'Viaxe a Nara', o reencontro coa auténtica Kawase

Escrita e dirixida pola prestixiosa realizadora nipona Naomi Kawase (Shara, Augas tranquilas), Viaxe a Nara supón o reencontro coa “auténtica” esencia de Kawase. Todos os temas da obra da directora, tanto na súa vertente de ficción como na documental, aparecen concentrados neste último traballo: o tratamento íntimo do bosque como depósito da memoria e a emoción (O bosque do loito), a exploración filosófica dos procesos da vista (Cara a luz), a cuestión familiar e a dor da perda, a paixón… Toda a súa filmografía -a excepción de Unha pastelería en Tokio, o seu filme máis accesible ata a data- é claramente contemplativa e críptica, onde o seu cine vai entre o real e o místico.

En Viaxe a Nara regresa ás súas raíces, cóntanos a historia dunha escritora francesa (Juliette Binoche) que viaxa ata as frondosas forestas da rexión xaponesa de Nara coa intención de sandar a súa tristeza e a súa dor -e tamén a do mundo- mediante a búsqueda de Vision, a planta que dá nome á cinta. Alí coñece a un misterioso e solitario home (Masatoshi Nagase) que a pesares de falar idiomas distintos, algo fará que as súas vidas se unan nunha viaxe máxica. A cineasta é nativa de Nara e é coñecedora da beleza da rexión, beleza que se asegura de reflexar.

Kawase recréase nun discurso naturista e transcendental, quizais subliñado en exceso e lastrado por un guión no que a coherencia e a concisión son o de menos. Un filme na liña do Malick máis actual, cheo de poesía visual, reflexións metafísicas e enigmas inexplicados que a directora traduce mediante planos cenitais da fraga movida polo vento, contrapicados das árbores atrevasadas por raios de luz e todo tipo de planos detalle da vexetación. Pero a diferencia de Malick, en Kawase si percibo un sentimento que consegue facer nacer dende dentro e o logra inxectar de maneira orgánica ás súas imaxes. Unha sensorialidade marca da casa na que o atmosférico ten unha orixe e unha vontade “de seu” e menos superficial e embelecedora do que pode parecer.

Binoche, magnífica como sempre á hora de dotar de sentido o seu personaxe, rodou case de forma simultánea esta película e outras dúas ás ordes de Olivier Assayas e de Claire Denis que puidemos ver na pasada edición de Cineuropa. Sen embargo, a película de Kawase tivo un inxusto e incomprensible trato durante o circuito de festivais. Non soamente non se presentou en Cannes, tampouco estivo seleccionada nin en Locarno nin en Venecia. Competiu en San Sebastián mais non foi recibida con entusiasmo por parte da prensa especializada. E por que conto todo isto? Pois porque dentro do meu círculo de amizades a cinta está a ter unha boa ou moderada acollida. Unha vez máis, o público demostra apreciar propostas que se alonxan dunha tanxente, filmes necesitados dunha mirada máis inqueda e paciente que, a crítica, no seu ímpeto de enxuizar (pulgar arriba/pulgar abaixo), semella non deixarse mover pola curiosidade e a capacidade de sorpresa.

Kawase ofrece a través de Viaxe a Nara un renacemento persoal e natural, un filme de múltiples capas e de revisión do pasado por medio de indefinidos e suxerentes flashbacks, un camiño de introspección a través da conexión coa natureza, que é á vez un alegato ecoloxista. Así, e aínda con tachas, é a obra máis persoal da última década de Naomi Kawase, mostrando as súas inquedanzas espirituais a expensas, e sen restar mérito á película, dun fondo que queda relegado pola forma. Diso pode tratar o cine, ademais. Sempre o digo, a veces fixámonos demasiado no que un cineasta consigue e non tanto no que busca, concentrándonos a miúdo no carácter constructivo do cine e moi rara vez no seu carácter exploratorio.

Viaxe a Nara
Director: Naomi Kawase
Guión: Naomi Kawase
Fotografía: Arata Dodo
Música: Makoto Ozone
Ano: 2018
País: Xapón
3
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.