Once Upon a Time in Hollywood

Dirección: Quentin Tarantino
Guión: Quentin Tarantino
Fotografía: Robert Richardson
Música: Varios
Ano: 2019
País: Estados Unidos

 

Once Upon a Time in Hollywood

Dirección: Quentin Tarantino
Guión: Quentin Tarantino
Fotografía: Robert Richardson
Música: Varios
Ano: 2019
País: Estados Unidos

by | Set 3, 2019

‘Once Upon a Time in Hollywood’ é a película máis tarantiniana de Tarantino

Hai películas que son especiais. Filmes que teñen tanto do seu autor que incluso a propia película pasa a un segundo plano, porque di máis de quen leva a cámara que dos personaxes que saen en pantalla. Obras como o recordado 8 e ½ de Fellini que supoñen o climax dun autor tan destacado ou mesmo a recente Dor e Gloria, de Almodóvar ou Roma de Cuarón Son películas dunha etapa de madurez que levan a obra dos directores a unha etapa plena.

E con esta película Quentin Tarantino parece que chegou á plenitude, e si, probablemente antes non a alcanzase. Once Upon a Time in Hollywood é a película con menos violencia do director estadounidense xunto a Jackie Brown, e onde os diálogos que construían as longas escenas das súas anteriores películas parecen pasar a un segundo plano ante a posta de escena sen condicionar a duración da metraxe que alcanza case as tres horas. A pesar de todo (e probablemente grazas a isto) podemos observar nesta película con nome de western de Sergio Leone a obra máis tarantiniana de Tarantino, porque é probablemente a máis introspectiva e onde hai máis da vida do director.

O MÁIS REFERENCIAL DO DIRECTOR

É a película máis referencial dun director coñecido polas súas referencias. Se na meirande parte das súas obras Tarantino constrúe as súas referencias como apoio á narración, case coma un eco do que está a contar, neste caso constrúe a narración a partir das mesmas. Non soamente porque a historia parta da relación que ten Rick Dalton (Leonardo Dicaprio), un actor en decadencia co seu dobre de acción Cliff (Brad Pitt) e unha industria do cinema en pleno cambio, o cal da pé a situacións onde as homenaxes non paran de brotar xogando en numerosas ocasións co formato, senón porque o maior referencia que fai é á súa propia vida.

O coche que conduce Cliff  é o mesmo que conducía seu pai, e gran ambientación do Hollywood dos anos 60 parte das propias lembranzas dun Tarantino que pasou a súa xuventude. A selección de carteis, as locucións da radio sacadas de arquivos históricos orixinais… Está todo feito con tanto mimo que soamente se pode entender como unha carta de amor a algo xa pasado pero que grazas ao cine queda inmortalizado, e esa é unha das claves do filme.

HUMANIZAR A SHARON TATE

Outro aspecto que volve a repetir é o revisionismo histórico que xa fixo noutras obras como Malditos Bastardos. Neste caso actúa sobre o asasinato por parte da Familia de Charles Manson, sobre a prometedora actriz Sharon Tate, interpretada espectacularmente por Margot Robbie. E aquí reside a clave do filme e o que demostra a madurez do director e o respecto que ten sobre o cinema. Trata un dos crimes máis famosos do século XX dun xeito exquisito e fai a maior homenaxe á falecida que se pode facer.

Cando gran parte dos seus fans pensaban que a película ía ser sobre o crime, soamente é un elemento de fondo ante o gran esplendor dunha desas persoas que soamente quedan no imaxinario colectivo pola súa morte. Humaniza ao personaxe de Tate dun xeito tan bonito e tan profundo que no que podía converterse na exaltación da morte más cruel, remata sendo unha celebración da vida da artista. E o fai de novo a través do cinema e da filmografía da falecida dun xeito tan sosegado e emotivo que pouco queda máis que aplaudir.

AVANZAR CARA ADIANTE

Outra cousa que consegue o director é facer unha mestura de xéneros impresionante, pasando do western ao terror, por exemplo, dun xeito moi orgánico. Ademais, son realmente destacables, os momentos de metacine amparados por Dicaprio. Ademais exponse un xogo entre realidade e ficción moi interesante e que está metido dun xeito peculiar e inesperado desde a primeira escena e que non remata a os créditos finais. O apartado interpretativo é moi potente. Dicaprio y Robbie están excelentes e bordan os seus papeis, pero se alguén hai que sinalar como unificador da película é a Brad Pitt, que realmente se ri na cara dos seus detractores cunha posta en escena incrible.

Quentin Tarantino elabora con Once Upon a Time in Hollywood unha fábula preciosa cunha gran sensibilidade -todo o que pode facer o carácter mordaz do director- na que demostra un gran amor polo medio no que traballa. É diferente as outras obras pero pensar que en 2019 ía facer o mesmo que en Reservoir Dogs ou Kill Bill -sen desmerecer a calidade destas longametraxes- non é soamente un erro, senón unha limitación. Seguro que gran parte da fanbase do director dirá que esta é unha película mediocre pero nada máis lonxe da realidade. Once Upon A Time in Hollywood sitúase entre as mellores do director e reclamar máis “esencia Tarantino” é como pedirlle a unha nana máis guitarras eléctricas.