A ‘Raíña de corazóns’ máis polémica da historia

O filme está precisamente filmado e aborda o seu tema dun xeito honesto

A ignorancia é perigosa. Nun principio producíame entre graza e curiosidade que se comercializase o novo filme da directora danesa May el-Toukhy como A raíña de corazóns. Segundo os meus coñecementos de danés que se limitan a unha terceira persoa que prometo que non é o tradutor de Google o título orixinal, Dronningen, significa “raíña”. Sen ningún tipo de engadido. Polo tanto, chamoume a atención o troco.

Resultou ser unha decisión moi acertada e relevante dado o paralelismo da protagonista coa icónica personaxe da novela de Lewis Carroll. Este personaxe literario é unha muller ditatorial, cun grande carácter e fortes dotes de mando á que ninguén é quen de contradicir. A protagonista do filme ten esas trazas no seu carácter. Sen caer nunha personalidade maniquea, pódese entender que soamente está cómoda vivindo nun mundo onde ela pon as normas. Esa metáfora cobra unha personificación directa co filme en que precisamente este conto é o que lle le as súas fillas polas noites.

Anne, esta avogada especializada en casos de abusos contra mulleres interpretada por unha espectacular Trine Dyrholm, é mil veces máis complexa que a raíña de corazóns coa que se topa Alicia, mais é relevante na película. A protagonista do filme ten unha vida tranquila nunha casa nunha zona acomodada, un marido e dúas fillas. Por circunstancias, un fillo dun matrimonio anterior do seu home comeza a vivir na súa casa. Ela síntese atraída polo rapaz e rematan por ter sexo.

HERDEIRA DE GRANDES DIRECTORES DANESES

O filme está marabillosamente filmado e destaca por un uso da natureza como significante que pode lembrar ao Lars Von Trier de Melancholia cun par de capas menos de misantropía. Tamén conversa directamente co outro expoñente do Dogma 95, Thomas Vinteberg, concretamente con películas como A celebración.

A nivel estrutural, o filme pode dividirse a través das súas dúas metades: a atracción entre ambos personaxes e as consecuencias do acto sexual. Durante a primeira parte, mostrásenos á protagonista como unha muller madura mais empoderada, algo cansa da súa vida conxugal e en busca de novas experiencias. Pouco a pouco, o guión xera unhas expectativas no espectador de que o filme vai tomar un camiño similar a O dobre máis quince, o filme de Mikel Rueda. É mais, que se van xustificar os actos da protagonizas nun empoderamento feminino.

Nada máis lonxe da realidade. E iso queda moi claro na secuencia do coito. Desposuído de calquera romanticismo e moitísimo máis explícita que a meirande parte de escenas eróticas do cinema. É ruda e produce unha grande incomodidade no espectador. Eses minutos son a verdadeira declaración de intencións respecto ao enfoque do filme. Esa relación sexual non é un climax argumental, senón un punto de xiro que mostra o verdadeiro carácter da obra.

UN FILME POLÉMICO

O posicionamento da directora respecto ao tema a tratar é que iso é un abuso en toda regra, sen maquillaxe nin ambaxes. A pesar de que a partir de aquí a protagonista actúa como una vilá, a construción da relación entre ambos fuxe do arquetipo dunha malvada madrastra xa que o que se busca é facer un retrato complexo dunha persoa que comete abusos, e o que se mostra ten que ver máis con antecedentes vitais e relacións de poder que con outros temas.

É un filme que resulta polémico porque trata o abuso dunha muller a un rapaz. Se ben son feitos estatisticamente menores que aos cometidos por un home, de producirse non deixan de ser abusos e xustificalo doutro xeito non é beneficioso para ninguén. A mensaxe do filme non é criticar un espertar sexual tardío, senón denunciar comportamentos que ademais de inmorais son ilegais con todas as letras. O amor non terá idade, pero sempre a partir dunha certa idade.

A raíña de corazóns é unha película que incomoda a propósito, que lanza imaxes controvertidas ao espectador cunha intención moi clara. Tamén ten unha excelente factura e é interesante para debater sobre ela. Por agora, Alicia conservará a súa cabeza nesta experiencia audiovisual intelixente e complexa.

Directora: May el-Toukhy Guión: Maren Louise Käehne, May el-Toukhy
Fotografía: Jon Ekstrand
Música: Jon Ekstrand
Ano: 2019
País: Dinamarca
4
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.