10 películas sobre cinema para celebrar a volta dos cines

Cinema Paradiso

Giuseppe Tornatore

1988

Dispoñible en Prime Video e Filmin

Se hai unha película onde as salas de cinema son importantes, esa é Cinema Paradiso. Ademais de ser garantía de bágoas e unha grande película, as aventuras de Totó, ese neno italiano ao que lle encantaba ir ao cine é o reflexo de todos os que iremos a partir de hoxe ás salas máis de dous meses despois. Unha obra imprescindible do italiano Giuseppe Tornatore.

Barton Fink

Joel e Ethan Coen

1991

Dispoñible en Movistar+ e Filmin

O humor negro dos irmáns Coen ten algo retorcidamente especial que consigue que nunca te esquezas dos seus filmes. Especialmente, cando o fan ben. Barton Fink (John Turturro) instálase non hotel de Hollywood para escribir un guión por encargo, coa mala sorte de ter como veciño de habitación a un vendedor de seguros (John Goodman) que non lle permitirá nin por un momento de saír do seu bloqueo mental e realizar o seu traballo. Enrevesada, densa e irreverente, eréxese coma un brillante retrato en chave paródica que enfatiza o máis grotesco, sórdido e opresivo do Hollywood dos 40.

Fellini, oito e medio

Federico Fellini

1963

Dispoñible en Filmin

Hai filmes onde o amor ao cinema pode case tocarse entre plano e plano, pero este filme é algo superior a todo o resto. Poucos filmes profundan tanto na figura dun director como esta. Neste caso Fellini retrátase a si mesmo nun colapso creativo mentres sinte que todo ao seu redor comeza a desmoronarse, incluída a súa propia vida. Un dos mellores filmes da historia que é imprescindible visualizar.

Adaptation. O ladrón de orquídeas

Spike Jonze

2002

Dispoñible en Prime Video

Dende a figura do director, imos cara o guionista. Protagonizada por un gran Nicolas Cage, este filme trata de moitas cousas, pero sobre todo de que facer cando as palabras non saen. Como curiosidade, sae como personaxe Robert McKee, o gran teórico do guión cinematográfico e da o mellor consello que se pode dar: “Pase o que pase, non remates cun deus ex machina”. Amén.

O crepúsculo dos deuses

Billy Wilder

1950

Dispoñible en Movistar+

Billy Wilder é un dos directores máis importantes do século XX e O crepusculo dos deuses é a súa obra máis destacada. A día de hoxe ninguén de Hollywood fixo unha película tan boa sobre o propio Hollywood. Dende a transición do cine mudo ao sonoro ata a xestión dos egos. Ata o maestro Erich Von Stroheim ten un papel. Que máis se pode pedir?

O león durme esta noite

Nobuhiro Suwa

2018

Dispoñible en Filmin

Distribuída polos galegos Numax, este filme do xaponés Nubohiro Suwa é unha das mellores homenaxes contemporáneas á Nouvelle Vague. Un veterano actor aproveita un descanso na súa rodaxe e vai cara unha mansión abandonada onde noutrora conviviu coa única muller que amou. Alí atópase cun grupo de nenos que pretenden rodar unha pequena película de terror nese espazo.

Ed Wood é un título que non encaixa demasiado na estrambótica filmografía de Tim Burton. Quizais por iso sexa esquecido a miúdo pese a ser, posiblemente, a súa mellor película. Desprovista de toda a parnafernalia “burtoniana”, retrata a vida de Ed Wood (Johnny Depp), considerado o peor director da historia do cine. Realmente soamente foi un terrible director de serie B de tantos, mais que conseguiu gañarse varias etiquetas de culto grazas a obras como Glen or Glenda -unha das primeiras películas sobre travestismo- ou Plan 9 from Outer Space. E sobre todo, conseguir fichar a un dos actores máis inesquecibles do cine de terror en plena decadencia: Bela Lugosi (Martin Landau).

O espírito da colmea

Víctor Erice

1973

Dispoñible en Movistar+

Adoita situarse a Víctor Erice na cúspide do cine español. Pode ser que mereza o título, ou ao mellor conseguiuno grazas á aura misteriosa de director selectivo: en case medio século, soamente realizou dúas -brillantes- longametraxes e un documental. Pero o certo é que O espírito da colmea é un filme imprescindible. A primeira vista, supón un entrañable relato sobre como a maxia da gran pantalla pode engaiolar a ollada dunha nena (Ana Torrent) e converter a ficción en realidade. Mais nunha análise máis profunda, atopamos unha reflexión sobre como o cinema e transformou a sociedade representando o “real” a través da máquina.

Que foi de Baby Jane?

Robert Aldritch

1962

Dispoñible en HBO

A premisa da que parte Que foi de Baby Jane? sería perfecta unha película de serie B, pero tivo a sorte de non rematar nun caixón da Warner. E de feito, conseguiu que as súas protagonistas, Bette Davis e Joan Crawford recuperasen 15 minutos da gloria que un día o Hollywood clásico lles concedeu -véxase a espléndida miniserie Feud , porque a batalla de egos non ten desperdicio-. As inesquecibles interpretacións das dúas actrices dan forma a unha sórdida e decadente historia sobre dúas irmáns que foron estrelas infantís de Hollywood, mais a envexa e a fama corrosiva acabou con elas.

Cantando baixo a choiva

Stanley Donen

1952

Ademais de ser o musical máis lexendario da historia, Cantando baixo a choiva supón un tenro e edulcorado relato do que supuxo o paso do cinema silente ao sonoro (sen mencionar a cantas estrelas se levou por diante). Todo ilustrado cun bo pulso de vitalistas, apoteóticos e infatigables números musicais que, case 70 anos despois, seguen sen parecer vellos. Ese é o privilexio que se gañan os grandes mitos, e Gene Kelly gañouse o ceo do tecnicolor.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.