‘A conxura contra América’ ou David Simon contra o fascismo

O autor de 'The Wire' pon a súa firma persoal e esta obra de gran actualidade

Antes de dedicarse ao mundo audiovisual, David Simon foi xornalista. Exerceu este oficio durante vinte anos no Baltimore Sun ata que se viu obrigado a deixar o traballo nun momento de transformación dos medio de comunicacións. Un período onde en certa medida os contidos de investigación cederon o seu lugar á imaxe, o impacto e unhas rutinas de traballo que moitas veces van en contra da información.

O autor se series tan aclamadas como The Wire , Tréme ou The Deuce, semella en moitos aspectos herdou os valores da súa antiga profesión á hora de facer series. Contar as súas historias dun xeito case documental sobre unha importante base de investigación real, protagonismo coral, personaxes que son claroscuros en si mesmos enchidos de contradicións… En definitiva, un realismo social aplicado á ficción.

Tamén elixe os seus traballos cunha marcada intencionalidade. En moitas ocasións, mostra a persoas maltratadas polo sistema capitalista e confronta directamente co chamado soño americano e co discurso do emprendemento. Nas obras de Simon non se espectaculariza a morte, non hai sangue innecesaria, a violencia non é unha forma de evasión. E case todas estas características repítense na súa última obra, A conxura contra América.

UNHA VERSIÓN DA HISTORIA

A serie, baseada nunha novela de Philip Roth, parte da premisa de que o pronazi Lindberg gana as eleccións contra Roosevelt, polo que Estados Unidos nunca intervén na Segunda Guerra Mundial. É un contexto ficticio, mais moitos dos personaxes que aparecen, como o novo presidente ultradereitista, foron personaxes que existiron realmente. Non chegou a ocorrer, pero moito do contexto que se amosa si.

Conxura contra América é puro Simon. Diálogos intelixentes con moita información importante, un punto de vista colectivo (neste caso o de unha familia xudía de New Jersey) e un peso moi importante dos acontecementos globais que poden influír no comportamento persoal. Dáselle especial importancia aos nenos e ao xeito de ver o mundo en diferentes momentos do seu crecemento: o final da infancia e plena adolescencia.

Unha das cousas máis interesantes é o xeito que ten de retratar o fascismo. Móstrase como algo moito máis complexo que catro lemas e unha figura de culto. De feito, suprímese practicamente a simboloxía, mais amósase sen ningún tipo de reparo como o gran poder económico sae beneficiado ou como a Policía dese estado ficticio pero non tan ficticio ten unha relación próxima con estes sucesos.

A ULTRADEREITA CONTRA AMÉRICA

Ao sacar o contexto de Europa, suprímese a confrontación antagónica co comunismo desa época. Os estadounidense acababan de aprobar o New Deal e na serie non se mostra miseria ningunha. É interesante como esta ultradereita confronta coa idiosincrasia norteamericana baseada na propiedade. Isto vese especialmente no pai de familia, un idealista que aprende ás malas os tempos difíciles que está vivir.

É un grande acerto o punto de inicio da serie, que non é con Lindberg no poder senón que se toma o seu tempo para explicar como gana as eleccións. Tamén é moi destacable como se mostra o triunfo do discurso antisemita. Vaise facendo poderoso baseándose nun obrerismo falso como escusa para intervir na guerra e en líderes de opinión seducidos polo poder para convencer ás minorías. É dicir, existe un certo paralelismo con certas situacións da actualidade. E Simon non oculta isto en ningún momento.

A estrutura dos episodios é vital para este fin. Entre as seis partes das que se compón Conxura contra América hai unha separación duns seis meses. Pode observarse unha evolución clara nas personaxes que en ningún momento se sinte forzada. Neste punto, destaca especialmente a parte final da obra cun final moi interesante que xoga moi ben coa elipse.

UNHA SERIE FIRMADA POR DAVID SIMON

A pesar da enorme violencia existente no universo de caos que remata formándose, a súa presencia en pantalla redúcese ao mínimo necesario. Porén, a serie é quen de crear unha atmosfera realmente asfixiante e onde se pode ulir o medo das personaxes en moitos momentos. E aí está precisamente é onde brilla. A serie non vai de persoas violentas matando inocentes, vai se como esas persoas viven esa violencia.

O inicio, como é costume nas serie de David Simon, é lento e fuxe da espectacularidade para enganchar ao espectador como outras obras de HBO como O conto da criada. Pouco a pouco, vaise trenzando unha historia complexa que esta vez si está adornada cuns movementos de cámaras e un certo manierismo na dirección que non estamos acostumados a observar todas as súas obras.

A conxura contra América postúlase como unha das grandes series deste 2020 tan incerto. É unha análise tan valente como acertado dun contexto aínda máis complicado que o actual. Ficción que se sinte como real porque mira tanto ao pasado como ao presente aos ollos.

Creadores: David Simon
Guión: Philip Roth, David Simon, Ed Burns, Reena Rexrode
Fotografía:Martin Ahlgren
Ano: 2020
País: Estados Unidos
4
Pódeche interesar...
O Carballo Interplay abre a inscrición para o seu Campamento Kamikaze