by | Xul 27, 2019

Os concertos imprescindibles do Paredes de Coura 2019

Neste portal rendémonos fai tempo á potencia do Paredes de Coura, definíndoo como unha cita ineludible e esperada onde bandas coñecidas e artistas que non o son tanto comparten escenarios baixo o abrigo dunha das localizacións máis utópicas nas que un pode atoparse nun festival.

Este ano, os grupos grandes que estarán alí son para todos os gustos: haberá quen senta que poucas bandas transmiten o que The National trae aos escenarios, e quen crea que esta é unha das mellores oportunidades para ver a Suede, uns dos máis míticos e importantes representantes do britpop. Se isto non convence, tamén estará a incombustible Patti Smith, preparada para axeonllar ante ela a calquera que aínda non a recoñeza como unha deidade.

Con todo, sempre hai que destacar algo do Paredes de Coura: e é a súa capacidade para descubrir e redescubrir artistas que son, foron ou serán dos máis grandes do panorama internacional. A continuación, os seis concertos que cremos que non podedes perdervos nesta edición do festival.

 

  • Kokoko!. Os anos do semba, o makossa ou o soukos xa pasaron. De aí a crer a que no continente africano non hai ofertas musicais interesantes é interpretar o absurdo. Aquelas cumbias de Staff Benda Bilili seguirán sonando, mais o Paredes apostou por algo actual, atrevido e impresionantemente bo coma o son sintético dos Kokoko! como unha das principais e ineludibles sorpresas desta edición. O seu primeiro álbum, Fongola, aparece agora en escena. Sons cheos de enerxía, percusión e bailes que prometen deixar a todos coa boca aberta.

  • Black Midi. Pronto deixará de ser eludible incluso para nós frear a reseña de Schlagenheim, primeiro álbum dos londinenses black midi, cuxo sino é facerse espazo entre os grandes. Recordades aqueles toques de math rock que fixeran dalgo especial o disco debut de Foals, Antidotes? Imaxinade, agora, se eses toques estiveran rodeados dunha experimentación bestial, onde ritmos, gritos  e ruído, moito ruído, tentaran buscar unha síntese moi, moi ordenada dentro do caótico. Black midi soan escuros, e o seu debut é o que o rock precisaba para, rodeado da chamada música urbana, continuar a ter un espazo.

 

  • Alvvays teñen un dos maiores logros que pode ter un grupo de música. Xa non falamos de ter a capacidade de crear cancións que resoan nas nosas cabezas a calquera hora do día, sen incluso que nos saibamos de onde veñen ou ás veces incluso de que artista son, como Dreams Tonite, senón que soan a algo concreto: a verán. Guitarras que evocan brisas de aire frío en medio dunha onda de calor, voces que nos transportan aos últimos raios de sol da última tarde das vacacións, liñas de baixo que semellan ás ondas do mar romper na praia… Son, indubidablemente, algo que agradecer en calquera festival. Tras dous albumes nos que se puxo unha e outra vez o listón aínda máis arriba, e á espera do seu terceiro longo, os Alvvays estarán este agosto no Paredes preparados para facer sorrir inevitablemente a todo aquel que os escoite.

 

 

  • Derby Motoreta’s Burrito Kachimba. No último día do Melona Fest deste ano, os Derby Motoreta’s Burrito Kachimba fixéronse co título de maior e mellor sorpresa musical do festival, e cun espazo para disputar este mesmo título a nivel xeral. Psicodelia, kinki. Guitarras que transmiten calor, mais non no mesmo caso que o anterior: un calor fervente, coma o do lume dun dragón preparado para botar a voar e destruír todo ao seu paso. Os andaluces continuarán a súa conquista da península, deixando unha vez máis a todo aquel público que se atreva a pararse diante do seu espectáculo.

 

 

  • Flohio. Funmi Ohiosumah está detrás de Flohio, outra das ofertas arriscadas deste Paredes de Coura. Se o ano pasado era Skepta quen levantaba en saltos ao público do festival ante as graves bases características do grime británico, este ano é Flohio quen, un ano máis, mostrará que a actualidade musical británica xa non pertence ás guitarras do britpop, senón á interpretación británica do movemento trap mundial. Tras dous EPs, e á espera do seu primeiro longo, Hell Bend e Bands son dous dos temas polos que Flohio promete que, aínda a pesares de ser pouco coñecida, o seu espazo no festival está máis que gañado.

 

 Spiritualized. E, en medio de nomes relativamente pequenos, novos, ou pouco coñecidos, deixando de lado nesta lista aos cabezas de cartaz, resultou inevitable pararse nun. Porque non é só que Spiritualized sexa un dos mellores grupos da historia, deses que coqueteaban coa psicodélica antes de que Kevin Parker o puxera de moda, e que leva facéndonos anacos os corazóns durante xa vinte anos, senón que estamos ante a última xira do grupo antes da súa anunciada separación. Os de Jason Spaceman están nunha posible xira de despedida, e este agosto estaremos ante unha das últimas oportunidades para agradecerlles o seu paso polas nosas vidas.