’30 moedas’: Entretemento consciente

30 moedas é a nova serie de Álex de la Iglesia para HBO. Nun pobo do rural de Segovia, un cura novo, boxeador e misterioso chega á localidade. A partires de aí, o conflito comeza a escalar dende pequenos sucesos paranormais no lugar ata un conflito ultrerior entre o ben e o mal vehiculizado mediante as 30 moedas polas que Xudas vende a Xesús.

Un dos aspectos positivos da serie é a documentación respecto a unha cara do cristianismo que non adoitamos ver en pantalla. Álex de la Iglesia cursou a carreira de teoloxía e é algo que se nota na documentación. Son moi atractivas as seitas paralelas ao cristianismo, os obxectos de poder que aparecen na serie e, en xeral, todo o relacionado coa igrexa en toda a súa obra. Si, era un dobre sentido.

Por outra banda, era unha serie necesaria na ficción española. Unha obra cun orzamento máis que aceptable financiada por unha plataforma de streaming, neste caso HBO, pero que colla todos os elementos dunha ficción de entretemento clásica española e aproximando ao fantástico ao público xeral. É complicado lograr que unha serie en principio de nicho chegue a tanta xente como a que chegou 30 moedas.

E como o fai? En primeiro lugar mediante un casting moi interesante. Colleuse a nomes coñecidos da ficción española como Pepón Nieto, Morris, Paco Tous, Macarena García, Miguel Ángel Silvestre ou Carmen Machi (estes tres últimos realmente sorprendentes) para armar unha historia dun pobo, co seu imaxinario propio. Un lugar onde se pode falar de seitas cristiás e do mesmo Satán, mentres se pide unha morcilla na carnicería. E nese costumismo é onde brilla a serie. Nas interaccións do garda civil cun alcalde que non comprende nada. Nos chismes no único bar do lugar.

E hai que falar por suposto dos compoñentes fantásticos. Aquí comeza o desigual. Hai episodios onte todo funciona e semella estar ante unha das mellores series de xénero do mundo e outras onde o acabado visual bota para atrás. A serie brilla na ambientación e nas ideas para levar a cabo, pero ás veces incomprensiblemente erra na execución.

En parte é por unha fotografía pésima. Hai un uso da cor nada sutil, pero o maior inconveniente é a iluminación. Xa dende o principio este aspecto era deficiente, pero a medida que avanzan os capítulos, vaise deteriorando. Non entendo cal era a intención neste sentido, pero por momentos o que debería ser épico ou terrorífico transfórmase e simplemente entretido.

E aquí temos a cuestión. 30 moedas é consciente do seu labor como serie de entretemento. No seus capítulos semana a semana enganchou a moitísimas persoas. Ten o toque fantástico que sorprende, pero no fondo segue unha dinámica de serie española habitual. Cos seus romances, os seus misterios pasando a un drama de personaxes en moitas ocasións, torpe.

Porque o guión é o seu principal problema e acerto ao mesmo tempo. Sexamos francos, semella estar escrito como unha película de serie B. E aquí está a xenialidade: funciona igual. Tómase tan pouco en serio a si mesma que non importa cantas contradicións, conveniencias de guión, diálogos horribles e sucesos apresurados haxa. O espectador tampouco a tomará en serio porque 30 moedas é tan consciente do seu carácter de entretemento que xoga con iso para avanzar.

30 moedas non ten vocación de ser a mellor serie do ano nin a revolucionar nada no eido fantástico, pero está feita para entreter. E sobre todo, nótase que está feita mentres o seu director se divertía moito. E cómpre destacar que non era unha aposta segura nin moito menos e que esta viaxe, cos seus defectos, foi máis que divertida. Iso si, nunca perdoaremos que o único monstro ridículo da historia estivera no capítulo final. Non o vou negar, agardarei a segunda tempada con moitas ganas.

Creador: Álex de la Iglesia Guión: Álex de la Iglesia, Jorge Guerricaechevarría Música: Roque Baños Fotografía: Pablo Rosso Ano: 2020 País: España
3
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.