by | Xuñ 14, 2019

Fotografías por Laura Sixto

Fa Ce La Fest IV. Día 1: Espírito intacto

Logo de tres exitosas edicións, regresou o Fa Ce La Fest a Lugo afianzando o seu compromiso coa música máis indepedente e acompañando a difusión dunha nova xeración de talentos. Como nos anos anteriores, o público puido desfrutar das mellores bandas do panorama alternativo no marco dun encontro cultural onde tamén tivo lugar diferentes actividades e intervencións artísticas nos días previos, como as festas de presentación en Lugo e Santiago ou a proxección do filme Cantares de una revolución (no que participa Nacho Vegas) nas novas salas de cinema Codex.

O venres celebrábase tamén o Día das Letras Galegas e o Fa Ce La non dubidou en incluir a grupos que cantan en galego, como é o caso de Chicharrón que xa estiveron na sesión vermú da primera edición e que a pesar de reducir en número o formato da banda, están no seu mellor momento. Os de Carballo presentaron Cancións clínicas (dentro nos nosos mellores discos nacionais do ano pasado) e malia comezar algo dubitativos debido a problemas co son, ofreceron un recital fráxil pero precioso á par. Co punto ambiental do novo disco e co amor das súas letras espallándose pola praza da San Marcos, a min desde logo tivéronme comendo da súa man.

Ás 19:00 daban comezo os concertos no recinto exterior do Pazo dos Deportes para recibir o rock sucio da banda local Trinità, aos que non cheguei a tempo para ver en directo. Unha mágoa, porque era a única oportunidade de escoitar algo máis garagero e punk no festival ata a actuación de Biznaga o sábado. Espero pillalos noutra ocasión, xa que polo que me contaron do concerto, están chamados a ser a grande promesa da escena lucense.

A continuación saíron ao palco os xa coñecidos polo público Fábrica de Espejos, pois abriron para Wire no concerto do Clavi. A ese pop electrónico que comparten no cartel Presumido e Rayotaser, hai que sumar o destes chantadinos que conseguiron crear unha atmósfera espacial e envolvente desde o comezo da súa actuación con eses sintes oitenteiros e con sabor a shoegaze. Moito tino con esta agrupación galega, porque se manteñen este espírito de traballo poden chegar a ser unha das revelacións musicais a nivel estatal.

Os ourensáns Presumido chegaron ao Fa Ce La Fest directos desde Madrid, onde actuaron tamén Boyanka Kostova compartindo escenario con grupos como Vetusta Morla ou La Casa Azul. Admito que Presumido eran case uns descoñecidos para min aínda que algo seu tiña visto, e sabía que empeñaran os seus instrumentos (que recuperaron vía crowdfunding) para poder gravar a música nova que presentaban en Lugo esa noite. Así que me invadía a curiosidade.

O dueto formado por Nacho Dafonte e Tarci Ávila deu un espectáculo no que a forza nunca cesou. Xa ao inicio, a voz de Tarci afinando perfectamente ‘La Ley de Hielo‘ mentres Nacho danzaba coa batería, irradiou unha potencia escénica que poucas veces vin en directo. Entre sorrisos e palabras de agradecemento, os rapaces de Presumido animaban ao público a dar palmas e facer xogos de voces en cancións como ‘El Naufragio de la Girona’ ou ‘El Rey Azotado’. Cunha posta en escena e son apabullantes, ofreceron un dos concertos máis emblemáticos do festival.

O aforo triplicouse nun abrir e pechar de ollos ante a magnitude da seguinte actuación: Nacho Vegas acompañado dunha banda maxistral, con membros de León Benavente entre outros, e o Coro Antifascista Al Altu La Lleva. O asturiano presentaba o seu recente álbum Violética, o cal estivo nomeado pola nosa redacción entre os mellores do 2018. Con imaxes proxectadas dos irmáns Aurelio e Manuel Caxigal, dous dos maquis máis coñecidos dos primeiros anos da posguerra, Nacho ou ‘Nachín’, alcume cariñoso co que o público se refería ao cantante, fixo a súa entrada sixiloso encamisado de negro, mimetizándose co escenario e os instrumentos.

Si es que al nacer y al morir somos todos iguales, ¿para qué dejar vivir a fascistas criminales?“, di a letra de ‘El corazón helado‘, canción que abría o disco e tamén o concerto. Declaración de intencións: para empezar, o colectivo e o político. Porque se hai algo na música de Nacho Vegas de hoxe é convicción. Aínda que desta volta falou pouco entre canción e canción e a súa única mensaxe fonda foi denunciar o racismo institucional antes de interpretar ‘Crímenes cantados‘.

