Ad Astra

Dirección: James Gray
Guión: James Gray, Ethan Gross
Fotografía: Hoyte van Hoytema
Música: Max Richter, Lorne Balfe
Ano: 2019
País: Estados Unidos

 

Ad Astra

Dirección: James Gray
Guión: James Gray, Ethan Gross
Fotografía: Hoyte van Hoytema
Música: Max Richter, Lorne Balfe
Ano: 2019
País: Estados Unidos

by | Set 24, 2019

‘Ad Astra’, unha resposta a ‘2001’ cos pés na terra

Cando Christopher Nolan estreou Interstellar en 2014 as comparacións con 2001: Unha odisea no espacio de Stanley Kubrick non deixaron de sucederse. Sen lugar a dúbidas Nolan tivo moi en mente esta película ao realizar Interstellar, onde incluiu numerosas referencias, pero tanto a filosofía que había detrás do filme como a maneira de narrar a historia resultaban completamente diferentes as de Stanley Kubrick, probablemente ata contrapostas.

En Ad Astra James Gray fai todo o contrario. Nesta nova película, os tempos, o uso das imaxes e o trasfondo reflexivo de 2001 están moi presentes, sen embargo a película non chega a parecer unha copia en ningún momento. Máis ben Ad Astra funciona como unha carta de resposta ao que plantexou Stanley Kubrick no seu clásico, escrita no mesmo idioma pero propoñendo ideas diferentes.

A odisea espacial que vivían os personaxes de 2001 trataba de buscar respostas as grandes preguntas da existencia da humanidade, descubrir nas profundidades do universo unha resposta que non rematamos de ser capaces de comprender. En Ad Astra a viaxe do astronauta Roy McBride (Brad Pitt) ata os límites do sistema solar permítenlle comprender que as cousas verdadeiramente importantes non están na outra punta do universo senón moito máis cerca.

Unha beleza discreta e analóxica

Tampouco se pode falar de Ad Astra sen facer mención á súa beleza. O director de fotografía Hoyte van Hoytema filmou o filme con película analóxica que dota dunha enorme calidez á imaxe, na que as cores abraian sen resultar demasiado chamativas e os planos semellan cheos de vida ao mesmo tempo que manteñen unha constante sobriedade. Os encadres están coidados ata o máis mínimo detalle mais non buscan acadar o grao de perfección absoluta polo que Roger Deakins e Denis Villeneuve apostaron en Blade Runner 2049.

Brad Pitt carga sobre as súas costas case a totalidade do peso dramático do filme e cumpre. A súa personaxe non é sinxela, ademáis dun astronauta experimentado, Pitt fai as veces dun home atormentado polo seu pasado, pola ausencia do seu pai e a súa incapacidade de conectar emocionalmente con outras persoas, logrando transmitir toda esta ansiedade interior sen recurrir á sobreactuación.

En certa medida todo funciona ben en Ad Astra, pero non por iso a película resulta perfecta. As ideas que hai detrás da verdadeira historia que conta esta película quizáis sexan demasiado sinxelas ou pequenas para encaixar de todo ben coa envoltorio da viaxe espacial.  Ademáis, algúns dos personaxes secundarios que acompañan a Brad Pitt nesta historia non chegan a atopar todo o tempo que necesitarían para poder aportar todo o que hai detrás deles.

Os espectadores que entraran na sala de cine esperando ver outra nova Gravity ou The Martian pode que tamén critiquen o ritmo pausado e reflexivo da película, mentres aqueles que esperarían un final ao estilo 2001 ou unha conclusión máis dramática pode que non disfruten de todo o “happy ending” de Ad Astra, porén o filme ten tanto o tono como o final que precisa para narrar a historia tan humana que esconde detrás.