Dor e gloria

Dirección: Pedro Almodóvar
Guión: Pedro Almodóvar
Fotografía: José Luis Alcaine
Música: Alberto Iglesias
Ano: 2019
País: España

 

 

Dor e gloria

Dirección: Pedro Almodóvar
Guión: Pedro Almodóvar
Fotografía: José Luis Alcaine
Música: Alberto Iglesias
Ano: 2019
País: España

by | Mai 17, 2019

‘Dor e gloria’: o cine como medio de redención

Un novo filme de Pedro Almodóvar sempre é motivo de celebración −ao menos para unha servidora−. Tras obter críticas dispares con Julieta (2016) e saír escaldado por Os amantes pasaxeiros (2013), o realizador manchego firma a súa película máis persoal ata a data. Algo que convén ter presente, pois dos múltiples Almodóvar que coexisten en Pedro, o máis interesante é se cadra o autor ensimesmado; aquel que, indagando nos currunchos da súa propia mente, viaxa á orixe mesma da súa mirada, e con ela, a unha tremenda honestidade cara as obsesións que rodean a súa obra.

Unha autoconsciencia que o seus detractores adoitan confundir con prepotencia, pero que tamén pode lerse como a consecuencia dun estado vital onde a creación devén, co paso dos anos, na medida de todas as cousas. Ten sentido entón que a figura do cineasta, absorto no seu universo creativo, artelle a súa filmografía: tal é o caso de Os abrazos rotos (2009), que contaba a historia dun director de cine retirado con contas pendentes co seu pasado. Un punto de partida similar ao de Dor e gloria (2019).

Do mesmo xeito que o director de 8 e ½ converteu a Mastroianni no seu alter ego, aquí é un monumental Antonio Banderas quen, co seu Salvador Mallo se confunde en Almodóvar, peiteado, vestido e falando igual que o manchego, pero sen caer nunca na imitación nin na parodia. Porén, non semella coincidencia que o nome do amante reencontrado que interpreta Leonardo Sbaraglia sexa o de Federico, reconvertido en Marcelo no relato biográfico que escribe Mallo; como tampouco o é que aparezan varias obras de Maruja na casa do protagonista, entre elas Máscaras e Racimo de Uvas.

Salvador Mallo é un director que no ocaso da súa carreira sofre unha crise creativa motivada por todas as dores físicas e emocionais que lle afectan. Así, Pedro Almodóvar elabora un guión no que cruza arbitrariamente vivencias persoais e elementos de ficción a base de retrincos da infancia e da madurez. As penurias económicas e sacrificios, a súa complicada educación relixiosa, a paixón polo cinema e a literatura e o primeiro desexo, vense alternadas co itinerario actual do Salvador adulto. Este enfoque a cabalo entre o pasado e o presente permite a Dor e gloria gañar en versatilidade e ritmo, conferíndolle ao manchego un pulso narrativo do que poucos autores poden presumir.

Como é constante no traballo de Almodóvar, tanto a impecable fotografía de José Luis Alcaine como a partitura do mestre Alberto Iglesias encaixan á perfección co cine de alguén con quen xa comulgaron moitas veces. Á vez, estamos ante unha película realmente bonita. Todo o que está relacionado co deseño de produción destaca sobremaneira −a súa sensibilidade pop para o vestiario e os decorados son unha marca de identidade máis que coñecida−.

En Dor e gloria atopamos as mesmas categorías estéticas, os contrastes cromáticos, e sobre todo moitos dos temas que vimos noutros filmes do manchego. As metarreferencias van máis aló de A lei do desexo (1987) e A mala educación (2004) −as únicas longametraxes do director protagonizadas por homes− e das que se dixo que forman unha especie de triloxía non buscada. Malia que en Dor e gloria o peso dramático se sosteña fundamentalmente sobre personaxes masculinos, non falta nela un estupendo personaxe feminino: a presencia definitoria da nai, interpretada por unha luminosa Penélope Cruz, de nova −recuperando o papel que xa fixo en Volver (2006)− e unha crepuscular Julieta Serrano, de maior −pura naturalidade e emoción nas súas escenas xunto a Banderas−.

A nova cinta de Pedro Almodóvar é un relato triste, pesaroso, pero cargado dunha vitalidade que desborda a pantalla. Dor e gloria fala da necesidade de seguir rodando, da dificultade de separar a creación da propia vida e de seguir o camiño que a unha lle apaixona e a define. Un mundo persoal que Almodóvar nos ofrece con enorme sinceridade, delicadeza e unha excelencia fílmica que volve confirmalo como un dos grandes autores do noso tempo.

E todo desemboca nun desenlace excepcional. Un final que ofrece unha reinterpretación magnífica a todo o visto e que supón un canto ao cine. Aínda que na película de Almodóvar, o cine da súa infancia ulía a pis, xasmín e brisa de verán.