Élite

Creadores: Carlos Montero, Darío Madrona
Guión: Carlos Montero, Darío Madrona, Ramón Salazar, Dani de la Orden
Fotografía: Ricardo de Gracia, Daniel Sosa
Música: Lucas Vidal
Ano: 2019
País: España

 

Élite

Creadores: Carlos Montero, Darío Madrona
Guión: Carlos Montero, Darío Madrona, Ramón Salazar, Dani de la Orden
Fotografía: Ricardo de Gracia, Daniel Sosa
Música: Lucas Vidal
Ano: 2019
País: España

by | Out 7, 2019

Élite, o morbo como bandeira

A estratexia de Netflix estaba ben clara, emular nunha plataforma on demand, a nova forma preferente de consumo audiovisual, a fórmula da serie adolescente xeracional española (Al Salir de Clase, UPA Dance, Física o Química, El Internado…). E arreo que o conseguiron.

Élite conseguiu un éxito enorme non só en España, senón a nivel internacional (había esa intención nun principio, xa contando coa estrela emerxente latinoamericana Danna Paola no seu reparto). Pero foi un chisco máis aló do esperado probablemente, e constituíu un elenco de xoves actores que, como xa sucedeu antes, se converteron en estrelas. Non só iso, a serie alzouse como a bandeira audiovisual da xeración adolescente actual.

O reparto basease en personaxes estereotipados, representados por mozos e mozas adecuadamente atractivos, cunhas dotes interpretativas mellorables (a maioría son novatos, hai que entendelo), pero que facilmente o “petaron” nas redes sociais. Os estereotipos son clamorosos (por exemplo, pasan droga o mouro, o pobre e a choni, mentres que a consumen os ricos, especialmente o rapaz latinoamericano), pero xusto a través do propio guión rinse deste feito en numerosas ocasións.

 

Aínda así, hai escenas nas que che queda unha sensación de que algo cheira mal e que isto non é tan moderno como parece. O guión coloca a todos os personaxes nunha liña de grises moral, onde é difícil que algún che encante ou aborreza. Pode ser que a diferencia da calidade da actuación fai que uns interesen máis que outros, gañando neste terreo os que teñen un rol máis de antagonista.

A primeira tempada estrutúrase copiando as fórmulas de How to Get Away with Murder ou 13 Reasons Why. Cométese un crime e co paso dos capítulos todo o elenco ten motivos para o asasinato que se vai levar a cabo. O curioso é o mundo no que se ambienta, exacerbadamente morboso e se(x)nsual, no que hai unhas relacións interpersoais incribles, algo estúpidas e que escalan a unha velocidade de tolos. A forma de tratar os problemas e temas sociais contextuais é moi pouco sutil, e só serven para enmarcar a cada un dos personaxes nunha situación complexa, de maneira que todos teñen un drama persoal que responder.

É curioso logo, como dentro do mundo da serie, todo é crible. O traballo dos guionistas é máis notable do que semella, e fan moi ben en tomarse a serie un pouco como unha carallada rabiosamente autorreferencial e xeracional. A trama estrutúrase arredor de mentiras, vinganzas, e unha continua e interminable fuxida cara adiante por parte de todos e cada un dos personaxes, creando relacións de todos con todos, liando a historia ata o infinito (e facendo que se líen uns con outros con certa asiduidade tamén). A serie funciona moito mellor nos momentos de suspense  xa hai decisións climáticas por moi abundantes que axudan a “engancharte” e de tensión (tamén sexual), pero non tanto nos dramáticos, cun ton quizais agora si demasiado intenso e dándose demasiada importancia.

A segunda tempada baixa o nivel de suspense porque o misterio (unha desaparición) é dalgunha maneira menos dramática ao mesmo tempo que a repetición da estrutura cansa ata certo punto. Os novos personaxes traen aire fresco, creando situacións máis morbosas e excéntricas. Dalgunha maneira, a súa utilidade é ver coma se sitúan e relacionan cos outros, máis aló de crear unha entidade propia. De calquera xeito, non é tan redonda (en termos de historia) como a primeira, seguindo unha liña continuista, pero onde os personaxes non avanzan gran cousa con respecto ao seu inicio.

Elite impulsou unha nova xeración de actrices e actores españois, que engarza coa xuventude actual, métese a fondo nesta sociedade actual do trap, do reggaeton, das relacións abertas, da democratización e diversificación das redes e interrelacións persoais, do consumo rápido e visceral (a serie é ideal para un maratón)… pero faino regular, nun mundo ad-hoc que é máis fantasía que realidade. Elite corresponde a esa peli que nos montamos na cabeza do que sería a nosa adolescencia, tan estúpida, inocente e fantasiosa como nós eramos. Ou somos? Netflix ten Elite, e HBO  Euphoria. E a diferencia entre as dúas series é un bo exemplo do que é a diferencia entre as dúas plataformas.