by | Mai 15, 2019

Nacho Vegas, The Essex Green e Cariño esta fin de semana no Fa Ce La Fest de Lugo

O Fa Ce La Fest celebrará os vindeiros 17 e 18 de maio a súa cuarta edición en Lugo e farao cun cartel que inclúe a 15 bandas do panorama musical galego, estatal e internacional cuxos concertos terán lugar no exterior do Pazo dos Deportes.

Ademais, esta cuarta edición coincide co Día das Letras Galegas, polo que ofrecerá dous concertos gratuitos de bandas galegas -e en galego- no Pazo de San Marcos, os de Chicharrón -17 de maio- e Os amigos dos músicos -18-.

No Pazo dos Deportes actuarán, o 17 de maio, Nacho Vegas acompañado do coro antifascista Al altu la lleva, os franceses Michel Cloup Duo, Presumido, Cariño -o fenómeno pop do ano, e por primeira vez en Galicia-, os chantadinos Fábrica de Espejos, Boyanka Kostova e os lucenses Trinitá; e o 18 de maio, o referente da escena sixtie estatal Cooper, Biznaga, a banda de culto estadounidense The Essex Green, as cantautoras vascas Anari e Tulsa, Rayotaser, os vilalbeses Magical Colors e Yurak Walla Dj.

O Fa Ce La Fest sempre apostou por carteles únicos. O ano pasado viviu un salto cualitativo ao reunir 19 bandas como Rufus T. Firefly, Apartamentos Acapulco, as lendas vivas do rock underground neoiorquino Marc Jonson e Richard Lloyd ou a estrea en Galicia de Carolina Durante. A proposta deste ano é similar. Hai grupos que conseguiron levantar unha gran expectación a nivel estatal pisando por primeira vez o noso país. Hai garage, trap, pop electrónico, rock psicodélico, pop folk… Todo apunta a que vai camiño de consolidarse como unha cita anual imprescindible no calendario dos festivais galegos.

Aínda estades a tempo de conseguir o voso abono neste enlace.