Orange is the New Black, T7

Dirección: Michael Trim, Andrew McCarthy, Constantine Makris, Nick Sandow
Guión: Jenji Kohan, Brian Chamberlayne
Fotografía: Ludovic Littee, David M. Dunlap, William Newell
Música: Scott Doherty, Brandon Jay, Gwendolyn Sanford
Ano: 2019
País: Estados Unidos

 

Orange is the New Black, T7

Dirección: Michael Trim, Andrew McCarthy, Constantine Makris, Nick Sandow
Guión: Jenji Kohan, Brian Chamberlayne
Fotografía: Ludovic Littee, David M. Dunlap, William Newell
Música: Scott Doherty, Brandon Jay, Gwendolyn Sanford
Ano: 2019
País: Estados Unidos

by | Ago 29, 2019

‘Orange is the New Black’ (T7): unha intelixente evolución

Como xa era costume para os seus seguidores, un ano de espera despois da última tempada chega unha nova entrega de trece capítulos para poñer remate á serie orixinal de Netflix. Nesta ocasión, mostrarase como algunhas reclusas se reincorporan á sociedade en liberdade condicional e como as políticas migratorias de Trump afectan á situación doutras, ao tempo que se rematan de ver as consecuencias do motín.

O PROCESO DE REINSERCIÓN SOCIAL

A sexta tempada remataba coa posta en liberdade de Piper, quen inicialmente fora a protagonista principal da serie. Estes derradeiros capítulos nárrannos como se enfronta á súa nova vida; buscando un traballo e unha vivenda propia, tratando de cumprir coas normas da condicional e intentando manter a súa relación con Alex, aínda no cárcere e con dous anos de condena por diante. A súa condición de branca de clase media alta fixo que se proxectasen a través da personaxe de Piper as diferenzas sociais froito dela, representando unha “situación privilexiada” para as súas compañeiras racializadas e con condicións materiais desfavorables. Se xa dentro do cárcere non era vítima dos abusos que outras reclusas sufrían ou mesmo recibía tratos de favor, os problemas cos que se atopa Piper xa en liberdade semellan banais en comparación coa reincorporación á sociedade doutras presas latinas e negras. Este é por exemplo o caso de Aleida, quen se ve obrigada a cometer un novo delito para sacar aos seus fillos dunha casa de acollida.

O COMPOÑENTE RACIAL

Neste sentido, a serie esfórzase por ilustrar as consecuencias das estritas políticas migratorias da administración Trump. A través de personaxes como Blanca, Flaca ou Maritza, podemos ver as difíciles condicións ás que as persoas inmigrantes son sometidas nos Estados Unidos na actualidade. Dende a violencia por parte dos funcionarios ata a imposibilidade para conseguir un avogado, pasando mesmo polo total descoñecemento dos seus propios dereitos por parte das presas. Unha parte importante da tempada adícase a mostrar a parte máis xenófoba dun sistema penal movido polos intereses empresariais e políticos máis inhumanos e corruptos (representados na serie por PolyCon, empresa propietaria do cárcere máis preocupada pola súa publicidade e ingresos que polo benestar das reclusas, como é esperable).

Como vemos, a cuestión racial na sociedade estadounidense é unha constante na serie. Desta vez o seu máximo expoñente vese na personaxe de Taystee, que é falsamente culpada de asasinato e condenada a cadea perpetua. Tamén no caso de Dayanara, sobre quen recae toda a culpa do motín. En ambas, despois de sufrir malos tratos por parte dos funcionarios da prisión, vese unha clara evolución na súa personalidade. Pasan de ser dúas das personaxes máis creativas e optimistas a converterse en reclusas conflitivas (especialmente no caso de Daya, chegando a ser a líder dunha banda da prisión). Deste xeito a serie pretende reflectir a deshumanización e alleación na que caen as reclusas condenadas a cadea perpetua ao negárenlles a posibilidade de reinserción social e un dereito humano fundamental como é a liberdade.

A VOLTA ÁS ORIXES

En definitiva, esta derradeira tempada foi clave para darlle á serie un final á súa altura, especialmente tendo en conta a dificultade para subir o nivel e pechar de maneira axeitada a trama do motín. Nestes trece capítulos, OITNB mantén os seus toques de sátira habituais ao tempo que acentúa un carácter reivindicativo non tan presente nos seus inicios. Isto último faino en sintonía coa conxuntura social na que nos atopamos, incluíndo fenómenos coma o #MeToo ou #BlackLivesMatter que lle outorgan trazos de verosimilitude e actualidade.

Ao mesmo tempo, a serie non abandona a súa esencia última, que reside na diversidade entre as súas personaxes. Dende logo, esta volta ás súas orixes fai que pague a pena retomar a serie para todos aqueles que a deixaran tempadas atrás.

Trátase dun final digno e axeitado para unha das orixinais máis exitosas da produtora, no que se deixan poucos cabos soltos e péchanse a maioría das tramas. É dicir, un final xustamente aberto: o esperable, lóxico e suficiente para que o espectador poida formarse unha idea sobre o final do camiño das reclusas.