15 películas que todo amante da música debería ver

Poucas cousas son tan universais como a música. A música é a vida, e sempre foi usada polo ser humano para expresar aquelo que, moitas veces, non se podía transmitir con simples palabras ou xestos. Co nacemento do cinema, o vencello da música á imaxe en movemento foi automático: desde os primeiros pianistas nas proxeccións das películas silentes, ata hoxe, onde a banda sonora serve coma recurso extradiexético para ambientar a narración e mesmo adiantar o que está por vir.

Con estes precedentes, pouco tardaría a melomanía en atopar un espazo na séptima arte. Impresos para sempre ficaron na gran pantalla anacos da historia musical do último século, con máis ou menos desviacións do feito real en favor da narración, pero sempre útiles, aínda que sexa, para satisfacer ao mesmo tempo o gusto polo cinema e a música. Hoxe traemos 15 exemplos de como o amor pola música conseguiu apropiarse do celuloide. 15 filmes onde a música non é só pura ambientación, senón o eixo central sobre o que se constrúe a imaxe.

24 Hour Party People

Michael Winterbottom

2003

Empezamos forte. Ningún produto de ficción soubo capturar tamén como 24 Hour Party People a idade de ouro do rock británico. O falso documental segue a historia real de Tony Wilson -interpretado por Steve Coogan-, o gran artífice da esfera musical de Manchester, fundador de Factory Records e a mítica sala The Haçienda. O filme abrangue case dúas décadas de fitos musicais, desde o descubrimento dos Sex Pistols en 1976 ata o peche da Haçienda en 1992. 24 Hour Part People bota unha ollada sobre os grandes grupos británicos do post-punk e do new wave, personificando en clave de humor a Joy Division, New Order ou Happy Mondays. Simplemente imprescindible.

Alta Fidelidade

Stephen Frears

2000

A adaptación da novela de Nick Hornby é xa un clásico da comedia dramática. Alta Fidelidade supuxo unha fazaña na súa tarefa de desvelar as feas verdades ocultas tras a ideoloxía da masculinidade. Búrlase sutilmente do seu protagonista (John Cusack), personificando o absurdo do ego masculino na habitual condescendencia que os amantes da música -sobre todo homes- manteñen cara o resto do pobo chan. Rob é dono dunha tenda de discos, sempre ambientada cunha banda sonora de luxo: The Kinks, The Velvet Underground, Bob Dylan, The Beta Band… Non é mala hora para revisitar Alta Fidelidade, pois hai pouco estreouse unha nada desdeñable readaptación á televisión, desta vez protagonizada por unha muller.

Pink Floyd – The Wall

Alan Parker

1982

A interpretación audiovisual da lendaria obra mestra -de moitas- de Pink Floyd, guionizada polo mesmísimo Roger Waters, é moito máis que unha película: unha inmersiva viaxe cinemática onde música, imaxe e animación se fusionan para conformar un pesadelo que corroe a alma, ao tempo que satisface os sentidos da vista e o oído ata provocar a catarse. Poucos filmes foron capaces de plasmar o illamento mental como The Wall. Fascismo, drogas, sexo e violencia mestúranse coa música dunha das mellores bandas da historia, artellando unha auténtica obra de arte.

Control

Anton Corbijn

2007

Dispoñible en Filmin

Ousada é a tarefa de plasmar a vida de Ian Curtis, unha icona que ficará para sempre na cultura pop tanto pola importancia musical de Joy Division, como pola fugacidade da súa traxectoria. E a labor de Corbijn non podería ter mellor resultado. Tinguida dunha sombría estética en branco e negro, Control supón un retrato extremadamente fel á figura á que rinde homenaxe. Tanto na veracidade dos acontecementos recollidos -os últimos anos de Curtis, que foron tamén os anos de vida de Joy Division-, como na materialización da tempestade emocional que desprenden as súas letras, aquí debuxada á perfección nun rapaz de 23 anos que marchou demasiado novo.

Ray

Taylor Hackford

2004

Quizais o maior erro de Ray radique en que a ansiosa pretensión por trazar minuciosamente a vida de Ray Charles remate por disipar calquera análise profunda sobre o mundo interior do protagonista. Aínda así, a espléndida interpretación de Jamie Foxx no papel dun dos artistas máis versátiles e vangardistas da música negra, xunto cunha espectacular escenificación dos números musicais, fan da película un auténtico canto de amor á música e a un dos seus ecuménicos mitos. Como curiosidade, o guión foi traducido ao braille e enviado a Ray Charles para que o revisase, xusto antes do seu finamento en 2003.

Case Famosos

Cameron Crowe

2000

Case Famosos é todo nostalxia; e funciona. En clave semi-autobiográfica, Cameron Crowe verte aquí as súas vivencias como novísimo columnista da Rolling Stone nos anos 70. William (Patrick Fugit) segue a xira do grupo Stillwater -a todas luces inspirado en The Allman Brothers Band e Led Zeppelin-, ao tempo que namora dunha das groupies da banda, Penny Lane (Kate Hudson), nomeada como a canción dos Beatles. A cultura do rock dos 70 emana a borbotóns, e o espectador diríxese onde a música o quere levar.

Straight Outta Compton

F. Gary Gray

2015

Dispoñible en Movistar+ e Vodafone TV

O hip hop conseguiu comezar a evolucionar musicalmente e superar as súas eivas ideolóxicas con Kanye West, pero nunca está de máis mirar atrás; cara as raíces, cara o gangsta rap. Straight Outta Compton relata a historia de N.W.A., un dos primeiros e máis importantes grupos de hip hop da historia. O que se nos quere contar é como un grupo de rapaces do guetto batallaron contra a marxinalidade e o racismo mediante a música, e con ela alcanzaron a gloria. Como foron Dr. Dre, Ice Cube, Arabian Prince, Dr Yella, Eazy-E e MC Ren, Straight Outta Compton é auténtica raiba.

