by | Out 3, 2019

Caudal Fest 2019: Día I. Oxalá chova licor café

Por segundo ano consecutivo, a capital lucense acolleu o Caudal Fest. Tras o éxito da primeira edición á que acudiron 22.000 persoas, esta pechouse con case 8.000 festivaleiros máis, situándose como un dos eventos máis importantes do verán galego e gañando o merecido título de “última gran festa do verán”. Un cartel moi variado, que incluía grupos de gran proxección como Izal ou Marea, deu paso a unha fin de semana pasada por auga na que pouco importou mollarse.

O recinto situado á beira do río Miño, no paseo fluvial, abriu as súas portas o venres ás cinco da tarde. Estreando o escenario Estrella Galicia estivo o grupo de rock Bocanada, unha banda con trece anos de experiencia e habituais teloneiros de Marea. No mesmo lugar e con apenas 20 minutos de diferencia, tocou o dúo zaragozano Los Bengala, cargado do rock máis salvaxe e vándalo e vestidos, como é habitual, dun xeito extravagante.

A primeira grande actuación do festival veu da man do grupo catalán La Pegatina ás sete e media no Estrella Galicia. Coa súa particular personalidade que mestura diferentes estilos musicais, conseguiron facer bailar o público que acabou por organizar un corro creando un aura de bo rollo no festival. Ante uns asistentes animados, o galego do grupo, Rubén Sierra, cantante, guitarrista e compositor rematou voando polos ombreiros da multitude.

A inauguración do escenario Fest Galicia estivo a cargo da ourensá Marem Ladson. Unha artista que debutara co seu primeiro álbum homónimo en 2018. Un disco composto por once cancións que pasean polo pop, o rock e o folk e que repasou esa tarde en Lugo. Cunha madurez sorprendente sobre o escenario, a cantante levantou a curiosidade de moitos que, ata o momento, non a coñecían.

Un dos grupos máis aclamados da noite foi La Maravillosa Orquesta del Alcohol, tamén coñecida como La M.O.D.A.. Foi considerable o número de asistentes que andaba con camisetas do grupo polo recinto, unha devoción que quedou demostrada nunha actuación na que moitos se deixaron a voz acompañados de grandes temas como “1932” e “Héroes del Sábado”. Este foi un dos últimos concertos que a banda ofrecerá este ano, antes de comezar a xira por América Latina e a gravación do seu novo disco para 2021.

Antes da gran actuación da noite, tivo o pracer de tocar no escenario Galicia Fest Deleiba, un grupo de rock galego nacido en Muros que sacou este ano o seu primeiro disco El Último Eslabón.

Marea, o aclamado grupo chamado La Patera nos seus inicios, encabezou o cartel desta primeira xornada. Cun concerto de dúas horas e media de duración, o público permaneceu animado. O cantante da banda, Kutki Moreno, relaxado e cun cigarro na man, deu un concerto no que se lle viu moi cómplice cos asistentes. Todas a partes desfrutaron dun directo onde non faltaron cancións como “La luna me sabe a poco” e “Que se joda el viento”. O seu lema da noite foi “ojalá llueva licor café”, unha frase que repetiu tantas veces como “gracias”.

Denom, o artista urbano cuxos inicios remóntanse ao ano 2000, levou a cabo a penúltima actuación no Fest Galicia dese día. Foron o  rapeiro sevillano, Toteking, e as súas reivindicacións  as que pecharon o escenario principal a noite do venres. As súas letras fixeron multitude de alusións en ton satírico a personaxes públicos, ao consumismo ou aos dereitos de autor.

DJ Jonas foi o encargado de dar por totalmente finalizada unha primeira e intensa noite do festival. Cun balance máis que positivo, o mellor aínda estaba por chegar ao día seguinte.