Midsommar

Director: Ari Aster
Música: Bobby Krlic
Guión: Ari Aster
Fotografía: Paweł Pogorzelski
Ano: 2019
País: Estados Unidos

Midsommar

Director: Ari Aster
Música: Bobby Krlic
Guión: Ari Aster
Fotografía: Paweł Pogorzelski
Ano: 2019
País: Estados Unidos

by | Ago 6, 2019

‘Midsommar’: Rituais paganos e folk-horror

Despois do éxito de Hereditary, Ari Aster tráenos un filme que volve a dividir ao público e á crítica á hora de catalogar as películas deste cineasta dentro do xénero de terror. O director achéganos un pesadelo rural que desenvolve a súa trama arredor duns estranos rituais do solsticio de verán no seu novo traballo, Midsommar.

O debate sobre o cinema de Ari Aster volve a abrirse co seu último traballo, Midsommar: podemos considerar esta película coma un filme de terror? A crítica cara o cineasta ven principalmente dos que adscriben as súas películas dentro do xénero do thriller psicolóxico máis que no de terror, quizáis polo seu depurado estilo e os seus referentes en autores tan clásicos como Ingmar Bergman, Stanley Kubrick ou Roman Polanski. Hainos quen todavía consideran que para que un filme sexa “de medo” ten que recoller a estela daquela onda ianqui dos setenta-oitenta marcada polo visualmente macabro e visceral da man de autores como Wes Craven, Tobe Hooper ou John Carpenter. Pero tanto o anterior filme de Aster, Hereditary, coma a recente Midsommar, deixan lugar para o grotesto (e de que maneira!), dun xeito máis impactante que, por exemplo, o extremismo taxidérmico d’A matanza de Texas.

En Midsommar vólvese a tratar o que parece ser tema recorrente no cinema de Ari Aster, o drama familiar. Dani, interpretada por Florence Pugh, acaba de sufrir unha pérdida fortísima e solo pode atopar refuxio no seu mozo Christian (Jack Reynor). Pero esta relación estase erosionando dende fai tempo, e o que acabamos vendo na liña ritual do solsticio de verán pode entenderse como unha metáfora no camiño que Dani atravesa ata comprender que se trata dunha relación errada. Este festival de solsticio ao que acode cos amigos de Christian (Vilhelm Blomgren, Will Poulter e William Jackson Harper), está cheo de rituais dispares, a cada cal máis bizarro que o anterior, pero tamén en certo modo anticlimáticos, por iso a viaxe dos protagonistas a esta aldea sueca descorre sen pausa e resulta nun continuo de momentos estraños na que o ritual final non é máis ca un remate catártico tan chocante como os anteriores.

Poderíamos tamén entender Midsommar como unha suave crítica cara este turismo cada vez máis colonizador das pequenas sociedades que aínda manteñen tradicións ancestrais? Arredor desta idea de estrañeza cara o alleo é onde Aster constrúe o seu relato de terror, porque o medo ten as súas raíces naquelo que nos inqueda e se sae da norma. No caso deste filme imos ata Suecia, un dos países máis avanzados de Europa, pero atopámonos cunha peculiar comuna que realiza unha serie de actos extravagantes para celebrar o solsticio de verán. Todo isto transcorre a plena luz (poucos son os momentos nos que hai escuridade), e as escenas máis aterradoras son perfectamente visibles no día. Como xa ocorrera en Hereditary, a fotografía do polaco Paweł Pogorzwelski é unha das características visuais máis impactantes do filme, que bota man de grandes angulares e cores vivas e estridentes que evidencian un gusto pola limpeza estética contrastada enérxicamente co siniestro das escenas.

Recollendo o debate inicial, para quen escribe non cabe dúbida algunha de que Midsommar se trata dunha película de terror, pero que precisa do esforzo do espectador para que repouse o que está vendo e dixira con calma aquelo que se nos está contando. Nunha das escenas máis desestabilizadoras do filme aparece o tema do tratamento da morte, de como cada un de nós entendemos a pérdida de seres queridos. A través de Dani asistimos a un conflicto que xorde a partir da idea de se o falecemento de alguén pode ser momento de celebración. A morte, polo tanto, tratada como tema universal, sen fronteiras, e que ben é sabido que cada cultura afronta de maneira diferente.

Os monstros que nos asustan non están fora esperando a perseguirnos cun coitelo ou cunha motoserra, non son zombis que veñen a chucharnos o cerebro. Porque, hai algo en Midsommar que dea máis medo e produza máis angustia que os primeiros vinte minutos de metraxe na que vemos o que lle acontece á familia de Dani? Estes monstros están dentro de nós e son máis aterradores ca todas as figuras imaxinarias creadas polo cinema de terror do que moitos aínda non logran desprenderse para darlle un voto de confianza a novas creacións e enfoques dentro do xénero.