Amaia – Pero no pasa nada

DATA DE LANZAMENTO: 20/09/2019
DISCOGRÁFICA: Universal Music

Amaia – Pero no pasa nada

DATA DE LANZAMENTO: 20/09/2019 DISCOGRÁFICA: Universal Music

by | Out 5, 2019

O regreso de Operación Triunfo foi o fenómeno televisivo da tempada 2017/18, e Amaia Romero resultou, sen lugar a dúbidas, a súa líder, non só formalmente senón tamén á hora de conquistar aos “triunfitos”. Unha millonaria lexión de fans esperaba impacientemente escoitar por primeira vez o material propio de Amaia “de España”, quen desde o primeiro momento se diferenciou por posuír un rango de influencias musicais moi distante ao dos seus compañeiros, que abrangue desde The Beatles ata Marisol.

Os adiantos do álbum xa auguraban un traballo desenfadado e exento de pretensións de grandilocuencia, de melodía sinxela pero cunha brillante produción a cargo de Santiago Barrionuevo -líder da banda arxentina Él Mató a un Policía Motorizado-. Porén a coidada sonoridade desentoaba co ámbito lírico; os primeiros singles rezaban verso absurdo tras verso absurdo, que non merecen máis que construír a letra dunha canción de tontipop de Los Fresones Rebeldes ou das Cariño. E Pero No Pasa Nada confirmou o que temían as voces de alarma: un disco tan homoxéneo que en pouco máis de 30 minutos de duración pode facerse aburrido e latoso.  

O álbum abre con Última Vez, unha introdución insulsa que non quenta motores. Por sorte, o segundo corte, unha das mellores pistas dos disco, arranxa un pouco: Quedará En Nuestra Mente mestura ritmos alegres con gran dinamismo. Agora si, Amaia déixanos claro que o que quere desempaquetar é un percorrido de cancións despreocupadas e melodías sinxelas, idóneas para escoitar no coche mirando os campos pasar ou para comer pipas no parque.

Segue o primeiro single do álbum, El Relámpago, unha molesta mestura de sons pseudo-apoteóticos e versos insípidos (Te miro las fotos / pero no le doy al corazón) que non aporta nada máis que as ganas de avanzar á pista seguinte. Tras esta molesta pedra no camiño, Nuevo Verano recupera a forza brevemente. Sen grandes alardes líricos, consegue conectar co seu público relatando un crush veraniego ao que dá forma unha progresión de diferentes tempos e coros harmónicos e envolventes.

Nadie Podría Hacerlo aporta o punto tranquilo e pausado, nunha colaboración coa cantautora Núria Graham que funciona como unha melodía sinxela de piano. Esta si supón unha boa ponte de contrapunto que enlaza coa que probablemente sexa a mellor pista do disco. A sinxela estrutura circular de Quiero Que Vengas funciona á perfección: nerviosos acordes de piano que estouran nun colosal retrouso e que sacan á luz as mellores aptitudes vogais de Amaia.

Xa pasado o ecuador o álbum, o transcurso de cancións, que ao final rematan sendo máis e máis do mesmo, comeza a facer albiscar o tedio. O xogo do retrouso breve e repetitivo estírase ao máximo con Todos Estos Años e Un Día Perdido, e Cuando Estés Triste non supón máis que outro tema que, igual que a ruptura que relata, pasa sen pena nin gloria. Por sorte e a modo de salvación, pecha o disco Porque Apareciste, unha emotiva e sosegada balada latina composta integramente por Núria Graham, que combina maxistralmente guitarra e mandolina arpexiadas.

Amaia deixou claro desde o principio que quería diferenciarse de toda a industria que a puxo na primeira liña musical española, desenvolvendo un estilo propio máis achegado ao indie que ao mainstream. Pero nun só LP esgotou rapidamente todo o que podía dar de si a fórmula da sinxeleza romántica. O que nos ensina este disco primeirizo é unha novata artista con potencial que precisa apoiarse nun círculo de destros autores de confianza. Aínda nos queda moito por ver de Amaia Romero que, esperemos, madure musicalmente ao longo dos anos e coa experiencia consiga cumprir coas expectativas do ollo público.