by | Out 4, 2019

Caudal Fest 2019: Día 2. Bailando ata que todo acabe

Unha marea de estilos musicais protagonizaron esta segunda e última xornada do Caudal Fest. O día comezou chovendo con intensidade e foron moitos os previsores que formaron parte da festa de chuvasqueiros que se viu durante todo o día polo recinto. Foi unha data marcada por unha gran cantidade de grupos galegos na que a chuvia rematou por respectar aos artistas máis esperados.  

O encargado de estrear esta segunda fecha foi o quinteto orixinario de Boiro, Agoraphobia. O seu foi un concerto breve no que apenas houbo asistentes e no que o auga aínda axitaba con forza a explanada onde se celebraba o festival. A estes, seguiunos o grupo lucense Holywater que se foi abrindo camiño pouco a pouco na escena independente executando un rock pouco convencional cheo de enerxía e emoción.

O  xove compostelán Manuel González, máis coñecido como Ortiga, encheu e converteuse en sensación na primeira actuación do día no escenario
Fest Galicia. A súa proposta fresca e desenfadada foi capaz de animar ata aos últimos que comezaban a chegar ao recinto. O seu tema “O Solar” triunfou entre os asistentes, que recoñeceron a gran puntería da organización contratándoo.

De galego en galego, o seguinte en actuar foi Xoel López, outro dos grandes acertos desta edición. O cantante reflexou esa firmeza súa tan característica que o leva a avanzar no seu son e non repetirse musicalmente falando. A banda ao completo demostrou unha total implicación cun público que non perdeu ollo de todo o que pasaba no escenario.

O trío xixonés, Tigre y Diamante, referentes dentro da escena underground debutou ás nove e vinte e cinco da noite no Fest Galicia. Cunha personalidade que mestura cancións punk dos 70 e melodías popeiras, as súas letras cheas de sarcasmo triunfaron entre os asistentes.

O artista sevillano Beret, que se desliza entre rap, reggae e dancehall conseguiu conquistar ao público. O cantante que comezou as suaves andainas no mundo da música subindo gravacións caseiras a internet, agora goza de gran popularidade entre a meirande parte da xuventude.

A banda de indie garage, The Raptans, nacida o ano pasado en Muros conseguiu facerse un oco coas súas frases pegadizas e os seus sons epilépticos. A súa actuación, na que non faltaron os seus inconfundibles bailes esperpénticos, tivo lugar no escenario Fest Galicia. Ao mesmo tempo, os máis impacientes collían sitio para a que probablemente fose a actuación máis esperada de todo o festival.

A banda madrileña Izal, un dos grupos con máis proxección internacional do panorama español, foi o peso pesado deste día. Capitaneada por Mikel Izal tocaron algunhas das súas cancións máis coñecidas, pero se centraron no seu último disco, Autoterapia, cheo de referencias entorno ao espazo exterior. Como se dunha viaxe cósmica se tratara, as tres pantallas que acompañaban ao escenario principal, reproducían, a medida que ían cantando as cancións, o avance dunha misión a cumprir. O concerto rematou ao compás da súa canción “El Baile” nun xogo de fogos artificiais e globos coa portada do disco.

O dúo de DJs, Galician Army, ocupouse de pór son entre os dous concertos do escenario Estrella Galicia. Os seus ritmos electrónicos alentaron a un público mozo e con poucas ganas de que a festa terminara.

Xusto despois, Carolina Durante levou a cabo unha accidentada actuación acompañada dunha chuvia que, ata aquel momento, dera unha longa tregua. Tras un pequeno fallo técnico, rapidamente resolto Diego Ibáñez, vocalista do grupo, abandonou o escenario cunhas formas que deixaron bastante que desexar. Trala insistencia dun público que non deixaba de realizar cánticos co nome do grupo, o cantante retomou o escenario cantando as tres cancións que el mesmo denominou como “as máis coñecidas do grupo” e deu por finalizado o concerto.

DJ Popy puxo o toque final ao Caudal Fest. Desta forma o festival pechou as súas portas por este ano. Dende a organización deron as grazas asegurando que xa está máis que afianzado e que están a traballar na seguinte edición da última gran festa do verán.