The Raconteurs – Help Us Stranger

DATA DE LANZAMENTO: 21/06/2019
DISCOGRÁFICA: Third Man Records

The Raconteurs – Help Us Stranger

DATA DE LANZAMENTO: 21/06/2019  DISCOGRÁFICA: Third Man Records

by | Xul 15, 2019

Hai xustamente vinte anos Jack White comezaba a súa carreira discográfica co seu debut con The White Stripes. Dúas décadas despois xa pasou por ata tres bandas distintas ademáis de ter lanzado unha exitosa carreira en solitario. Seven Nation Army converteuse quizáis na última canción de rock en pasar a formar parte da cultura popular global e Third Man Records, a discográfica fundada por White ven de abrir a primeira nova planta de prensado de vinilos en décadas.

Entre medias, de proxecto en proxecto, puidemos escoitar xa quince LPs que contaron coa participación do multinstrumentista estadounidense, todos eles reseñables. O último, o novo disco de The Raconteurs, Help Us Stranger. Primeiro lanzamento da banda en máis de dez anos.

Sempre se falou de The Raconteurs como un supergrupo, e sen embargo a banda sempre rexeitou esta denominación. É certo que cando se formaron en 2006 os dous cantantes e compositores principais, Brendan Benson e Jack White, xa tiñan carreiras musicais detrás de sí, pero a colaboración entre estes dous músicos ía moito máis cara atrás, chegando ata os anos 90, onde estes dous amigos xa tocaban xuntos nas salas de Detroit moito antes de saltar á fama.

A formación dos Raconteurs a mediados da década pasada non foi máis que o recontro duns amigos para facer a música que lles gusta e pasalo ben. Hoxe, once anos despois do seu último disco Consolers of the Lonely había quen dubidaba se a banda mantería toda esa vitalidade que fixo tan divertidos seus anteriores traballos. O resultado final amosa que desta volta as razóns destes músicos para xuntarse de novo e escribir este disco foron as mesmas que había detrás en 2006.

Help Us Stranger é un disco no que de novo aparecen influencias moi diversas, dende o rock dos anos 70 ata o power pop e o folk. Pode que sexa un álbum que non traerá consigo un single de éxito como Steady As She Goes ou tantas cancións destacables como Consolers of the Lonely, pero é quizais seu disco máis redondo.

Os dous primeiros adiantos que se puideron escoitar foron Sunday Driver e Now That You’re Gone, dúas cancións que daban a parecer que os derroteiros deste traballo seguirían o que xa puidemos escoitar no seu último disco. Con todo, tras a súa publicación queda claro que The Raconteurs tamén inclúen novas ideas no seu son como a mistura de guitarras acústicas e baixos de sintetizador de Help Me Stranger ou Thoughts and Prayers, que tamén conta cun impresionante solo de violín.

Por outra banda pistas como Don’t Bother Me ou What’s Yours Is Mine traen consigo un rock máis agresivo do que acostumabamos a atopar nos discos dos estadounidenses, que habitualmente seguían máis a liña do que se pode escoitar en Bored And Razed. Help Us Stranger non é un álbum que reinvente o rock nin que trate de renovalo, pero mantén esa sensación de espontaneidade que sempre aportaron os traballos de The Raconteurs, resultando divertido e interesante de principio a fin, sendo desta maneira o quinceavo disco da carreira de Jack White que debería pasar polos nosos auriculares.