Quien a hierro mata

Dirección: Paco Plaza
Guión: Juan Galiñanes, Jorge Guerricaechevarría
Fotografía: Pablo Rosso
Ano: 2019
País: España

 

 

Quien a hierro mata

Dirección: Paco Plaza
Guión: Juan Galiñanes, Jorge Guerricaechevarría
Fotografía: Pablo Rosso
Ano: 2019
País: España

by | Set 20, 2019

‘Quien a hierro mata’, a fariña chega ao cinema español

O thriller xa leva uns anos sendo uns dos xéneros máis produtivos do cinema español, probablemente desde aquela afamada “Celda 211” (Daniel Monzón, 2009), producindo filmes xa non só bastante exitosos comercialmente, senón que a nivel da crítica soen saír tamén moi ben paradas, de maneira que podemos atopar na última década un caldo de cultivo moi produtivo arredor do concepto de thriller español, nomeando só algunhas como “No habrá paz para los malvados” (Enrique Urbizu, 2011), La Isla Mínima (Alberto Rodríguez, 2014), Tarde para la Ira (Raúl Arévalo, 2016), todas elas co Premio Goya á mellor película.

Ao mesmo tempo, e tamén desde “Celda”, Luis Tosar alzouse como a figura actoral española masculina máis importante do panorama dentro das películas non cómicas. Curiosamente estas dúas tendencias non colisionaran ao nivel que o fai “Quien a Hierro Mata” desde aquel filme iniciático, xa que o actor galego participou en moitos máis thrillers, pero sen chegar a eses niveis de importancia e calidade… ata agora. Bueno, máis ou menos.

Paco Plaza pola súa banda, é un director moi interesante, que rescatou o terror no cinema español con “Rec” (2007) e “Verónica” (2017). Xira aquí cara outro lugar, pero mantén os seus estilemas, facendo de “Quien a hierro mata”, un thriller de autor, destes dos que falabamos, dos que elevaron o xénero.

Coma se estivésemos nun filme de Park Chan-Wook, aquí fálasenos da vinganza continuamente, vertebrando a narrativa a moitos niveis, que van do máis directo e brutal ao máis íntimo. Plaza vainos metendo na mente do personaxe de Tosar cun ritmo irregular, misturando planos silenciosos e longos, de reflexión, con pequenos flashbacks vibrantes que chegan a entorpecer un chisco o ton da narración xeral. O relato que encerran estes artificio é ben simple, pero a maneira de construílo é o que o fai interesante, creando o suspense e as ganas de ver cara onde vai xirar a película.

Plaza ven do terror e non se corta, con escenas duras (incluso algunha un chisco gratuíta) que non dan concesión ao espectador nin aos personaxes. A vinganza é un pozo sen fondo co que non se chega a bo porto nunca, así opina Plaza e así o fai saber a través da historia, que de maneira intelixente vai desmiuzando aos poucos, buscando as zonas grises das actitudes dos personaxes, para que non escollamos bando demasiado rápido, non porque todos teñan algo bo, senón máis ben polo contrario. A contraparte de Tosar é o finado Xan Cejudo, que nos regala unha última interpretación brillante, desoladora ao tempo que contida, onde nos presenta un narcotraficante cunha enfermidade dexenerativa.

Enmarcando a historia central do filme, temos un universo que desde o fenómeno “Fariña” estamos a ver xa de forma habitual no audiovisual español: o narcotráfico galego. En “Quien a Hierro Mata”, as costas da Ría de Arousa cobran protagonismo á hora de darlle contexto á historia, enmarcándoa nun clan narcotraficante vido a menos, que rompe a narrativa para ben na maioría de ocasións (con escenas moi tolas, coas que chegas a desexar que se metan de cheo na acción máis veces), acelerando o ritmo para equilibrar o total. Os secundarios Ismael Martínez e Enriar Auquer non lle perden a cara a Tosar, construíndo personaxes moi interesantes ao mesmo tempo que, dalgunha maneira, actualizan e modernizan a imaxe do narco galego ata tal punto de que soa Yung Beef nun dos clímax do filme, un aporte que nos recorda o sinxelo que é as veces ser orixinal e rompedor.

Á hora de analizar o filme atopeime nunha posición complexa. É unha boa película, a dirección de Paco Plaza é de calidade, a historia é diferente ao habitual, pero dáme a sensación que isto (ou algo moi semellante) xa o vin. Refírome sobre todo ao ton que esgrime a historia, o thriller español xa comeza a cansar, a pesares de contar case todos os anos con produtos de calidade, quizais xa é hora de avanzar, modernizar o concepto, e Plaza aquí pode que de un pequeno paso nesa dirección, coma se o xénero estivese xa ready pa morir.