by | Xul 23, 2019

‘Remexido de patacas’: Retranca e humor negro pola sororidade

Resulta curioso que en certas ocasións se adoiten menosprezar as posibilidades que ofrece a narración breve cando na historia da literatura abundan exemplos que demostran o contrario. Precisamente esta era unha das pólas do debate orixinado arredor de Remexido de Patacas na súa xa non tan recente presentación na vila de Ordes, pois na que é unha das últimas obras editadas de Eli Ríos (Londres, 1976) evidénciase unha vez máis que o valor literario non ten por que ser unha calidade exclusiva daquelas obras que se constrúen sobre unha inxente morea de páxinas.

Baía Edicións aposta por un texto recoñecido como tantos outros asinados pola autora de Luns, Culpable ou DX pero que aínda non contaba coa súa merecida publicación. Malia estarmos a falar dun relato galardoado co Premio Modesto R. Figueiredo de narración breve hai cinco anos, Remexido de Patacas era un gran descoñecido aínda para un lectorado galego xa moi familiarizado coa prosa inesperada e transgresora da súa autora, figura referencial e de constante actualidade nas nosas letras. Atendendo a estas variables, a editora coruñesa emenda unha dobre falla sacando do prelo Remexido de Patacas, pois rescata así dun probable esquecemento unha obra premiada e nada do talento incontestable da escritora ordense, un talento que xera expectación con cada novidade por ampla ou miúda que sexa.

Mais non estamos ante un traballo de edición rutinario para unha obra menor. A mestría narrativa de Eli Ríos (que, insisto, non por breve é menos sobresaínte) conxúgase nesta ocasión cun espléndido traballo artístico a cargo de Diana Rodeiro “Nana”, un dos nomes máis recoñecidos da arte urbana galega, ordense coma Ríos, e que leva o seu orixinal estilo das ducias de murais que poboan as rúas do país á capa deste Remexido de Patacas, reconstruíndo graficamente e de xeito metonímico a sorprendente historia que a lectora achará tras esta portada. A este magnífico labor de deseño engádese un limiar a cargo de Emma Pedreira que, lonxe de levar a cabo unha contribución puramente honorífica, logra subverter a súa condición de prologuista sen que deixe de anticipar dun xeito delicioso (e moi poético) o que estamos a piques de topar nas escasas setenta follas que ocupa este extraordinario relato.

Remexido de Patacas mergúllanos nunha historia de violencia, desigualdade e submisión que non se comprace co drama que adoitan suscitar tan crueis situacións, senón que busca o humor negro e a retranca nas circunstancias máis sórdidas. Unha voz narradora en primeira persoa busca as cóxegas dunha lectora cuxas impresións oscilan entre a estrañeza máis inconfortable e a pura gargallada, acadando unha manumisión non menos violenta pero que lle descubre novos camiños de camaradaría e sororidade. Ao mesmo tempo, ábrese unha fenda na historia na que a nosa experimentada e aleuta narradora desliza unha incógnita que o cambia todo, incluída a nosa percepción dunha realidade ficcionada que xa asumiamos como propia. Evidentemente, incidir máis nestes aspectos conduciría a esta modesta crítica a introducir algún spoiler que mermaría o goce daquelas que aínda non se achegaran a esta obra…

Eli Ríos agasalla a un público cada vez máis fiel ás súas asombrosas argucias narrativas e aos seus soprendentes xiros finais cunha nova creación de gran valor literario, unha breve pero moi ben fiada mostra desa poética do inesperado que xa é bandeira nunha autora de indubidable habelencia, capaz de tecer relatos que procuran un súbito abraio nas lectoras e que nos fan desexar máis e máis dese estilo tan belidamente desenfadado de Ríos (afortunadamente para nós, O ceo das reixas xa está nas librarías da man de Xerais). En definitiva, unha obra ideal para redescubrir e dignificar o relato curto ao tempo que nos reencontramos cunha autora que xa é unha imprescindible da nosa literatura actual.

Remexido de patacas

Autora: Eli Ríos
País: Galicia
Ano: 2019
Editorial: Baia Edicións

Remexido de patacas

Autora: Eli Ríos
País: Galicia
Ano: 2019
Editorial: Baia Edicións