‘A muller na ventá’: Coidado cos veciños!

A muller na ventá, a última película de Joe Wright dispoñible en Netflix, dende logo ten un argumento interesante. Unha muller adicta ao alcol e con agorafobia (terror a saír da casa) un día presencia un crime. Debido aos seus problemas ao seu particular xeito de comportarse ninguén a cre.

Hai varios elementos moi interesantes nesta película. En primeiro lugar, o punto de vista elixido. Constantemente o que ve o espectador está en dúbida. A protagonista, magnificamente interpretada por Amy Adams, é unha persoa medicada e que bebe demasiado para a súa situación. Moi cedo se nos mostra que é perfectamente capaz de ver alucinacións.

E esa circunstancia está totalmente trasladada ao espazo onde está situado o filme. A casa vai cambiando. Só sabemos que hai unha fiestra na parte de arriba e hai un soto onde vive un home. O resto se retorce e muda constantemente. Nunca chegamos ver un plano xeral do espazo, e é unha decisión magnífica tendo en conta o punto de vista.

Pero quizais o máis destacable de A muller na ventá sexa o poderosas que son as súas imaxes. Todos os planos están compostos dun xeito delicioso e cun gran traballo fotográfico. Situar a película en interiores fai que haxa marxe para que o traballo na fotografía poda lucir moito, con iluminacións cambiantes e moi acertadas e un uso da cor que bebe directamente do giallo.

A primeira hora desta película é absolutamente reivindicable, cunha narrativa mediante imaxes moi potente e un acerto á hora de asentar o filme no terror psicolóxico que lle vai moi ben á forma elixida para contar. Pero os problemas veñen na parte final da película, que non fai xustiza ao anterior.

É verdade que o punto de vista do filme é a protagonista, un dos que non nos podemos fiar. Pero neste caso se decide contar o contexto da personaxe interpretada por Amy Adams mediante un flashback que corta absolutamente o ritmo da película e que honestamente, quítalle moitísimos puntos.

Posteriormente a iso, toda atmosfera creada remata rompéndose cando nun punto de xiro bastante cuestionable, o terror psicolóxico convértese en slasher. En absoluto estamos ante un produto horrible, pero si ante un que despois do seu primeira hora se transforma nalgo bastante mediocre. En todo caso, eses primeiros minutos son absolutamente reivindicables. É máis, son do mellor no cine de xénero no que levamos de ano.

Dirección: Joe Wright
Guión: Tracy Letts
Fotografía: Bruno Delbonnel
Música: Danny Elfman
Ano: 2021
País: Reino Unido
2.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.