Vingadores: Endgame

Dirección: Anthony Russo, Joe Russo
Guión: Christopher Markus, Stephen McFeely
Fotografía: Trent Opaloch
Música: Alan Silvestri
Ano: 2019
País: Estados Unidos

 

Vingadores: Endgame

Dirección: Anthony Russo, Joe Russo
Guión: Christopher Markus, Stephen McFeely
Fotografía: Trent Opaloch
Música: Alan Silvestri
Ano: 2019
País: Estados Unidos

by | Mai 8, 2019

‘Vingadores: Endgame’, o evento cinematográfico dunha xeración

Realizar unha película como Vingadores: Endgame é unha tarefa extremadamente complicada. Ter que xestionar unha cantidade tan ampla de personaxes, sabendo darlle a todos eles os seus momentos, e manter ao mesmo tempo unha narración coherente e fácil de seguir é un reto reseñable. Marvel Studios e Disney apostaron de novo polos seus directores de confianza, os irmáns Russo, que xa demostraran a súa capacidade de conseguir bos resultados ao realizar películas desta envergadura como Capitán América: Civil War ou Vingadores: Infinity War.

Non obstante, desta volta había unha dificultade engadida. Endgame é a película que tiña que funcionar como peche para a primeira gran historia que se narrou no Universo cinematográfico de Marvel (MCU), a coñecida como Saga do Infinito. Tras máis de vinte filmes nos que progresivamente se foron presentando numerosos superheroes, fomos vendo as xemas do infinito e coñecimos pouco a pouco a figura do vilán Thanos e as súas motivacións. Vingadores: Endgame era a película que debería poñer un peche satisfactorio a todo isto. E o resultado final funciona.

Endgame é un filme que ten moi claro qué función tiña que cumprir dentro deste universo cinematográfico, dar un peche satisfactorio á primeira xeración de heroes que comezamos a coñecer hai xa máis de dez anos. Estes finais, algúns máis tristes que outros, atópanse repartidos ao longo da segunda metade da película e, se ben poden resultar algo predecibles, acontecen tal e como tiñan que suceder.

A pesar das tres horas de duración, Vingadores: Endgame é un filme que non resulta aburrido en ningún momento. A película comeza de maneira pausada, pero cunha carga dramática enorme, que nos volve a facer sentir da mesma maneira que no final de Infinity War. Os irmáns Russo buscan explorar como afectou este tráxico suceso aos heroes da saga e ao resto do mundo en xeral, profundizando nas consecuencias que tivo para a sociedade a perda da metade dos seres vivos do universo. Mais unha vez que a película comeza a coller ritmo, non parará de ir a máis, ata chegar a un clímax no que podemos atopar algúns dos momentos máis espectaculares de todo o MCU.

Con todo, Vingadores: Endgame non é unha película perfecta. Non é capaz de manter un tono constante como si lograra Infinity War, os saltos entre as partes de humor e as dramáticas aquí resultan máis forzados, e as transformacións que viviron algúns dos personaxes como Thor ou Hawkeye semellan bastante apresuradas. Así mesmo, Thanos xa non é o que era en Infinity War. Este vilán era, sen lugar a dúbidas, o máis carismático que puidemos ver en todos os filmes que lanzou Marvel ata o de agora, pola contra nesta ocasión é, literalmente, un personaxe diferente ao que podiamos atopar en Infinity War.

Mais todos estes erros semellan cuestións case insignificantes cando valoramos todas as cousas que fai ben esta película. Non se tratará dun dos mellores filmes que poderemos ver nas salas comerciais este 2019, pero Vingadores: Endgame si que é, en certa medida, o maior evento cinematográfico do ano, o peche a unha das propostas máis ambiciosas da historia do cinema de entretemento que marcou a toda unha xeración, polo que non sorprenden nin os datos de récord da súa recaudación nin o balbordo que casou nas redes. Pero tampouco sorprendería que dentro de dez anos nos lembremos máis do estalo de dedos final de Infinity War.