Lana del Rey – Norman Fucking Rockwell!

DATA DE LANZAMENTO: 30/08/2019
DISCOGRÁFICA: Polydor

Lana del Rey – Norman Fucking Rockwell!

DATA DE LANZAMENTO: 30/08/2019 DISCOGRÁFICA: Polydor

by | Set 16, 2019

Sete anos pasaron desde que Lana Del Rey irrompeu no panorama musical con Born to Die (2012), aclamado polo público e vapuleado pola crítica especializada. O prematuro traballo, impregnado dun son “cinemático” reminiscente da Americana dos anos 60, puxo no foco a unha artista que ao longo de cinco albumes de estudo xogou no limbo entre o alternativo e o pop mainstream.

Pero Lizzie Grant non quedou estancada no Hollywood sadcore e foi evolucionando e afondando no seu alter ego: desde os cánticos de amor como autodestrución de Ultraviolence (2014) á sorte de optimismo nostálxico que supón Lust For Life (2017); foi entón cando descubrimos que Del Rey tamén sabía sorrir.

Despois de case unha década facendo alarde do American Dream, este novo traballo marca un punto drástico na discografía de Lana Del Rey. Cun “fucking” adxectivando o nome de Norman Rockwell -icónico ilustrador da ideal vida estadounidense do século XX-, Del Rey amosa irónica e delicadamente a súa desconformidade coa realidade actual en Estados Unidos, e marca un punto máis de inflexión nunha carreira de constante pero sutil reinvención.

Ao son do piano que sempre a acompañará ao longo de todo o disco, Lana abre sentando o cambio con respecto a esa pasada persona fetichista de sugar daddies á que non lle importaba morrer por amor: Goddamn, man child / you fucked me so good that I almost said “I love you”. Porén en ningún momento deixa de lado a constante do amor romántico que leva explotando durante toda a súa carreira, a modo de salvación da realidade de disfraz e careta que a rodea.

Á hora de lanzar NFR!, Del Rey non planeou xogar co factor sorpresa, revelando as dúas magníficas seguintes pistas –Mariners Apartment Complex e Venice Bitch– o outono pasado, a modo de declaración de intencións dun renovado son intimista, con constantes imaxes da praia e o mar como afastamento do neuroticismo posmodernista actual. Fuck it I love you continúa esta senda mesturando excelentemente a liña sensible cuns pegadizos coros que evocan ao rapping de varias pistas de Born to Die (2012)

Doin’ Time é quizais a rara avis do álbum: unha cover da mítica banda de garage punk Sublime, que consegue manter o groove da orixinal e funcionar como breve alivio da suavidade que impregna todo o disco. Entre as pouco destacables Love Song e How to disappear atópase Cinnamon Girl, que rememora as primeiras cancións de Del Rey cunha fantástica e sutil base de electrónica que culmina nun envolvente final sintetizado.

O toque meta dáo The Next Best American Record, como unha sorte de anticipación aos feitos nun traballo que facilmente podería ser considerado durante un tempo na cima do mellor publicado na industria mainstream estadounidense. E The greatest agocha a outra cara da moeda: a apocalipse persoal causada polo cansazo da fama e, unha vez máis, das condicións materiais en Estados Unidos (agochado nos últimos acordes, Lana reza ao defensor de Trump: Kanye West is blond and gone). Unha poderosísima balada que podería resumir todo o contido lírico de NFR!.

Happiness is a butterfly só precisa dun piano para converterse nunha das pistas máis apoteóticas do disco. Facendo unha breve recaída no clásico suxeito de amor tóxico da discografía de Del Rey (If he’s a serial, killer what’s the worst / that could happen to a girl who’s already hurt?), logrando pasar formidablemente da dozura do verso a un crescendo no retrouso capaz de desgarrar corazóns.

Pechando o disco, un dos temas que xa foran publicados, eloxiado por crítica e público desde xaneiro: hope is a dangerous thing for a woman like me to have – but I have it é o maior exercicio de sinceridade da carreira de Lana Del Rey. Como unha directa continuación de The greatest, Lana describe o alcance do éxito baseado na construción dunha personaxe ficticia, o pasado cheo de vicios que sempre a perseguirá e o medo a recaer no mesmo como fixo Sylvia Plath.

Norman fucking Rockwell! non só supón o traballo máis maduro de Lana Del Rey ata a data, senón tamén o máis destacable, tanto en calidade como en contido. En pouco máis dunha hora, enfrasca unha visión intimista do mundo actual nun álbum extremadamente compacto, pero que en ningún momento se fai tedioso. Aínda con subidas e baixadas, con cancións mellores e peores, non hai nada desbotable nun percorrido de cancións sempre ben fiadas.