Empire Records

Allan Moyle

1995

Dispoñible en Prime Video

Vapuleada por crítica e público na súa estrea, Empire Records rematou por recibir o codiciado título de película de culto. É mala a rabiar, pero desprende encanto e petardeo de instituto por todos lados. Un grupo de mozos da xeración X que darían a súa vida por salvar a tenda de discos na que traballan. Para desfrutar sen pretensións, simplemente polo pracer do humor fácil edulcorado cunha banda sonora de luxo (The The, The Cranberries ou Dire Straits, entre moitísimos outros).

Yellow Submarine

George Dunning

1968

Escoller unha soa película dos Beatles é como nomear a un fillo como favorito. Mais se cómpre decidir unha, Yellow Submarine debe levarse a coroa. Unha viaxe lisérxica onde as coloridas animacións se suceden a través de gran parte do mellor repertorio dos Beatles ata 1968. É moi probable que Yellow Submarine supuxese o gran salto do cinema de animación cara unha ficción destinada ao público adulto. Mais cómpre non esquecer o encanto do resto da filmografía dos Beatles: Que noite a de aquel día, Magical Mystery Tour e, sobre todo, Help! (mellor omitimos a tediosa Let It Be) son de obrigado visionado para todo fan dos catro de Liverpool.

Escola de Rock

Richard Linklater

2003

Dispoñible en Vodafone TV

Desde Balea reivindicamos que Escola de Rock se considere unha boa película na cultura pop. Jack Black facendo de Jack Black -coma sempre- e montando unha banda de rock cuns nenos de primaria, que pode saír mal? Sorprende que o director sexa Richard Linklater pero, por outra banda, observamos o amor que o director de Dazed and Confused e Boyhood amosa sutilmente nos seus filmes, agora máis explícito que nunca: AC/DC, The Doors, David Bowie, T.Rex, The Clash, Black Sabbath… O único terrible de Escola de Rock é, sen dúbida ningunha, a horripilante dobraxe ao español de Dani Martín.

The Blues Brothers

John Landis

1980

Dispoñibles en Filmin

John Belushi e Dan Aykroyd consolidáronse nos 80 como unha das parellas cómicas máis dinámicas vistas na gran pantalla. O blues eríxese aquí coma un estilo de vida, traducido no humor máis tolo e irreverente. E personifícase en estelares cameos –James Brown, Cab Calloway, Aretha Franklin, Ray Charles– que se combinan coa espléndida banda sonora orixinal dos Blues Brothers.

Whiplash

Damien Chazelle

2014

Dispoñible en Sky

Por non duplicar director, nesta lista non rematou La La Land. Porque se hai algo que expresa Whiplash por riba de todo, é o amor incondicional á música e, sobre todo, ao ritmo. E poucos filmes máis rítmicos e dinámicos se viron na historia do cinema: a montaxe frenética, acompañada cunha impecable produción de son, guían a metraxe de xeito incansablemente trepidante. Ata tal punto, que unha historia sobre un rapaz que quere chegar a ser batería de jazz remata por converterse nun thriller.

Na Corda Frouxa

James Mangold

2005

A historia dun artista que, no intento de comerse o mundo, case se consome a si mesmo. Baseada en dúas autobigrafías de Johnny Cash, Na Corda Frouxa relata o percorrido dun dos músicos estadounidenses máis lendarios da historia. Desde os seus inicios na música, ata a adición aos barbitúricos e anfetaminas que case remata coa súa vida. Joaquin Phoenix personifica solidamente a Cash, e Reese Witherspoon firma a mellor interpretación da súa carreira no papel dunha muller que loita por querer a un home en plena autodestrucción. A pesar do errático guión, o espléndido departamento dramático e, sobre todo, a banda sonora, fan de Na Corda Frouxa un visionado fascinante, que vai moito máis aló do fan-service.

Hedwig and the Angry Inch

John Cameron Mitchell

2001

Dirixida, escrita e protagnizada por John Cameron Mitchell, Hedwig and the Angry Inch foi o máis vangardista visto no cine musical desde The Rocky Horror Picture Show. Obviando o descarado anticomunismo estrutural que envolve o filme -unha muller transxénero da Alemaña do Este que consegue a liberdade ao outro lado do Muro de Berlín e, ademais, casando cun soldado americano-, consolídase como unha impactante e profunda exploración humana, máis aló da superficial dimensión que nun momento parecerían dotar ás súas personaxes. Todas as iconas musicais da liberación sexual teñen un espello aquí, desde Bowie ata Cher, pasando por Lou Reed ou Iggy Pop.

8 Millas

Curtis Hanson

2002

Resulta fascinante ver a Eminem protagonizando unha película, pero non era para menos: a historia dun rapeiro branco que loita por atopar a fama nun xénero dominado por afromericanos. Realmente 8 Millas non é un musical de hip hop, senón de pop. Mais iso non deshonra o lucimento do seu protagonista á hora de descargar a súa raiba, nin tampouco as marabillosas batallas de rap que se suceden marabillosamente durante toda a metraxe. Jay-Z, Outkast, Wu Tang Clan ou Notorious B.I.G, entre moitos outros, -ademais do propio Eminem, por suposto- edulcoran unh filme que supuxo unha ponte para a popularización do rap máis aló do mundo anglosaxón.

Pódeche interesar...
‘Behind Lucy’ é seleccionado no Sunny Side of the Doc Pitch