Euphoria

Creador: Sam Levinson
Guión: Sam Levinson, Ron Leshem, Daphna Levin, Tmira Yardeni
Fotografía: Marcell Rév, Drew Daniels, Adam Newport-Berra
Música: Labrinth
Ano: 2019
País: Estados Unidos

 

Euphoria

Creador: Sam Levinson
Guión: Sam Levinson, Ron Leshem, Daphna Levin, Tmira Yardeni
Fotografía: Marcell Rév, Drew Daniels, Adam Newport-Berra
Música: Labrinth
Ano: 2019
País: Estados Unidos

by | Set 13, 2019

‘Euphoria’: Un áspero relato de instituto

O subxénero teenager xa non é nada novo na televisión; a cada lustro estréase unha nova serie que intenta plasmar as problemáticas da nova xeración de adolescentes. O que xa fixera My So Called Life a mediados dos 90, repetiu un pouco despois Buffy the Vampire Slayer e chegou ao seu punto álxido con Skins (UK) en 2006, xa fora intentado nos últimos anos por ficcións como 13 Reasons Why, Sex Education ou The End of the F***ing World. Porén ningunha chegara a retratar á xeración Z dun xeito tan cru, traumático e elegante como Euphoria.

Adaptación dunha serie israelí homónima do ano 2012, Euphoria presenta en cada episodio a unha personaxe diferente que navega polo campo de minas do instituto. Non obstante toda a ficción xira en torno á súa narradora omnisciente: Rue Bennett (Zendaya). Con tan só 17 anos, Rue carga nas súas costas un amplo historial de enfermidades mentais que a levaron á drogadicción. Tras unha sobredose e tres meses meses nun centro de rehabilitación, non amosa ningunha intención de limparse; pero todo cambia cando coñece a Jules (Hunter Schafer), a nova rapaza da vila.

Un dos puntos máis interesantes da serie é lograr un tratamento extremadamente natural das relacións interpersoais, evitando caer no atropelamento entre uns e outros que podería resultar dun contubernio de tantas personaxes conectadas entre si. A despreocupación coa que se aborda a transexualidade de Jules, a tendencia desta a manter relacións sexuais con descoñecidos que coñece en Grindr ou o tóxico e violento vínculo entre Nate (Gabriel Golub) e Maddy (Keilani Arellanes) son só algúns exemplos de como a serie consegue non caer en ningún momento no morbo ou no culebrón barato á hora de expoñer relacións espiñosas.

Pero sen dúbida o máis valioso de Euphoria é a súa protagonista. A brillante interpretación de Zendaya como a autodestrutiva Rue -que dista totalmente a como coñecemos á ex-estrela Disney- traza unha personaxe afundida en si mesma que intenta aferrarse a Jules como a un prego ardendo. A omnisciencia da súa narración é tal que, completamente subordinada ás súas condicións subxectivas individuais, se xera en todo momento a sensación de non saber ata que punto é real o que se nos amosa en pantalla; ata culminar nun catártico final onde se disipa totalmente o límite entre a realidade e o soño.

Sobre unha coidadísima fotografía bañada de luces e contraluces, de tons escuros e vivos, Euphoria constitúe un rudo retrato da xeración Z; o relato definitivo das loitas persoais e sociais nas que calquera adolescente podería verse inmerso hoxe en día. A pesar diso, finalmente semella que a súa pretensión máxima non é que esta xeración de mozos se sinta identificada, senón quen poida mirar atrás á súa adolescencia e observala como unha dolorosa etapa xa pasada.