‘3Camiños’, a serie transmedia sobre o Camiño de Santiago, chegará a Amazon Prime a finais de ano

Comeza a rodaxe da ficción, que se atopa dentro do marco de actividades de promoción do Xacobeo 21

Onte presentouse oficialmente a serie 3Camiños, a primeira serie transmedia e internacional sobre o Camiño de Santiago. A produción da serie, encabezada pola empresa compostelá Ficción Producións coa colaboración de Amazon Prime e da produtora alemá Beta Films -entre outros moitos grupos internacionais- conta cun financiamento da Xunta de 1’5 millóns de euros, co fin de promocionar o Camiño e o vindeiro Ano Xacobeo 2021.

A ficción estará dirixida polo cineasta ourensán Norberto López Amado, e rodarase en tres países e cinco continentes. Narrará a experiencia de cinco mozos de diferentes países en tres Anos Santos -2000, 2006 e 2021-, nos que compartirán a experiencia de realizar o Camiño Francés, desde Roncesvalles ata Muxía.

O máis interesante do formato será que, ademais de distribuírse internacionalmente por Amazon Prime a finais deste ano, virá acompañada dunha campaña transmedia a cargo da axencia creativa Fluor Lifestyle. Ademais, a banda sonora, composta por Manu Riveiro -integrante de Milladoiro, será interpretada por varios músicos recoñecidos, entre os que se atopan Iván Ferreiro e Anni B Sweet.

Pódeche interesar...
É posible mesturar poesía e música urbana galegas?