by | Set 28, 2019

Que é o que non te podes perder do Curtocircuíto?

Esta edición do festival Curtocircuíto, que se celebra dende o sábado 28 de setembro ata o 6 outubro,  contará coa proxección de 130 películas con 57 obras en competición. 34 dos filmes son estreas en Galicia ou no resto do Estado. A nivel internacional, a sección oficial aglutinará entre Radar e Explora 38 filmes de 22 países diferentes que se poderán visualizar en Santiago de Compostela.

Un dos elementos máis destacados serán as retrospectivas internacionais que levarán á capital galega a figuras tan relevantes como o cineasta austríaco Peter Tscherkassy, o ensaísta e fotógrafo Joan Fontcuberta e á franco-colombiana Laura Hortas Millán, que será a protagonista da sección Púlsar.

GALICIA ESTÁ NO MAPA

Como é habitual, Galicia ten un gran protagonismo no certame. Para comezar, albergará a preestrea de “O que arde”, a longametraxe de Oliver Laxe premiado no festival de Cannes. A sección competitiva Planeta GZ será o espazo principal para os actores galegos, mentres que a sección Terra estará dedicada ao fotógrafo vigués Nacho Alonso.

Por outra banda, Supernova volverá acoller as primeiras obras de 10 creadores emerxentes. Por último, en colaboración co Cineclube de Compostela, o festival dedicaralle unha homenaxe a Euloxio R. Ruibal e ao Equipo Lupa, pioneiros do cinema galego amateur e sen os que pouco se podería entender as obras que saen actualmente no país e que triunfan internacionalmente.

A maiores, o Curtocircuíto ofrecerá nesta edición varias sesións especiais, como unha que combinará ensaios en vídeo de Kebin B coas obras máis importante de Harun Farocki. “Filmmakers x Filmmakers” será un espazo para reflexión da obra de autores consagrados a través de figuras importantes da profesión. Ademais, con motivo do décimo aniversario do falecemento de Carole Roussopoulos, o festival ten planificado un foco sobre a obra directora.

MÚSICA E PERFORMANCE

Non todo será audiovisual no Curtocircuito, tamén hai espazo para a música e as performance durante as semanas que durará. Así o alemán referente no seu campo Blixa Bargeld ofrecerá unha performance vocal o sábado 5 de outubro.

Isto hai que sumalo ao “live A/V” do compositor e produtor inglés Vessel xunto ao cineasta portugués Pedro Maia; Ballistics, da canadense Myriam Bleau; Rüga, colaboración entre a artista visual Marta Verde, o creador Artur M. Puga e o coreógrafo e investigador Javier Martín e os concertos de Disputa e Mundo Prestigio.