Así nos ven

Dirección: Ava DuVernay
Guión: Ava DuVernay, Attica Locke, Robin Swicord, Michael Starrbury
Fotografía: Bradford Young
Música: Kris Bowers
Ano: 2019
País: Estados Unidos

 

Así nos ven

Dirección: Ava DuVernay
Guión: Ava DuVernay, Attica Locke, Robin Swicord, Michael Starrbury
Fotografía: Bradford Young
Música: Kris Bowers
Ano: 2019
País: Estados Unidos

by | Xul 29, 2019

‘Así nos ven’, con malos ollos

Netflix leva desde fai tempo nunha dinámica curiosa, onde se está a converter nunha especie de “Crimes Imperfectos” deluxe, producindo documentais sobre asuntos escabrosos que soen, tamén é certo, ter certo éxito. “Así nos ven” ten algo diso, xa que revive un feito do ano 1989, o chamado “crime dos 5 de Central Park” ou “caso da corredora de Central Park”, que aquí é realmente moi descoñecido , pero que en Estados Unidos foi un fenómeno mediático tremendo. Pero desta volta represéntase en forma de serie, ficcionando o feito.

E a ficción, desta volta, potencia a realidade, sobre todo grazas ao traballo de Ava DuVernay na dirección, e do elenco actoral, especialmente de Jharrel Jerome no papel de Korey Wise. A historia xira arredor do que lles pasa a 5 rapaces que non se coñecen entre si unha vez que son acusados dunha violación por estar no lugar equivocado, reflectindo como é o cambio nas súas vidas, nas das súas familias, nas relacións cos demais, coa sociedade e tamén como o leva cada un por dentro. Non cómpre dicir moito máis, a capacidade de sorpresa ante os que non coñecen o caso creo que é un valor engadido digno de desfrutar.

A construción do relato semella crecer soa, os feitos que se nos presentan son tan incribles e indignantes que, misturado co excelente traballo actoral, fai que se lle revolvan as entrañas a calquera que vexa a serie. Todo brilla e parece encaixar de forma perfecta, cada protagonista ten o seu momento, podendo captar as diferencias que, ao mesmo tempo, a policía non puido ver, considerándoos a todos iguais, uns violadores. A segmentación da historia, aínda que non innova, ten o ritmo preciso para non resultar cargante no emocional sen perder a tensión dramática continua.

DuVernay fai un exercicio de certa contención, xa que tiña unha oportunidade de incidir nun relato máis político e racial (que tamén o é, pero porque ten esa forza de por si), pero non chega a meter tanta man, e simplemente presenta os feitos tal como foron, de xeito que a historia imprégnase do poder dunha realidade que case non se pode nin imaxinar. A xustiza cae polo seu propio peso e así o fai a serie, sen artificios, sen engadidos. Íspese, e dános vergoña vela coma espectadores, porque reflicte o peor do ser humano.

Esa normalidade, esa falta de indicadores de ficción fai todo especialmente cru. Son cousas que xa vimos en miles de ficcións, non hai nada novidoso na historia, pero ese “baseado en feitos reais” retumba na nosa cabeza, tendo que engurrar o fouciño e os ollos cada vez que pasa algo que non nos gusta na pantalla, que é practicamente de seguido. Recorda ao filme  “Detroit” (Kathryn Bigelow, 2017) nese contexto de violencia policial con tintes racistas, pero aquí explórase moito máis o que son os protagonistas, o que son antes e o que son despois, marcados por un eixe temporal arriscado, mais necesario.

A serie foi un fenómeno nos Estados Unidos, reavivando o caso (xa se fixera un documental sobre o mesmo, pero a atención mediática non foi moi grande), até o punto de que a fiscal máis a investigadora policial do caso tiveron que deixar os seus postos de traballo, en 2019, por algo que pasou un 1989. É curioso coma este tipo de produtos escabrosos de Netflix caen en saco roto habitualmente, ou incluso santifican figuras de dubidosos calado, mais desta volta, ata iso saíu ben.

Hai cousas que cando se ven, revólvente un chisco por dentro. Non ten que ver coa calidade da mesma senón que é algo de cada un, de que che transmita ou non. Pero esta serie axuda, aperta e empuxa con todo o que ten para entrar aí, nese lugar. Non hai que vela con bos ollos, porque non é agradable o que se ve, nin falta que fai. Os 5 de Central Park, homes xa, tan só queren que os vexades, porque xa viviron moito tempo no país dos cegos.