by | Xul 20, 2019

Primeiras confirmacións do WOS Festival 2019

O WOS Festival xa está a preparar a súa sexta edición que este ano terá lugar entre o 11 e o 15 de setembro. Este festival celebrado en Santiago de Compostela xa está consolidado como unha das propostas máis únicas e innovadoras en Galicia, apostando pola expermitentación e a música de vangarda. Como en edicións anteriores, o WOS Festival celebrarase ao longo da cidade en espazos que inclúen museos, teatros, unha igrexa do século XVIII, edificios de arquitectura contemporánea singular, o mercado municipal de abastos, salas de concertos e unha sala de cinema independente, entre outros lugares destinados a crear experiencias únicas para audiencias reducidas. Por agora xa coñecemos os dez primeiros proxectos que participarán desta edición:

Bendik Giske é un artista e saxofonista queer que usa a corporalidade, a vulnerabilidade e a resistencia como ferramentas de expresión. Giske toma as estruturas constitutivas da música electrónica e reprodúceas en vivo co seu saxofón, sen capas nin loops, permitindo aos fallos humanos manifestarse. Cita como referencias os arpegios de Lindstrom e a respiración circular de Evan Parker, conseguindo coa combinación destes dous extremos a fusión do free jazz e a música club.

Drew McDowall & Florence To. Durante a tumultuosa década de 1980 Drew McDowall formou parte do colectivo Psychic TV, para pronto sumarse ao excreador de Throbbing Gristle Peter Christopherson e ao enigmático John Balance na banda de música electrónica esotérica e progresiva Coil. Estará en Compostela presentando unha reinterpretación da obra capital do drone ‘Time Machines’ xunto ás visuais en directo de Florence To, quen integra luz e motion graphics xenerativos en torno ao deseño arquitectónico específico de cada espazo, dacordo ás súas investigacións en psicoacústica e neurociencia.

Elena Colombi e  B2B Olivia. A respectada dj e locutora da emisora NTS Elena Colombi destaca pola súa selección allea a toda tendencia, empregando ritmos industriais, techno, ambient ou proto-house. Xuntarase por segunda vez sobre uns pratos coa polaca Olivia, dj residente de Unsound e unha das figuras crave da escena club de Cracovia grazas á súa idiosincrásica selección de pistas e excelentes habilidades técnicas coas que viaxa desde un techno cru e escuro á simplicidade do electro e a calidez do house, desde o techno de Detroit, pasando polo distintivo son holandés, ebm, industrial, cold wave, acid, electro, synth e house.

Eli Keszler. Baterista e compositor afincado en Nova York, o traballo de Keszler vira en torno ao espazo e lida coa interacción entre o son e a contorna, conseguindo transformar a través das súas actuacións, gravacións e instalacións os espazos físicos e virtuais. A interpretación de Keszler é imaxinativa, e as súas pezas transmiten un espectro de dinámicas emocionais que van desde o épico ata o íntimo.

Gazelle Twin. Gazelle Twin estará en WOS Festival x SON Estrella Galicia presentando o seu novo álbum, ‘Pastoral’, publicado en setembro de 2018. A artista Elizabeth Bernholz asina un álbum rebosante de tropos musicais tradicionais e contemporáneos; desde instrumentos arcaicos – o clavecín e a humilde gravadora – ata a aplicación do sample-looping contemporáneo. Máis aló das infusións corais, que aquí reverberan como unha retorta misa dominical, aprécianse sombras do house dos 90 e dunha outrora próspera escena rave refuxiada no rural. Para todo isto, Gazelle Twin constrúe unha encarnación visual excéntrica e impoñente de todo o anterior: un disfrace apropiado para un bufón de corte do século XXI.

Harrga é o proxecto Miguel Prado (Nzumbe) e Dali de Saint Paul (EP/64, Viridian Ensemble e DSC), quen ante a escalada da crise migratoria decidiron render homenaxe aos ‘Harragas’ (persoas que cruzan as fronteiras ilegalmente e queiman os seus papeis, perdendo así a súa identidade). En maio de 2019, lanzaron o seu álbum debut ‘Héroïques Animaux da Misère’, cunha colaboración de Moor Mother. Dali de Saint Paul mestura poética e política, cantando en francés, darija e inglés. Cospe con lume e furia, aínda que hai unha compaixón tanxible nas súas dolorosas lamentacións. Combinados co singular deseño noise de Miguel Prado, evocan unha visión feroz e completamente anómala da música industrial contemporánea.

Marina Herlop, pianista de formación clásica e delicada destreza, dedicouse a desmontar teorías e esnaquizar os límites da súa propia proposta. En ‘Babasha’ ( Aloud, 2018) a artista catalá sumaba ás súas peculiares composicións ao piano capas de electrónica brillante e sintetizadores, fiadas por unha voz única e luminosa, máis atrevida e arriscada que nunca. Actualmente atópase terminando a súa terceira referencia, radicada na introdución de ferramentas electrónicas no seu proceso de composición e produción.

Mary Lattimore é unha artista residente en California que conxura coa súa arpa formas abstractas que evocan recordos, paisaxes e alusións. A súa música explora un reino de narracións sen palabras e indefinidos relatos de viaxe, onde, coa axuda de efectos e voces ocasionais, as improvisacións de arpa transfórmanse en cancións espectrais. Na actuación en vivo, Lattimore revela a maxia impresionista do seu instrumento, difuminando a técnica clásica e a electrónica ambiental.

Rafael Anton Irisarri. Compositor, multi-instrumentista e produtor establecido en Nova York, Rafael Anton Irisarri, é un referente da música post-minimalista, drone e electrónica. Descrito por Drowned In Sound como “un dos artistas máis soados da música ambient contemporánea” e por Pitchfork como “un novo tipo de compositor que mestura indiferenciadamente pop, tecno e clásica”, a música de Irisarri a miúdo ten unha calidade lúgubre, elegíaca, profundamente emotiva e épica. Combinando amplificadores, múltiples altofalantes, sintetizadores, guitarras, computadores, imaxes de vídeo e iluminación, Irisarri descontextualiza a relación da audiencia co lugar, creando unha contorna envolvente e doutro mundo.

Vels Trio. A través dunha inaplacable sede de improvisación, o son do grupo Vels Trio caracterízase polos seus ritmos pesados, as súas composicións cargadas de emoción, e unha musicalidade moderna e expresiva construída con estruturas de son frenéticas e irresistiblemente atractivas. Imposibles de etiquetar, as paixóns e forzas individuais do grupo acharon o seu camiño a través do progresivo, a electrónica, jazz, funk e hip-hop.