The Lumineers – III

DATA DE LANZAMENTO: 13/09/2019
DISCOGRÁFICA: Dualtone Music Club

The Lumineers – III

DATA DE LANZAMENTO: 13/09/2019 DISCOGRÁFICA: Dualtone Music Group

by | Out 7, 2019

O inicio desta década que está a punto de pecharse foi a explosión do éxito dun indie folk renovado: con Bon Iver á cabeza, bandas como Edward Sharpe & The Magnetic Zeros, Mumford & Sons ou Of Monsters and Men viron o seu momento de gloria nun 2012 no que de súpeto o alternativo se estaba mesturando cos pop hits de Carly Rae Jepsen, Kelly Clarkson e Nicki Minaj. Sumándose a esta ola, a The Lumineers só lles fixo falta sacar un single para saltar rapidamente á fama. Na primavera de 2012 viu a luz Ho Hey, e do día á mañá a formación de Denver xa soaba en todas as emisoras de radio de todo o mundo.

The Lumineers atoparan ao primeiro intento a fórmula de ouro para facer cancións pegadizas, de despreocupado arpexio de guitarra acústica e alegres coros. E así fixeron práctica dela durante todo o percorrido de pistas tanto do seu primeiro álbum (2012), de título homónimo, coma de Cleopatra (2016). Pero semella que tras sete anos explotando o mesmo, o grupo decidiu cambiar a táctica e afondar na escuridade socavada.

Cun ollar desganado, poderíase pensar que III segue a estela dos anteriores traballos, pero The Lumineers empregaron todo o que estaba na súa man para deixar á vista a virulenta natureza que xace debaixo das alegres melodías. As letras de Wesley Schultz e Jeremiah Fraites (os membros fundadores da banda) son a narración musicada dunha curtametraxe de tres capítulos -avoa, neto e fillo-. Máis que un disco, é unha banda sonora; un percorrido cinemático de tres capítulos que parolan a historia de tres xeracións dunha familia afogada nas adiccións. E tanto é así que a auténtica forza do traballo só se pode atopar vendo os 10 videoclips que a compoñen.

O primeiro capítulo, ‘Gloria Sparks’, abre con Donna; un rústico piano que dá forma á doce nana introduce ao ouvinte na familia Sparks. Despois de pór en contexto o alcolismo da protagonista deste episodio (You couldn’t sober up to hold a baby), Life In The City dá o dinamismo que faltaba no arranque, acelerando o ritmo mediante un brillante xogo de percusión e acordes de piano. Por último, Gloria relata esperpenticamente a caída na depresión e a desestruturación definitiva do seo familiar cunha alegría desenfreada.

Nun flash forward á actualidade, a segunda parte ‘Junior Sparks’ versa sobre o pequeno da familia. It Wasn’t Easy To Be Happy For You é a canción que máis preto se atopa do primeiro traballo de The Lumineers: alixeira a carga emocional tratando o primeiro desengano amoroso con alegría melancólica. Pero a inocencia cedo se disipa con Leader Of The Landslide. Un inicio pausado, acompañado unicamente por unha guitarra acústica, que estoura paulatinamente ao mesmo tempo que o fai Junior (All I ever wanted was a mother from the first time / Finally I can see you as the leader of the landslide). Relatando os problemas co alcol de Jimmy -seu pai- que forzaron a Bonnie -súa nai- a abandonalo, fía con Left For Denver, onde o protagonista pecha o capítulo preguntándose como será a vida de Bonnie agora.

O terceiro e último episodio é sen dúbida o máis escuro feito por The Lumineers ata o momento. O primeiro tema de ‘Jimmy Sparks’, My Cell, sitúanos xusto despois de que Bonnie abandone a Jimmy. Unha das pezas máis brillantes do álbum, que se serve da simpleza lírica e da crueza sonora para alzarse como un doloroso alarido interno de angustia. Na mesma descarnada liña segue Jimmy Sparks, pero esta vez radicando toda a súa calidade nas palabras: a canción máis explícita de todo o álbum relata a caída absoluta do pai, sumido nas débedas que se ve forzado a pagar mediante o xogo. Tras a instrumental April, como unha sorte de clímax que anticipa o desenlace, a historia culmina con Salt And The Sea. Un progresivo crescendo mediante a adición consecutiva de instrumentos pecha firmemente o relato nunha envolvente e conclusiva atmosfera.

Tras este brillante percorrido de cancións, resulta moito máis apetecible esquecer as tres bonus tracks metidas con calzador que pechan o disco. Fóra do marco do álbum, Democracy resulta outra aburrida peza máis que intenta sentar liña sobre a situación política actual en EEUU, unha práctica á que os músicos estadounidenses se están afeccionando bastante nos últimos anos. Segue a mediocre Old Lady, carente xa de pretensión ningunha, e pon a guinda a curta pero agradable Soundtrack Song; esta si, funciona como un desfile de títulos de crédito do disco.

Nun contexto no que cada vez o LP perde máis importancia e o modo de distribución musical se encamiña máis ao single, The Lumineers buscan saír da etiqueta de one-hit-wonder que lles deu Ho Hey hai xa sete anos. E saíulles moi ben; porque mentres que moitos artistas alegan que os seus discos contan historias, poucos o fixeron dun xeito tan satisfactorio. Porén, III non funciona tan ben como álbum como o fai como proxecto audiovisual (os 10 vídeos que o forman pódense atopar na canle oficial do grupo en YouTube), e aínda que resulta un significativo avance na madurez musical na banda, non chegan con este traballo a posicionarse entre os cabezas do folk das últimas décadas.