Paulo Pascual fai música
acariciando o son no aire

 

Paulo Pascual fai música acariciando o son no aire

by | Xul 22, 2019

fotografía por Sara Roca

Un dos sons que máis caracteriza á música das vellas películas de ciencia ficción é o do theremin. Paulo Pascual, un dos poucos intérpretes deste instrumento en toda a Península, descubriu precisamente o theremin buscando nos títulos de crédito destas cintas a orixe dese particular son. 

Aínda que o primeiro que chamou a súa atención foi o misterioso timbre deste instrumento electrónico, Pascual recoñece que quedou definitivamente fascinado tras descubrir que a música no theremin créase sen tocalo coas mans, cuxos movementos son detectados por dúas antenas, “non é un instrumento tanxible, tócase acariciando o son no aire”.

É por iso polo que fas bandas sonoras de películas en directo co instrumento?

Dunha forma non racional. Agora que o dis sempre houbo unha relación moi directa entre a música que a min me gustaba facer e o cinema, e co theremin en concreto aínda vexo bastante máis directa esa relación.

Cando empezaches?

Sobre o 2004, pero empecei cun theremin que era case un xoguete e non controlaba ben os sons, así que en realidade non me puxen a practicar en serio até fai cinco anos.

Antes tocabas algún outro instrumento?

Toco principalmente a guitarra e tamén o piano.

O theremin tócao bastante pouca xente.

Si, desafortunadamente na Península os thereministas que hai están contados co dedo dunha man. A sorte é que en Galicia xustamente somos dous, hai un thereminista desde hai pouco co que contactei, Uxo Pousa que é un rapaz estupendo, levámonos de marabilla e é unha sorte que haxa outro aquí preto. De feito tocamos agora no meu proxecto que se chama Modulador de Ondas, que é un proxecto en solitario que para levalo ao directo facémolo en formato trío, co cello de Macarena Montesinos, o theremin de Uxo Pousa e o meu theremin e guitarra. Facemos un trío que non ten precedentes en formación en toda a Península

Como foi a experiencia de aprender a tocalo?

Eu entrei na música dunha forma autodidacta respecto ao piano e á guitarra, entón por iso ao empezar co theremin quizais non notei esa barreira que nota outra xente que teña unha educación máis académica, eu como estou afeito a aprender por min mesmo e a ter que buscarme a vida para aprender a tocar un instrumento, pois co theremin nese sentido non notei unha barreira que adoitan percibir outros músicos.

Agora tamén ensinas a tocar o instrumento.

O theremin é un instrumento de moi poucos pero eu quero que non sexa así, gustaríame que houbese cantos máis thereministas mellor. O que fago é talleres para divulgar dalgunha forma as posibilidades melódicas, porque hai moita xente que coñece o theremin pero máis como un xoguete para facer ruído, moitos grupos de estilos como o rock utilízano simplemente como efecto, pero eu o que quero é que a xente coñeza as posibilidades melódicas, xa que é un instrumento como outro calquera. Entón dou clases e talleres, fago cinema musicado en directo e tamén teño o meu proxecto de Modulador de Ondas cun disco editado.

Que acollida teñen estes talleres?

Fago talleres para persoas maiores e logo tamén fago concertos didácticos en colexios. Tanto nun sitio como noutro a resposta é boísima, non só porque acode bastante xente aos talleres, cousa que desde fóra pode chamar a atención, pero como é algo tan peculiar, a xente vai e ademais moi interesada. Logo con respecto aos nenos é incrible porque conecto de marabilla con eles, e de feito eles preguntan cousas sobre técnicas do theremin que son bastante avanzadas que moitas veces os maiores non preguntan.

Sacaches o disco de Modulador de Ondas o ano pasado.

Realmente saíu a finais de ano así que ten máis deste ano que do anterior. Foi unha gravación que fixemos aquí no meu taller onde traballo. Fixemos unha edición en vinilo transparente que quedou moi ben, cun traballo moi coidado de son e acabado gráfico e é unha autoproducción que a verdade estou moi orgulloso dela. Xa sacara noutros proxectos vinilos pero este quedou moi ben, e tamén teño en soporte CD, xa que moita xente tamén o pide neste formato.

Cal é o futuro deste proxecto?

Con Modulador de Ondas antes de sacar o disco eu xa tocara por toda Galicia e tamén por Asturias, e agora co trío tamén estamos a tocar, igual non tanto como cando xiraba eu só, pero estamos a tocar en concertos nos que a verdade podemos estar o tres no escenario en boas condicións, interésanos tamén un pouco poder estar cómodos tocando, é moi importante para un thereminista, e ás veces pásase un pouco por alto, tes que ter unha serie de cousas como a toma de terra, cousas eléctricas que para outros instrumentos non contan que aquí son fundamentais.