‘A outra Missy’, a comedia que se ri do espectador

Netflix distribúe unha das súas peores películas

A outra Missy é a última comedia publicada por Netflix. A película parte dunha situación bastante loca: o protagonista ten unha cita que é un desastre, pero tres meses despois coñece á que parece a muller da súa vida. A cuestión é que se chaman igual -Missy- e por circunstancias remata levándose á equivocada a un resort de luxo con toda a súa empresa.

O filme parece que lle ven como anel ao dedo a Adam Sandler vendo a súa traxectoria, mais semella que tras o seu grande papel en Uncut Gems, polo menos tardará un tempo en protagonizar este tipo de filmes. E isto é unha mágoa, porque o seu substituto é David Spade, que carece de todo o carisma de Sandler. Porque si, Adam Sandler é un bo actor.

Que a meirande parte dos filmes que protagonizan sexan putrefactos, non significa que el non sexa un especialista en levalos adiante. Polo menos diante da pantalla, porque o seu nome aparece como produtor. Igual por este dato -e isto non é broma- a súa esposa, o seu fillo e a súa filla saen no filme. Ningún ten un papel destacable, como practicamente nada neste filme. Polo menos parece que tiveron unhas vacacións familiares nunha illa paradisíaca, feito do cal podo alegrarme.

UNHA PELÍCULA DESFASADA

O filme soamente se pode cualificar como un desastre. Os seus chistes sen gracia baséanse en personaxes estrambóticos, a loucura exacerbada de Missy, unha personaxe sacada de calquera filme protagonizado por Jim Carrey, e nunha comedia física fatal realizada. Ao final parece unha competición de ser máis grotesco en cada secuencia pero sen o compoñente cómico. E remata sendo iso, unha sucesión de situacións lamentables. O único efecto posible é a vergonza allea.

En todo momento, A outra Missy síntese como se levara polo menos vinte anos tarde. Humor casposo que xa non se corresponde coa sociedade actual e sen xustificación por ningunha parte. En definitiva, posúe unha forma anticuada e ningún tipo de ambición. Nin tan sequera de entreter. Porque ver algo lixeiro non ten por que significar que sexa malo. Que algo non posúa estándares de produción altísimos non xustifica a súa mediocridade.

DESPREOCUPACIÓN

A trama é predicible ata dicir basta e carece de sentido en moitas ocasións. Non por ser unha comedia absurda ou ir cara o surrealismo, senón por pura despreocupación ou falta de talento dos seus guionistas. Ademais, as bromas recorrentes e que deberían axudar a definir as personalidades das personaxes non só non funcionan, senón que resultan ata desagradable. Se algo non ten gracia á primeira, á quinta aínda menos.

Salvo dous gags contados que poden sacar un medio sorriso, todas e cada unha das secuencias da obra son malas con ganas. É unha película que se burla do espectador e en ocasións o trata como se tivera doce anos, idade nada recomendable para ver un filme destas características. A Outra Missy vive noutro tempo iso está claro, o que non está moi claro en cal.

Dirección: Tyler Spindel
Guión: Kevin Barnett, Chris Pappas
Fotografía: Theo Van de Sande
Música: Matt Messina
Ano: 2020
País: Estados Unidos
1