‘Amigo’: O experimento que saiu ben

Javier Botet é un dos mellores actores españois da actualidade e non se lle valora o suficiente. Esta é unha das conclusións que se pode sacar tras ver Amigo, a opera prima de Óscar Martín. Unha película sorprendente e que se sitúa como un dos filmes estatais máis interesantes dos últimos anos.

O que nos conta en principio é sinxelo. Dous homes chegan a unha casa da España rural interior. Un está en cadeira de rodas e moi mal fisicamente (Javier Botet) e o outro semella o encargado coidalo (David Pareja). Dende o primeiro momento, a fotografía e o planos dinnos que iso non é para nada unha situación feliz onde simplemente un amigo coide a outro, e pouco a pouco a relación entre os dous se vai dinamitando ata a loucura máxima.

Este descenso aos infernos que pode lembrar dun xeito afastado ao Faro de Robert Eggers vén xunto a unha sorprendente capacidade de narrar dun xeito audiovisual. A información que se nos entrega ao espectador está condicionada en todo o momento á composición dos planos, a unha estupenda montaxe e a un deseño de son moi destacable, que por momentos funciona case a xeito de narrador. Os diálogos están desenvolven a súa función, pero non son o eixo central do relato en ningún caso.

A través de todos os elementos vaise construíndo unha atmosfera opresiva que afoga tanto a personaxes e espectador por igual. Onde a liña entre o real e imaxinario é tan fina como unha folla de papel. A película remata convertíndose un retrato psicolóxico dunha relación rota xa dende un comezo, onde os condicionantes desenvolven o que xa existía dende o minuto un da metraxe.

Amigo é un filme con poucos recursos e rodado en apenas unha semana. O que nun principio parecería un exercicio experimental deses que nunca saen ben, remata sendo xa non algo destacable, senón unha película ambiciosa e comprometida. Comprometida neste caso coa súa crueldade, pero coherente co que conta e que homenaxea ao gran Chicho Ibáñez Serrador de xeito literal e figurado. E iso ten que sumar puntos, como non.

Ademais, a clímax cun Javier Botet en gracia é unha das secuencias máis intensas do cine español sen ningunha dúbida. O momento onde a tensión construída ao longo do tempo explota para facerse case insoportable, onde a cámara non corta malia que o corazón do espectador o pide a berros. O problema é o que vén despois.

O filme non sabe rematar. Se ben o plano final é moi destacable, o camiño para construílo deixa bastante que desexar. Outro elemento que negativo é que aínda sendo consciente de que o corpo de Javier Botet ten unha presenza cinematográfica moi potente e narra por si mesmo moitos elementos, hai momentos onde ten demasiada exposición. Roza un morbo incómodo pero non do xeito que quere transmitir o filme. Cabe volver a destacar o ben que o fai o actor, pero o problema neste caso é o ollo da cámara.

En todo caso, Amigo é unha das propostas máis interesantes do terror español dos últimos tempos. Un filme que trata dun xeito moi particular o seu tema e comprometido coa súa forma. Unha experiencia desas que se di que non para todos os públicos, pero si para os amantes do cine de xénero. E do cine en xeral.

Director: Oscar Martín
Guión: Javier Botet, Óscar Martín, David Pareja
Fotografía: Alberto Morago
Música: Manu Conde
Ano: 2019
País: España
4
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.