Nacho Vegas deleitounos con algúns dos mellores cortes do seu último traballo – ‘Ideología‘, ‘Desborde‘, Ser árbol, mais tamén nos regalou unha viaxe polos clásicos ‘Ciudad vampira, ‘Dry Martini‘, ‘Miss Carrusel, entoando a emocionante versión de Violeta Parra ou unha moi celebradaMorir o matar e que tivo como remate o apoteósico bis ‘El hombre que casi conoció a Michi Panero‘, que deixou a Vegas co puño en alto e aos fans con ganas de máis tras case dúas horas fugaces dun recital que dificilmente poderemos olvidar.

O dos franceses Michel Cloup Duo foi un concerto sen dúbida diferente e gratificante. O proxecto simplificado ao máximo (guitarra e batería) dun dos referentes do rock europeo de vangarda, Michel Cloup (ex líder de Diabologum e Experience) xunto ao batería Patrice Cartier (Binary Audio Mistfits).

O dúo transmutou nunha maquinaria de noise-rock perfecto, con sons achegos a bandas como Low ou Sonic Youth e cun directo explosivo e intenso no que a voz de Cloup, a veces frenética, a veces case recitando lirismo francés, nos hipnotizou cos seus bucles repetitivos. Probablemente esta fose a sorpresa do festival. Unha vez máis, Fa Ce La demostrando que rara vez falla cando elixe.

Os dous últimos grupos da noite viñan dispostos a romper con esa tónica calma que parecía terse apoderado do público e ofrecer un pouco de marcha aos corpos alí presentes. En primeiro lugar chegou o “tontipop” (así o definen elas) de Cariño. Non é casual que este trío de mozas ande copando as novas de primeiros confirmados na maioría de festivais estatais, é o froito dunha proposta que faltaba no panorama e que fai rexurdir ese pop triste e divertido á par, ese pop bailongo puro estilo Elefant Records (Family, Papa Topo…).

María, Alicia e Paola conforman un tándem de complicidade e bo rollo que rapidamente traspasou do escenario ao público. Incríbles estas madrileñas que, da man de temas como ‘Mierda Seca’, a versión de ‘Llorando en la Limo’ ou a novidosa ‘La Bajona’, tiveron as primeiras filas cantando as letras enteiras e o resto de xente cun sorriso na cara. Gardaron os hits para o final, conseguindo unha resposta eufórica cunhas ‘Bisexual‘ e ‘Canción de pop de amor‘ coreadas ata esgorxar e deixándonos a todas pedindo inutilmente “outra, outra”.

A pesar de que tocarán en todos os festivais importantes, incluído O Son do Camiño este venres, foi todo un triunfo para o Fa Ce La Fest traelas a Galicia antes de que estean na boca de todos, como ocorreu con Carolina Durante na pasada edición.

Completando o son máis xuvenil no peche desta primeira xornada do festival, chegou o broche final coa actuación do dúo de trap compostelán Boyanka Kostava composto por Chicho Do Funk e Cibrán. Dicían desde a organización que traer un grupo de Chicho Do Funk é para o Fa Ce La Fest como que o Primavera Sound leven a Shellac. Bulto e Esteban & Manuel foron algúns dos proxectos musicais de Chicho e ambos participaron nas anteriores edicións do festival.

Non moi lonxe do “cumbiatune” de Esteban & Manuel (a voz anegada de ato-tune é tamén a súa seña de identidade), Boyanka Kostova fan unha sorte de trap-rap festivo aberto a sons electrónicos, ritmos africanos e incluso baladas. Mais experimentar co hip hop non é algo novo en Galicia, grupos como Dios Ke te Crew ou Malandrómena son referentes nisto. De feito, Boyanka tiveron a sorte de contar con ambos na creación do seu primeiro EP – Vella Canción Galega.

Os picheleiros deron un concerto moi efusivo, cunha meirande parte da xente bailando para eles a pesar de non ser un estilo para nada maioritario neste festival. Pero con temazos como ‘Colacao, ‘Sito ou o afrotrap ‘D. Tristán‘ que estrearon en primicia, contaxiaron sen remedio as ganas de moverse a todo o público. A proposta de Cibrán e Chicho foi enormemente enérxica e chea actitude. Tanto que foron despedidos cunha gran ovación pola súa entrega.