‘Alice in Borderland’, o sota, cabalo, rei dunha adaptación do manga

Alice in Borderland é aquilo que Netflix leva intentando conseguir xa desde fai tempo. A compañía está a ter unha agresiva tendencia cara o aglutinar animes no seu servizo, de cara a ofertar algo que outras plataformas similares non teñen. Da man desta estratexia, levan un tempo producindo live action adaptando animes e mangas populares, tendo sobre todo en mente películas, como a desastrosa Death Note, e outras que apenas chegaron a popularizarse, probablemente para a nosa fortuna, coma adaptacións de Bleach ou de Fullmetal Alchemist. Pero unha vez referenciada toda esta morralla, Alice in Bordeland parece que pode ser o punto de inflexión que cambie esta dinámica.

Temos que ten en conta dous importantes factores antes de entrar a valorar a serie en si, e é que o manga no que se basea non ten a tremenda popularidade dos mencionados e que tampouco conta cun anime anterior coñecido (ten só un pequeno OVA) co que comparalo. Ademais, o formato serie, e non película, axústase moito mellor a calquera manga que se precie, por razóns obvias que parece que Netflix aínda non vira.

Atopámonos nunha historia de ciencia ficción con moitos toques de fantasía e incluso terror, que nos sitúa nun mundo distópico, pero cunha aproximación certamente orixinal, onde os protagonistas teñen que superar unha serie de xogos macabros para seguir con vida. A música, os planos (moitos primeiros de reacción), a montaxe ou os efectos especiais (que teñen os seus momentos de fantasía propia das pelis de acción de John Woo ou Bruce Lee, con cámaras lentas ao modo do mellor Michael Bay) favorecen un ritmo moi dinámico, pero que tamén deixa tempo tamén para desenvolver aos protagonistas, que non teñen unha profundidade extraordinaria, pero aínda así o proceso de como evolucionan consigue ser interesante.

Desta forma a historia está estruturada en base a dous arcos diferenciados: un primeiro onde a narrativa se centra no desenvolvemento destes “xogos”, dominando o suspense e o terror, provocando certo morbo que por suposto nos recorda a obras como Saw, Cube ou Círculo, pero tamén a outras máis brancas como A Habitación de Fermat, xa que o gore non inunda a pantalla, senón que é a sensación é máis de angustia e incertidume, e a orixinalidade destes xogos fai que tamén se entable unha relación entre serie e espectador, para que desde o noso fogar podamos buscar o truco para desmenuzar estes xogos. Os fortes xiros dramáticos, prototípicos no manga, déixanse ver tamén nesta adaptación, que sorprende xa nos seus primeiros capítulos.

O segundo arco somérxenos nunha desta típicas sociedades retorcidas de ciencia ficción, que de novo nos recordan a outras obras coma High Rise, Lost, ou española O FoxoO contexto deste mundo, que apenas se explica, parece que se desenvolve dunha maneira similar ao propio Fullmetal Alchemist ou Ataque aos Titánsé dicir, unha historia concreta que se vai facendo máis e máis grande ata ver como funciona realmente o mundo no que se insire.

O título, que recorda á Alicia no país das marabillas, non vai moito máis aló da mera referencia, e só seaprecia en que os xogos están relacionados coa baralla de cartas francesa e algunha alusión coma un personaxe que se chama o “Sombrereiro”. Esta non é das mellores series do ano, pero é un produto moi atractivo, a primeira adaptación de Netflix dun manga no que realmente podemos apreciar a forma xaponesa de narrar historias, unha serie que engancha e que xera o suficiente interese como para agardar por unha segunda tempada que explique un chisco máis este mundo. Non nos enganemos, a historia é moi tola, moi fantasiosa, con varios momentos de estar a contemplar unha absoluta “fantasmada”, pero, referenciado ao título de C.S. Lewis, acaso “moitas das mellores series non o son”?

Alice in Borderland
Director: Shinsuke Sato
Guión: Haro Aso, Yasuko Kuramitsu
Fotografía: Taro Kawazu
Música: Yutaka Yamada
Ano: 2020
País: Xapón
3.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.