sobre todo dende a metade do capítulo, non hai por onde collelo. É un quero e non podo entre tentar que as cousas pasen lentas como na esencia da serie e que polo tanto evolucionen personaxes, con sucesos sen ningún tipo de preparación e que rompen a estrutura do capítulo dun xeito que ata sorprende.

Ademais hai actos que non se poden coller por ningures. O deus ex machina de Bronn aparecendo en medio de Winterfell cun arma enorme apuntando aos irmáns Lannister é un dos momentos menos xustificados da serie, e mira que os hai. Como entrou no castelo? E os gardas? Parece que tras derrotar a unha bandada de mortos viventes calquera pode entrar no bastión do norte e conquistalo soamente cun home. Ademais para colmo, aporta cero. Ao final Bronn non quere loitar e parece que toda a súa trama nesta temporada limitouse a dúas escenas carentes de sentido.

Por outra banda, entendo que está xustificado que Jon deixe a Fantasma no Norte. Vén a significar simbolicamente que renuncia a parte da súa esencia Stark -xa que os huargos son o estandarte da casa- para seguir á raíña da que está namorado cara o sur. Marcha por motivos moi diferentes aos que xa fai moitos capítulos marchou Ned Stark, o seu pai, pero quen sabe se terán o mesmo final. O punto é que a frialdade da despedida carece de sentido. Xa soamente que Fantasma estea vivo é bastante incomprensible despois do acontecido no capítulo anterior, pero unha secuencia que podería ser espectacular remata sendo anticlimática por unha aversión inventada e a coa intención de non sacar nunca máis ao huargo en pantalla, que custa moitos cartos.

A terceira, e considero que a máis importante porque conduce ao climax do capítulo, é a batalla naval que remata co secuestro de Missandei. Unha batalla onde a frota de Euron aparece sen razón aparente, mata a un dragón soamente para acrecentar a ira e a loucura de Daenerys e que logo se corta en poucos minutos e medio poñéndonos dende o punto de vista do único personaxe que se desmaia. Se isto xa é cutre de por si, durante a elipse dunha batalla que nunca saberemos nada, por conveniencias do guión, Missandei é secuestrada. Ninguén sabe como, dado que as dúas frotas estaban a centos de metros entre si, pero fano. Os guionistas parece que tampouco, porque era un feito tan inverosímil que optaron simplemente por non escribilo.

Quedan dous capítulos da serie. No próximo parece que Daenerys se converterá nunha sorte de Aerys Targaryen a quen non lle importará matar a todos os inocentes que estean diante dela, Jon Snow será un líder digno de seguir e presumiblemente Cersei pechará o seu arco de personaxe, que reflicte perfectamente no que se converteu Xogo de Tronos. Cersei xa non é unha muller complexa que representaba a renuncia do maniqueísmo dentro da humanidade da serie. Agora simplemente é unha persoa malvada, que soamente quere facer as cousas o máis terrible posible e coa que ninguén pode xa identificarse. A día de hoxe a obra é un reflexo do que foi, e se moitas persoas somos tan duras con ela é porque esta serie é a máis importante da década en moitos sentidos e no seu momento a de maior calidade. Pero todo se acaba, como a historia do cabaleiro da árbore sorrinte.