A Casa de Papel, Parte 3

Creador: Álex Pina
Guión: Álex Pina, Javier Gómez Santander, Esther Martínez Lobato
Fotografía: Miguel Ángel Amoedo
Música: Iván Martínez Lacámara, Manel Santisteban
Ano: 2019
País: España

 

A Casa de Papel, Parte 3

Creador: Álex Pina
Guión: Álex Pina, Javier Gómez Santander, Esther Martínez Lobato
Fotografía: Miguel Ángel Amoedo
Música: Iván Martínez Lacámara, Manel Santisteban
Ano: 2019
País: España

by | Ago 13, 2019

A Casa de Papel: Un trepidante e renovado entretemento

Co bombazo que pegou A Casa de Papel este verán, resulta difícil de crer que a ficción española leve xa dous anos en emisión. Despois de dúas tempadas producidas por Atresmedia, o grupo mediático decidiu deixar a serie aparcada debido á progresiva caída das audiencias: unha mala campaña de marketing acompasada con cambios de horario fixo que A Casa de Papel perdese máis da metade do seu público entre a súa estrea e o último capítulo en da segunda tempada. Foi entón cando caeu en mans do xigante Netflix, que adquiriu os dereitos completos e a levou ao primeiro plano da industria televisiva universal: máis de 35 millóns de fogares viron a terceira tempada na primeira semana, supoñendo o mellor rexistro global dunha serie de Netflix de fala non inglesa.

UNHA PROPOSTA PERIGOSA

A Casa de Papel sempre estivo suxeita a un perigo constante: camiñar sobre a fina corda da credibilidade dentro dunha premisa inaudita. Xa antes xogara mal en certas ocasións, chegando a crerse demasiado a si mesma. Agora a situación era aínda máis peliaguda: despois dun atraco á Fábrica de Moeda que a todas luces nunca tería saído ben na vida real (Tokio entrando ilesa nunha carreira de moto e evadindo os disparos de centenares de policías, unha inspectora que vulnera todas as súas responsabilidades por un namoramento de catro días e se mete á clandestinidade…), Netflix viuse na complicada tarefa de darlle sentido a unha nova reunión da banda sen que este novo asalto sen limitarse a repetir as mesmas dinámicas e dar algo novo e fresco.

O resultado, sobre todo atendendo as pretensións do propio formato en si -un entretemento trepidante que precisa a continua sorpresa do espectador-, non podería ter sido mellor. Axustándose a unha nova duración de cada episodio (do tradicional “hora e pico” de Antena 3 aos 45 minutos americanos), o ritmo vólvese moito máis frenético, primando a acción sobre o desenvolvemento de personaxes.

A BANDA ENSÁNCHASE

E quizais no que máis fraqueou esta terceira tempada foi en introducir uns novos personaxes aos que, na maioría dos casos, non chegamos a coñecer realmente. Coa inclusión de Mónica Gaztambide como Estocolmo e a inspectora Raquel Murillo como Lisboa na banda, nunca se chega a incidir na súa integración persoal nesta nova vida fóra da lei. Tamén chegan ao grupo tres atracadores máis: o arxentino Palermo, única nova fichaxe que verdadeiramente se perfila; Bogotá, personaxe con moito potencial que esperemos se lle dea máis trasfondo na vindeira tempada, e Marsella, cunha aparición practicamente testemuñal.

Pero o auténtico descubrimento neste novo atraco foi a inspectora Alicia Sierra, interpretada por Najwa Nimri, a única que chegou a adiantarse ao Profesor nos seus plans, ata entón debuxado como unha figura de intelixencia inquebrantable. As teorías dos seguidores apuntan a que a inspectora podería ser Tatiana, ex-parella de atracos de Berlín, irmán do Profesor e defunto membro da banda. Teremos que esperar ao ano que ven para descubrir se realmente Sierra estaba ao tanto dos plans de asalto ao Banco Nacional ou simplemente posúe unha mente brillante.

NOVO IMPULSO ANTISISTEMA

Tamén nesta nova tempada cobra maior importancia o desafío ao sistema e os valores contestatarios, impregnándose dun aire antifascista acondicionado coa constante alusión á lendaria Bella Ciao. Mentres que anterior parte se retrataba o duelo entre a banda e as forzas policiais como unha batalla digna entre dous honrados contendentes con intereses opostos, agora a pasma, personificada na vil inspectora Sierra, son sen dúbida os malos da peli. Mentres que antes se pulaba polo non emprego da violencia entre ambos mandos e a seguridade cidadá, agora a policía non ten miramentos en empregar toda a arma pesada que poida para parar aos atracadores.

Outro dos indicios deste cambio de papeis é o seguimento do pobo chan do atraco: miles de civís se concentran ás portas do Banco de España vestidos de mono vermello e careta de Dalí, apoiando aos líderes do que se pinta como unha nova revolución contra o statu quo. Os mesmos Robin Hoods que xusto antes de ocupar o edificio se dedicaron a tirar millóns de euros en metálico desde un dirixible no ceo de Madrid, son os dirixentes dun movemento en contra da recomposición do réxime; unha sorte de 15-M con armas en lugar de tendas de campaña.

O final aberto desta caótica terceira tempada deixa todo o atraco patas arriba, coa banda ao borde do colapso e a policía un paso por diante. Agora toca esperar impacientemente á cuarta parte para ver se o Profesor, unha vez máis, ten gardado un as debaixo da manga.