‘A liga da xustiza’: Catro horas de Zack Snyder

Os fans foron quen de logralo. O Snyder Cut da Liga da xustiza é unha realidade, e independentemente da calidade da película, que a comunidade logre a creación dun filme tan ambicioso (tendo en conta o orzamento) é unha boa noticia con independencia da súa calidade. Pero aquí estamos para falar do resultado.

Moito se está a falar estes días da película, para ben e para mal. Fans de Snyder e DC defendendo todo do filme e críticos do director odiando o produto dun xeito case irracional. Case como se tiveran un problema persoal con Snyder. Eu, sendo honestos, non son especialmente admirador do seu cine, por non dicir que non me gusta polo xeral, pero iso non implica que á hora de falar dunha película non haxa que facelo dun xeito ponderado. E sobre todo, cunha vara de medir similar a todo o xénero de superheroes.

En ningún caso hai que perdoarlle os erros ao filme, pero si entender cal é a xénese do mesmo. A Liga da xustiza primixenia foi rematada por Joss Whedon logo de que Snyder abandonara o proxecto. É unha das poucas películas que non rematei da miña vida do mala que era, non me escondo. E esta versión é mellor, iso creo que ninguén o pode negar. Está mellor montada e ten unha talonaxe moi mellorable pero que vai acorde co deseño dos personaxes. Que non son do outro mundo nin moito menos, pero estaban pensados para ter unha fotografía baseada en cores frías.

Outro asunto do que se está a falar moito é o formato elixido, os 4:3. Son o primeiro que pensaba que era unha extravagancia do director, pero a verdade é que ten sentido. Non entro a valorar se é o mellor formato para contar a súa historia, pero si que é coherente co presentado. A meirande das composicións do material novo baséanse no vertical e ten todo o sentido do mundo que non se elixiran os 16:9. Efectivamente, parte do material antigo está reescalado e nalgúns puntos pode notarse, pero a decisión dos 4:3 ten lóxica dende o punto de vista creativo.

Tamén está en discusión se é realmente é unha nova montaxe do filme orixinal tendo investidos máis de 70 millóns en material novo. E dende logo, vendo o resultado final, pódese dicir que malia o material coincidente, pódese afirmar que esta película é outra. Cos seus acertos e erros, pero é así. O filme que rematou Whedon pode quedar ben enterado

E agora por fin, a falar da película, que se me están cansando os dedos de escribir contexto. O primeiro que chama a atención son as 4 horas de duración. É unha obra extremadamente longa para o que conta, pero en parte isto non é tanto culpa do filme en si como da organización de DC. Por que facer unha película sobre a unión de superheroes unidos contra un mal maior sen presentar previamente a todos os seus personaxes?

Enténdese que esta película debería ser o punto álxido do desenvolvemento duns personaxes dos que previamente deberiamos coñecer cando menos un pouco da súa historia. E aquí Snyder debe explicar o contexto de polo menos Flash e Cyborg. A vantaxe é unha maior carga dramática que non tería o filme de non existir, pero que dispara a duración. E non todo o mundo ten catro horas que gastar nunha película que tampouco é a marabilla do século.

E non o é, aínda que sexa mellor que a orixinal. Ademais de descubrir que algún dos peores planos da metraxe orixinal efectivamente os gravara Snyder, o filme ten todos os tics do director. Esas cámaras lentas innecesariamente longas e constantes, un ton de anuncio de perfume todo o tempo e unha banda sonora que pretende crear temas concretos para algúns personaxes, pero co facer dun neno de dez anos xogando con monecos de acción, porque Snyder é moitas cousas, pero sutil non.

Iso si, grazas a como están pensadas as secuencias de acción, o filme é entretido dentro das súas limitacións, que é o que eu entendo que se lle pide a un filme de estas características. Obviamente faise longo, son catro horas de filme. Pero dadas as circunstancias, neste sentido cumpre aínda que non sexa amplamente.

Sen facer spoilers argumentais, hai que comentar que o personaxe de Flash ten delito. Se Snyder pretende facer unha película escura, lúgubre e seria, realmente que Flash só se utilice como alivio cómico, non lle vén nada ben. Comezando pola súa presentación, que é das cousas máis anticlimáticas e ata incómodas que vin eu no audiovisual. Iso é o principal conector do filme coa Liga da Xustiza orixinal e en ningún punto pode considerarse positivo.

Outro inconveniente é o seu antagonista e o equilibrio de poderes do seu universo. Supoño que isto non ten que ver precisamente con Snyder, pero levar a cabo unha historia de superheroes que para ter emoción debe prescindir dun dos seus compoñentes porque lles gaña a todos, ten un problema enorme dende a súa xénese. Se Superman aparece, remata o filme. En futuras películas do universo DC van incapacitar ao personaxe dun xeito cíclico ata que apareza kriptonita de casualidade? Todo o que se pode facer con el é cutre. Polo menos nas circunstancias actuais.

Ademais, o epílogo sobra completamente. Planta a semente da recuperación do Snyderverse, pero semella que ten fins máis comerciais que outra cousa. En termos de película non aporta nada e ata parece que está gravado con preguiza. Dende logo, estou seguro de que a meirande parte do público agradecería que non existise.

En definitiva, esta Liga da Xustiza de Zack Snyder é puro Snyder, máis para o malo que para o bo. Mellora a película orixinal e colócase como un dos mellores filmes de DC? Si, pero ningunha das dúas cousas entrañan maior mérito. O certo é que sen ser unha cousa terrible, esta película ten moitos elementos mellorables. É o filme que quería Zack Snyder, pero o que quere Zack Snyder non ten por que ser o mellor.

Director: Zack Snyder
Guión: Chris Terrio
Fotografía: Fabian Wagner
Música: Junkie XL
Ano: 2021
País: Estados Unidos
2
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.